30/11/08

Neve, neve e máis neve


Levo varios días inmerso nun mundo branco e frío
Camiñando con dificultade coas botas enchoupadas na neve
Xogándome o tipo sobre rodas por pistas de patinaxe
Non por gusto nin por amor á arte, senón por traballo
De feito, non asocio as nevadas aos momentos de lecer
Certo é que o manto de folerpas soe deixar belas postais
Pero non adoito ter ocasión de pararme con calma a ollalas
Normalmente, o apuro manda, e é raro que poida facelo
Así e todo, ás veces quédame algún que outro flash gravado
Sobre todo cando vén o sol despois da tempestade branca
Ou, xa fóra do traballo, cando cadra que neva ben en Lugo
Daquela, sobre todo pola noite, 'cámbiache o conto'
E se coincide que hai lúa chea, pois aínda mellor que mellor
A paisaxe vólvese espectral, ao reflectir o resplandor, o luar
E faise o silencio, ese silencio que todo o envolve
Certamente, eses momentos de paz non hai cartos que os paguen
Outra cousa ben distinta é ir buscar a neve en pleno temporal
Pretender subir a un porto de montaña xusto coa alerta laranxa
Tratar de ir para pasar o día como quen vai á praia polo verán
Resúltame incomprensible, como querer subir á noria tronando
-E de paso obstruíndo o labor dos servizos de emerxencias-
Deixo aquí a crónica dun colapso, detallada por estes señores
-Algún deles, por certo, con aspecto de personaxe dickensiano-

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

2 comentarios:

camaposa dixo...

Non creo que sexa para tanto. En todo caso tes sorte de ir con cámaras que levan o coche a calquer recanto.
Un xornalista debe estar onde se dan os feitos noticiables. Se foses corresponsal de guerra, aínda rosmarías máis?

Dr Smurf dixo...

Non é cuestión de a onde levar o coche. Coas cadeas podes ir a onde che pete; o caso é que che dea tempo a poñelas, ir, volver e sacalas.

Se rosmo é pola inconsciencia da xente que se bota ao monte no momento menos oportuno. Se estivese nunha guerra, pois... xa se sabe a que se vai.

Paisaxes de Lugo (IX)

  Cunha mañá neboenta de finais do inverno no parque de Rosalía dá comezo esta nova entrada sobre as paisaxes lucenses Foi captada ao carón ...