27/08/26

O val do Mosela

 

Este verán viaxamos á rexión vinícola alemá de maior produción e máis prestixiosa no ámbito internacional
Dende Coblenza ata Tréveris, percorremos o val do Mosela río arriba, visitando castelos medievais e vilas de conto
Partimos da cidade máis poboada da zona, que precisamente recibe o seu nome da confluencia deste curso fluvial co Rin





En Coblenza visitamos prazas coma a dos Xesuítas ou Am Plan, onde xantamos
Tamén paseamos polos espazos verdes que rodean o centro histórico da urbe, coma a Josef-Görres-Platz




A continuación, démonos un waldbaden, un baño de bosque, de camiño ao castelo de Eltz
Construída a partir do século XII, esta fortaleza xamais foi destruída, permanecendo intacta ata o día de hoxe
E non só iso, senón que ademais pertenceu sempre á mesma familia, durante 34 xeracións, ata chegar ao conde que a posúe actualmente




Caso moi distinto foi o do castelo de Cochem, situado no alto do outeiro que domina a vila máis turística da rexión
Con máis de mil anos de antigüidade, foi propiedade dos condes palatinos, dos emperadores ou dos príncipes electores
As tropas francesas deixárono en ruínas no século XVII, ata que un membro da alta burguesía prusiana o restaurou no XIX
No III Reich, o castelo foi expropiado, e dende os anos 70 é de titularidade municipal, tras serlle mercado ao goberno federal





No teito dunha da sala de paso, o cuarto sobre a última porta, chama moito a atención este obxecto
Trátase dunha lámpada cunha serea e unha cornamenta de cervo, que tamén se encontra no Burg Eltz
Ademais de dar luz e de ser un símbolo de estatus, este tipo de figuras tiñan tamén unha función protectora





As vistas panorámicas dende o Reichsburg resultan arrebatadoras
Por se o patrimonio cultural non fose dabondo, explican tamén que ata aquí chegue xente de todo mundo
Curiosamente, a forma do val por momentos evoca a do Sil, ao que se suma que alí tamén é común a lousa, coma na Ribeira Sacra




Así e todo, dentro do turismo que se despraza ata Cochem, predomina o interno
E boa parte faino a través dos numerosos cruceiros que sucan as augas do Mosela




Outra cousa que nos chamou moito a atención foi esta máquina dispensadora de botellas de viño
Está situada en pleno centro da vila, coa idea de que os turistas adquiran o produto e o leven ao hotel
No noso caso, aloxámonos no Villa Vie, onde gozamos dunhas vistas de luxo tanto ao río coma ao castelo
 



Pero, por difícil que pareza, o noso seguinte destino foi, se cadra, aínda máis espectacular
Refírome a Bernkastel-Kues, unha vila de fábula que está considerada a capital do viño do val do Mosela
De feito, desta subzona era unha botella de riesling que collemos, en concreto da adega Markus Molitor, que estaba realmente bo




Bernkastel-Kues é famosa polas súas casiñas de tramado de madeira
Sobre todo na praza do Mercado, fotoxénica dende calquera recuncho




Pasear polas rúas do recinto histórico deste lugar é case como viaxar no tempo




Aínda cos ollos regalados co stendhalazo, proseguimos río arriba
Dirixímonos cara á capital do val, Tréveris, urbe celta romanizada canda Lugo




No século IV, Augusta Treverum era a cidade máis poboada ao norte dos Alpes
Daquela era coñecida como a segunda Roma, e de feito chegou a ser residencia dos césares
Da época imperial data a monumental Porta Nigra, de 30 metros de altura, declarada Patrimonio da Humanidade




Sobre estas liñas podemos gozar das vistas dende o alto da porta
Nela fora decapitado o bispo galaico Prisciliano, a primeira persoa executada polo cristianismo
Sorprendentemente, nin no propio monumento nin no museo, con entradas á parte, figura mención ningunha a estes feitos históricos





Pero Tréveris non só pode presumir de ser patrimonio mundial pola Porta Nigra
A catedral, a máis antiga do país, tamén forma parte do conxunto monumental distinguido pola UNESCO
E nesta cidade encóntrase tamén a casa natal do filósofo Karl Marx, persoeiro que sentou as bases teóricas do comunismo
Non nos fomos dela sen probar un viño branco, Alba Romana, feito cunha uva chamada elbling, que sabía exactamente igual ca un albariño





Tras varias xornadas remontando o Mosela, no tramo final da viaxe cambiamos de póla
Aproveitamos para coñecer outra importante cidade histórica alemá de orixe romana, Aquisgrán
Na urbe máis occidental de todo o país, xa en Renania do Norte, visitamos a capela palatina de Carlomagno





A partir desa capela da época do Imperio Carolinxio construiuse a catedral
Considerada a máis antiga do norte de Europa sen reconstruír, esta sé tamén é patrimonio mundial




Nunha cidade onde todo semella xirar arredor da figura de Carlomagno houbo tempo para algo máis que a arte carolinxia
Ademais das termas, no centro vimos un pozo con bonecos articulados, e visitamos algunha tenda de manga, anime e merchandising afín





Na cidade máis importante da rexión, Colonia, coñecemos o monumento máis visitado do país
Tras 600 anos de construción, esta catedral gótica chegou a ser, no século XIX, o edificio máis alto do mundo




Desa mesma época data a Heinzelmännchenbrunnen, a fonte dos gnomos
E da capital da Xermania Inferior imos agora á da Superior, Maguncia, por onde tamén pasamos
Na que é a cidade máis poboada de Renania-Palatinado tamém puidemos ver casiñas con tramado de madeira
Arredor da catedral de San Martiño, cuxo interior incluímos na visita, cadrounos un mercado enorme con produtos de todo tipo





Ademais de viaxar a través dos dous estados de Renania, tamén visitamos Hesse
Na urbe máis poboada do Länder, e capital financeira do país, paseamos polo centro histórico
En primeiro lugar dirixímonos ao Römerberg, a praza situada no corazón da zona vella de Fráncfort




Boa parte de canto se pode contemplar na actualidade foi reconstruído tras a II Guerra Mundial
Foi o caso do Römer, que é a casa consitorial dende hai 600 anos, ou a catedral, que tamén visitamos




Na zona nova, percorremos a avenida Zeil, a vía comercial máis transitada da cidade e unha das máis importantes de Alemaña




Durante a nosa estadía en Fráncfort hospedámonos nun rañaceos na beira esquerda do Meno
Tratábase do Main Plaza Tower, duns 90 metros e feito de ladrillo vermello, que contaba cunhas vistas impresionantes




A torre do hotel atópase no barrio de Sachsenhausen, que constitúe unha das principais zonas de ocio de Fráncfort
E falando de lecer, aínda nos queda por relatar as aventuras que vivimos nun dos mellores parques de atraccións de Europa
Pero iso terá que agardar á entrega final desta viaxe polo extremo occidental do país máis poboado da UE e motor económico do continente

Ningún comentario:

O val do Mosela

  Este verán viaxamos á rexión vinícola alemá de maior produción e máis prestixiosa no ámbito internacional Dende Coblenza ata Tréveris, per...