16/12/08

A poesía de Olalla


O Fiz Vergara é un dos grandes premios de poesía galegos
Eu diría que forma unha tríade co Esquío e co Espiral Maior
Pois ben, este galardón acaba de recibilo Olalla Cociña
Esta rapaza, colega miña e de profesión, escribe en liberdade
Quero dicir que non recibe presión de editorial ningunha
Nin escribe por encargo para publicar novos traballos cada ano
Ela plasma no papel o que lle peta e cando lle peta
Ademais, e non agardaba menos dela, sabe fuxir das poses
Como resultado, os seus poemarios rezuman autenticidade
Os seus son versos sensitivos, vivos, orixinais e fértiles
Velaí van algunhas mostras, doutra obra súa tamén premiada
Trátase de "As cervicais da memoria", publicada no 2005:

"arredor
da túa vertical
descende
o grito disecado do animal salvaxe
que cazaches esta noite

para poder deixarme ceiba a min"

Con esta obra gañara o premio de poesía Avelina Valladares
Deste poemario quixera deixar constancia destes outros versos:

"se cadra hoxe comezará a renacer
a primavera
por riba das ruínas do noso castelo"

Outro poemario que publicou Olalla chámase "aquí (intemperies)"
Contén imaxes de sumo interés, fogonazos de fermosura plástica
Detalles de vida expresados, negro sobre branco, coa verba núa:

"engarza os pétalos do sono nun colar ausente
extrae da tarde a luz
esculpe unha presenza"

Os seus versos son como revelacións por medio de flashes
Neste senso, Olalla escribe nunha bitácora cargada de beleza
Chámase "reveladora", na que os textos corren da súa man
Agora, agardo arrepañarlle axiña a un libreiro o seguinte trofeo
Refírome a "O mundo de Alicia", a súa última obra premiada
Quixera tamén agradecerlle a Olalla os libros cos que me obsequiou
E maila rica lubina ao forno que nos preparou o outro día
-Olalla procura honrar o seu apelido, así que cociña de marabilla-
Pero, sobre todo, que coide tan ben do meu querido amigo Xes

1 comentario:

mica dixo...

carai, non agardaba eu este cariñoso análise... así dá gusto agasallar libros e lubinas! un biquiño, e feliciano desde o morraso.

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...