11/09/08

O Castelo de Lovecraft


El foi o creador da secuencia de adxectivos "brando, visgoso e ominoso"
Disto hai xa noventa anos, cando publicaba relatos nas revistas 'pulp'
Lovecraft, en moitos sentidos, foi un adiantado ao seu tempo
Aínda hoxe en día a súa obra non cobrou todo o valor que debería
H.P. Lovecraft, que era ateo, enxendrou tamén toda unha cosmogonía
Dende os "Grandes Deuses" da Terra aos "Outros Deuses" do Exterior
Cthulu, Dagon ou Nyarlathotep son nomes que só hoxe comezan a soar
Del mesmo se dixo que era "ese gran xenio chegado doutra parte"
Vouvos falar da cara máis amable de Lovecraft (Providence, 1890-1937)
Este autor foi un racionalista acérrimo que se desprendeu de toda crenza
Só así puido crear un universo completamente novo e distinto
Desligado de todo mito, tradición ou relixión existente ate daquela
Nun exercicio insólito, soubo obxectivar por completo o mundo
En termos sicolóxicos, desprendeu todo Non-Eu do seu Eu
Eliminou así toda maxia da súa conciencia, nun alarde da razón humana
Unha vez distinguida a ciencia, dedicouse a desenvolver a súa estética
A expresar algo co que fose capaz de conmoverse a si mesmo
Alienado o obxecto, o suxeito debía agora dar coa súa propia identidade
Neste senso, o máis íntimo reside na paradisíaca infancia perdida
Así, liberada a razón, o home debía recuperar a felicidade primixenia
O estado de harmonía coa natureza que precedeu ao acceso ao saber
-Tanto a nivel individual como colectivo por parte da especie-
Para iso, Lovecraft creou o seu alter ego Randolph Carter
O protagonista dun singular ciclo de relatos de aventuras
Carter busca nos seus propios soños o estado da harmonía orixinal
Que nestas xestas oníricas se presenta como "A Cidade do Solpor"
Para acceder ao mundo dos soños, previamente debía facerse coa chave
Tratábase dunha oculta chave de prata ("The Silver Key", 1929)
Precisa para cruzar "Through the Gates of the Silver Key", do 1934
E así efectuar, no 1948, "The Dream-Quest of Unknown Kadath"
Carter buscaba o Castelo de Kadath, onde habitaban os Deuses da Terra
Mais resultou que os deuses se encontraban na Cidade do Solpor
É dicir, na propia cidade creada por Carter en base aos seus recordos
En base ás súas lembranzas da infancia na Nova Inglaterra de Lovecraft
O que lle ocorre polo camiño é o realmente interesante e digno de ler
Polo que, dende logo, non serei eu quen o mencione neste lugar
Que cada quen busque, como eu trato de facer, o seu propio castelo

Ningún comentario:

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...