22/12/08

Finlandia


A nosa amiga poetisa, Olalla, viviu durante un ano en Finlandia
En concreto en Tampere, a onde fora cunha beca Erasmus
No primeiro curso da carreira dérame clase un mestre finlandés
Tratábase de Tapio Varis, que proviña desa mesma universidade
Ese mesmo ano, polo verán, eu botei case un mes naquel país
Da súa principal lingua, o suomi, encantábame a súa sonoridade
Non estivera en Tampere, pero si pasara en tren por alí
Lembro aquela rexión dos lagos completamente cuberta de abetos
Ademais de Helsinqui, tamén visitara Hanko, no extremo sur
Alí bañárame nas daquela mornas augas do mar Báltico
Tamén estivera en Turku, ou en Oulu, ao norte do golfo de Botnia
Onde experimentara o san costume local de chorrear nunha sauna
E xa en Laponia, visitara Rovaniemi, indo cara ao círculo polar
Foramos andando, Lijó e mais eu, ate aquela liña imaxinaria
Polo camiño, adentrámonos no bosque propio de aló, a taiga
Onde atopamos moito arando e algún formigueiro xigantesco
Pola noitiña, xa en terras árticas, a lúa era inmensa e de cor amarela
E ate aquí chegou a maxia do momento, polo que vos vou contar
Aquela noite durmimos no porche da suposta casa de Papá Noel
Era unha casa de madeira na aldea que se facía chamar Joulupukin
En realidade, non era máis que o reclamo dun complexo turístico
No que che podían vender mesmo unha alfombra de pel de reno
A liña imaxinaria non o era tanto, dado que estaba pintada no chan
E os elfos non eran tan baixiños nin tan simpáticos como criamos
Botábase en falta un empregado caracterizado de Santa Claus
E na oficina de correos había unha chea de cartas de nenos ilusos
Coma nós, que chegaramos alí coa mochila ao lombo chea de ilusión
Cando marchamos, coas ilusións rotas, volvimos en autobús

Ningún comentario:

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...