28/10/10

Disfraces de píos



Os que viven do conto en xeral encaixan moi mal as críticas
Son todo fachada, polo que consideran a súa imaxe sagrada
E se o caricaturista tira a dar, entón desfanse en aspaventos
Desacreditar os dardos certeiros será daquela a súa reacción
Ate o punto de silenciar canto discrepe co seu punto de vista
Todo en aras dun respecto entendido de xeito unidireccional
Isto mesmo foi o que aconteceu ante os nosos ollos atónitos
Un artigo do xornal Galicia Hoxe foi censurado por disentir
Unha vez publicado resultou abortado na súa edición dixital
Pero quedou o papel á vista, que é o que ten a prensa escrita
-E por confinada que fique nas catacumbas das hemerotecas-
Logo da destrución da mensaxe, ocupáronse do mensaxeiro
Quen falaba, certo, por boca dunhas amplas minorías laicas
O articulista da contraportada do periódico xa non o é máis
Falo de Fran P. Lorenzo, que coa Igrexa topou, o desalmado
Parece que alguén moveu os fíos oportunos para conseguilo
E todo por dar ideas audaces para os disfraces deste Samaín
Copipego o texto esvaído, xa que segue a circular pola rede
Chámase Como nenos píos con disfrace de mártir, e di así:
"Despois de séculos de dominación, a Igrexa Católica aínda non se decatou de que o sincretismo relixioso que practica a galega xente non é un estrago calculado da súa doutrina apostólica e romana senón unha creación propia e singular deste pobo, unha máis. Santiago de Compostela é, nese sentido, un fecundo resultado da batalla histórica entre a ortodoxia vaticana e o paganismo local. Tamén o Camiño. Por iso todas as tentativas de reducir a espiritualidade dese roteiro á expresión unívoca dunha suprema fe en Deus son unha manobra avesa, calculada, para capitalizar un símbolo cultural e humano de Europa, patrimonio de todos así recoñecido. Neste sentido a visita do papa Bieito XVI a Compostela deixa fóra desta celebración aos milleiros de cidadáns que non profesan a relixión católica nin lle teñen lei a un dos patriarcas eclesiásticos que máis ten feito por estigmatizar e arredar do seo da Igrexa aos que non asumen a súa fundamentalista visión da fe e as súas teses retrógradas e lesivas, alérxicas ao tempo no que vivimos.
O desembarco papal non iría máis alá da descortesía política coas minorías que non o aturan a súa presenza se non fora porque esas minorías –máis ou menos masivas, pero sempre despreciadas por Núñez Feijóo– contribúen cos seus cartiños a sufragaren a inminente diatriba papal, disfrazada de mensaxe de amor.
O pasado domingo, nos diferentes oficios celebrados nas parroquias galegas, os cregos xa lle esixiron á freguesía o correspondente imposto revolucionario. A golpe de cepillo, como adoitan facer. Poida que a vontade das ovellas fora substraída polos seus pastores pero ese, sinceramente, non é problema dos que non pertencemos á secta; menos aínda daqueles que nin sequera aspiramos a mudar o eivado rumbo moral da institución. Se os practicantes queren poñer dez euros ou vinte do seu peto para avalaren a operación de márqueting da Xunta de Galicia e coroar un Xacobeo só grande en cifra de turistas, pois adiante. Pero non é admisíbel que ese saqueo millonario das arcas públicas se produza sin consulta previa, amparándose no suposto beneficio que lle reportará á cidade de Santiago a invasión das hordas católicas .
Haberá máis efectos colaterais no decorrer desta visita fetichista e pirotécnica do Papa. A suspensión do espazo civil, a clausura da libre circulación e o desenvolvemento dun estado de sitio efectivo, entre eles. Controis policiais, restrición do tráfico e rexistros domiciliares, incluídos, que afectarán singularmente a todas e todos aqueles cuxa vontade e albedrío van ser vulnerados en aras dun rédito político que, con iso contan os organizadores do sarao, beneficiará a todos os persoeiros que teñan acceso á fotografía oficial.
O alleamento da Igrexa Católica é un feito e velaquí temos un Goberno que subvenciona as proclamas delirantes e as bombas de racimo dialécticas da Conferencia Episcopal Española. Os bispos, os que concelebrarán a eucaristía express do Obradoiro, pedíanlle onte os cativos que na noite de Halloween –o Samaín céltico, a véspera de Todos os Santos– vistan precisamente de idem, de santos, e non de meigas, nin de zombies, nin de caveiras, para “estimular” a vida cristiá e loitar contra o profano desta celebración tan pouco pedagóxica. Propoño outros estilismos ben máis edificantes e píos: unha Santa Águeda cos peitos cortados encima dunha bandexa, unha virxe romana violada, un San Lourenzo con queimaduras de terceiro grao, ou un San Sebastián, cuberto de plasma e de saetas. Se é certo que o sangue dos mártires é semente da vida cristiá, non sei a que agardan eses pequenos para se sumaren á festa."


 Algo semellante está a ocorrer co último número de Retranca
O dono da súa imprenta négase a imprimilo por velo inmoral
Todo pola visión satírica que se dá da visita papal a Santiago
Esta é a portada renegada da revista, que sigo relixiosamente


3 comentarios:

Dilaida dixo...

Se me dás permiso para copiar a túa entrada, póñoa tamén no meu "Groucho".
Bicos

Dr Smurf dixo...

Dilaida, non che teño inconveniente ningún, senón ao contrario.

Recibe un cordial saúdo

Dilaida dixo...

Moitas grazas, pois lévoo comigo e porei de onde o saquei.
Bicos

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...