05/07/24

25 anos en Lugo


Parece que foi o outro día cando fixen vinte anos en Lugo, e resulta que xa pasaron outros cinco
Hoxe mesmo, cúmprese un cuarto de século dende que cheguei a esta cidade, o 5 de xullo do 99
Acabei a carreira un venres, o luns seguinte xa estaba aquí e dende aquela transcorreu media vida




Para aquí veu vivir comigo a miña parella, hai case dúas décadas
Aquí casei tres anos despois, e outros tantos más tarde naceu nosa filla
Fundamos así, Marta e mais eu, un fogar acolledor onde criar a nosa prole





Efectivamente, miña filla é natural de Lugo
Leva toda a vida celebrando o San Froilán ou o Arde Lucus
E aquí ten tamén a maioría das súas amizades, coma unha lucense máis




De feito, Selma botou nove anos estudando no barrio da Ponte
Xusto á beira do río Miño, con vista á ponte vella e ás termas romanas




A nosa vivenda ten tamén vistas á muralla romana
E ao redor da cidade contamos cun espectacular cinto verde
Eu non canso de percorrelo unha e outra vez ao longo das estacións





Pero non só puiden gozar das paisaxes ao pé da casa
Para ben ou para mal, o meu choio implica viaxar por toda a provincia




Dun extremo a outro, e máis alá, visitei numerosos lugares en todos os concellos




Iso si, case sempre ás présas, sen poder gozar do momento coma no tempo de lecer
Arriba e abaixo, a propósito disto, vemos o quiosco da praza Maior de Lugo nas festas patronais e no Nadal




Destes 25 anos, levamos xa media ducia protestando pola manipulación nos medios públicos
Principalmente outros tres compañeiros e mais eu seguimos a participar nos Venres Negros de Defende a Galega




E, ao paso que leva, entendo que seguiremos así unhas cantas sextas feiras máis




Tamén nestes últimos anos, padecemos as restricións da pandemia
No meu caso, traballar nun servizo público esencial permitiume, por sorte, facer vida case normal
Esa mesma vida que pretendo seguir facendo, imaxino que nesta mesma cidade, polo menos mentres siga tratando de informar o país

27/06/24

Pola beira do Fervedoira


Boa parte das andainas das últimas semanas dediqueinas a coñecer mellor o Fervedoira
Deste río do cinto verde de Lugo unicamente percorrera ata o de agora o tramo final, onde entronca co Rato
Así que estiven a explorar os treitos transitables pola beira deste curso fluvial, que son poucos pero realmente espectaculares




O Fervedoira enlaza co Rato na Chanca, xusto antes do gran viaduto decimonónico que comparte nome co barrio
Deste lugar só podo ter boas lembranzas de cando comecei a acudir na compaña da miña filla durante o desconfinamento
Alí ela xogou coas súas amigas, á sombra dos salgueiros que poboan a beira do río neste remanso de paz, lonxe do tráfico e do ruído




Pero había outro paseo que tiña pendente, máis arriba da ponte de Galegos que cruzara ducias de veces
Estoutro tramo logo se acaba, pero paga a pena descubrilo e percorrelo ata o final, onde a vexetación e os humidais impiden seguir adiante




Hai máis vida alén deste final abrupto do paseo fluvial, ben pola estrada, pouco aconsellable, ben polo monte
Unha vez coñecidas todas as opcións, recomendo unha terceira vía, que fai un rodeo polo leste, preto do HULA




Dende aquí unha pista conduce ata o barrio ao que lle dá nome o gravador lucense Manuel Castro Gil
Ao seu carón hai unha ponte, e cando se cruza accédese a esta marabilla natural, un tramo encaixonado con desniveis continuos





Varios centos de metros río arriba, camiño de Muxa e da Campiña, as beiras acaban volvéndose intransitables
Así e todo, compensa a visita, dada a espectularidade deste tramo e a exuberancia da súa vexetación, co seu bosque de ribeira




Unha vez atravesada a rolda Leste, que conduce a Castelo e ao Carqueixo, o río discorre amodo por un treito chan
Estamos en Astrar, preto xa das fontes do Fervedoira, que o avezado explorador descubrirá na contorna dos lagos de Teixeiro
En total, son unha decena de quilómetros de curso fluvial, que se poden percorrer a pé de xeito intermitente dende o centro da cidade

30/05/24

A Espada de San Eufrasio


A que é unha das mellores novelas gráficas galegas de todos os tempos acaba de ver a luz na nosa lingua
Dáse o caso, ademais, de que se trata do idioma en que os autores aspiraban a publicar o cómic dende un principio
Lamentablemente, por avatares que dan conta da situación do sistema editorial do país, naquel momento resultara imposible
Celebremos, daquela, que por fin dispoñamos desta obra mestra na nosa fala, sete anos despois de saír do prelo o primeiro volume
Como compensación, esta é unha edición mellorada, nun tomo de 244 páxinas coa coloración e co rotulado corrixidos onde resultou factible




O punto de partida desta saga está ambientado na segunda metade do século XV, nos anos previos á Gran Guerra Irmandiña
Protagoniza o relato unha familia de campesiños que se ven obrigados a actuar como foraxidos tras serlles arrebatado o seu fogar
Narra, por tanto, unha entretida historia de acción e de aventuras enmarcada nun tempo de loita contra unhas graves inxustizas sociais
Coa maior revolta da época como contexto, a obra requiriu un traballo de documentación exhaustivo para reproducir fielmente os escenarios




O ilustrador, o barallés Miguel Fernández, xa fixera gala dese mesmo rigor histórico en traballos anteriores
É o caso de Os días do cometa, do que falamos no seu momento nesta páxina, que está enmarcado nos anos 80
Ou O fillo da furia, obra encadrada a comezos do século pasado, que conta as andanzas do bandoleiro Mamede Casanova
A edición integral de A espada de San Eufrasio, publicada por Diábolo, é ao fin realidade grazas ao apoio da Deputación luguesa
Precisamente o sábado vindeiro o autor presentará esta nova versión na nosa lingua no Banda á Feira, o maior festival de cómics de Vigo


A Feira da Artesanía de Outeiro de Rei

  No calendario estival temos unha cita marcada en vermello, á que case nunca faltamos Refírome á Feira da Artesanía de Outeiro de Rei , unh...