Lugo conta cuns cantos museos, algún dos cales figura entre os mellores de todo o país
Pero hai un en particular ao que lle teño especial querenza, posto que paso por diante del varias veces ao día
Refírome á Sala de Exposicións Porta Miñá, que alberga restos arqueolóxicos da época romana atopados en diversos puntos da cidade
A sala encóntrase nun antigo matadoiro situado xunto á Porta Miñá ou do Carme
É dicir, unha das escasas portas romanas que conserva na actualidade a Muralla de Lugo
De aquí partía o decumano, a rúa que atravesaba a urbe de leste a oeste, e a Vía XIX, que ía cara a Braga
De aí que o lugar se convertese nun pequeno museo da romanización, á espera doutro meirande aínda non materializado
A través dos restos expostos nas súas vitrinas, quen o visite pode facerse unha idea de como era a vida cotiá en Lucus Augusti
Amósanse pesos de teares, pezas de bronce como fibelas ou prendedores, anacos de cacharros de olería ou mesmo candís enteiros
Tamén se ensina o que facían cos seus finados aquelas xentes que aquí residiron dende a conquista ata a época tardorromana
Ou as obras de arte en que transformaban o chan coas teselas dos mosaicos descubertos en diferentes xacementos do recinto histórico
A localización privilexiada deste museo propiciou que se completase coa exposición in situ dunha cloaca romana
-A este anexo da Sala Porta Miña decidiron denominalo Sub Aqua Terrae, que se pode traducir como Baixo a Auga da Terra-
Descuberta nos anos 90, fora construída a finais do s. IV para canalizar as augas sucias, coa mellora para a saúde pública que implicaba
Coma no resto da rede museística municipal ou coma no Museo Provincial de Lugo, a entrada é de balde
Encóntrase na rúa do Carme, de onde parte tamén o Camiño Primitivo dende o centro da cidade cara a Compostela
Así que xa sabes: se buscas na capital do Convento Lucense un espazo de interpretación do mundo galaicorromano, este é o lugar idóneo
Ningún comentario:
Publicar un comentario