12/12/08

Asturies

Falando dos astures, fomos visitalos esta semana
Diego, o meu cuñado, está a facer un curso en Xixón
Así que aló nos diriximos aproveitando uns días libres

Xa estivera nesta cidade, pero menos tempo e polo verán
E desta volta teño que dicir que quedei marabillado
De feito, pareceume un lugar fantástico para vivir
A pesar do frío, do vento e do temporal que nos cadrou

Xixón é unha cidade curiosa, coqueta e arranxada
Con moitos espazos verdes e cunha arquitectura envexable
Abundan os balcóns acristalados, sobre todo no centro

O que máis me chamou a atención foi o encanto dos cafés
Eran lugares realmente cálidos e acolledores
Pensados e deseñados para o benestar da clientela
Había, polo menos, medio cento de cafeterías deste tipo
Ao pasar por diante, dábanche ganas de entrar en todas

Tamén axuda o carácter amable das súas xentes
E mailos prezos asequibles dos hoteis, cafés e restaurantes
Sen esquecer que se trata dunha cidade aberta ao mar
En resumo, un lugar con auténtica calidade de vida

Á volta, tivemos tempo para facer un par de paradiñas
A primeira foi no recinto histórico de Avilés
Tiña noticias de que valía a pena, e certamente así foi

Á ida pararamos en Luarca para xantar no porto
Fixémolo, por segunda vez, no recomendable 'Barómetro'
E á volta paramos en Cuideiru, nun 'comedor-cuberta'
Dende alí había unha vista excelente desta vila mariñeira


A última parada cadrou xa na plenamente galega Ribadeo
Onde a ecléctica Torre dos Moreno lle dá a benvida ao viaxeiro
Pechamos así unha escapada de tres días memorables

Ningún comentario:

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...