27/10/08

As sereas

A serea é un ser mariño que abunda nas lendas atlánticas
Trátase dunha caste de ninfa que axuda aos mariñeiros
Nada ten que ver coa serea grega, metade muller metade ave
A serea galega ten rabo de peixe e é de natureza benigna
Este ser mitolóxico está presente en toda a Europa Atlántica
E está representado dende as costas galegas ate as escandinavas
-Chegue lembrar a estatua referente á sereíña de Andersen-
No caso do noso país, hai un banco de sereas na ría da Arousa
As representacións destes seres nos escudos son aquí moi numerosas
Como ser mariño, foi adoptado como símbolo dos Mariño
Así que a serea vén advertirnos da presenza desta familia nobre
-Ou ben das relacións consanguíneas cos seus membros-
Isto ocorreu na época baixomedieval, coa chegada da heráldica
Un ser que era mitolóxico pasou a ser a marca dunha casa
Cos anos, os escudos pasaron a ser cada vez máis complexos
Pero algo tan sinxelo como unha serea a termar del puido manterse
As sereas multiplicáronse coa eclosión dos pazos dende o século XVI
Daquel tempo datan os escudos cambadeses fotografados aquí


A primeira das sereas é para min a serea por antonomasia
Encóntrase no pazo de Fefiñáns, iniciado no século XVII
En concreto, este escudo está á beira do único arco que se conserva
É unha serea rica en detalles, coma a melena ou as escamas da cola
Non é a única serea do pazo, pero si a máis salientable
No mesmo conxunto arquitectónico figuran outros escudos con sereas
Onde máis abundan, curiosamente, é nunha igrexa, na de San Bieito
As paredes leste e sur teñen cadansúa serea, coas mesmas armas
A faciana da serea do sur ten case tanta expresividade coma a do arco
Dentro do templo, rematado no século XVIII, cóntanse outras dúas
Unha delas figura no punto máis alto da bóveda, e a outra na á norte






Non lonxe, hai outra serea noutro escudo, aínda que con distintas armas
Dá a benvida ao pazo de Torrado, actual museo dos viños do mundo
O escudo encóntrase subindo polo patín cara ao interior do museo



A última das sereas das que vou dar conta está na rúa do Hospital
Na fachada dunha antiga casa señorial do centro mesmo de Cambados
Este escudo ten varias particularidades, como a súa expresiva cara
Ademais, comparte armas con tódolos escudos xa mencionados


Actualmente, a serea dos Mariño vive unha nova idade dourada
O responsable é un artista e intelectual rianxeiro do século XX
Falo, como non, de Castelao, que inmortalizou a serea nun novo escudo
Desta volta, a serea non facía alusión só a familia dos Mariño
O escudo tiña unha estrela, unha fouce e mais unha frase
A lenda dicía "Denantes mortos que escravos", referíndose aos galegos
Este escudo, xa que logo, naceu para representar a todo un país
Algo co que segue a cumprir, aínda que non sexa o escudo oficial
Posteriormente, a serea tamén se incorporou ao escudo oficial galego
Neste caso, co fin de representar o Consello da Cultura Galega
Na miña humilde opinión, este emblema é o que mellor nos representa
Contén tanto o escudo oficial coma o oficioso, e resulta máis estético
Xa postos, coido que non estaría de máis revisar isto xunto co Estatuto
A fin de contas, as sereas xa estaban aí con nós moito antes có cáliz
Moito antes có Santo Graal do Cebreiro ou o Santísimo Sacramento

3 comentarios:

Dr Smurf dixo...

E o mesmo se podería dicir do escudo cambadés, moi semellante ao galego. Se son tan comúns os escudos con sereas na vila, por que non figura unha serea no seu propio escudo?

Coido que o emblema gañaría enteiros, tanto en simpatía como en identidade ou en simple estética.

Anónimo dixo...

Dr. Smurf, este tema das sereas interesoume moito, a próxima vez que vaia a Cambados xa teño choio, facer a ruta das sereas. Bks!

Dr Smurf dixo...

Tomo nota. E a ver se atopamos algunha pola Arousa, tamén. Pero de pedra...

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...