28/10/10

Disfraces de píos



Os que viven do conto en xeral encaixan moi mal as críticas
Son todo fachada, polo que consideran a súa imaxe sagrada
E se o caricaturista tira a dar, entón desfanse en aspaventos
Desacreditar os dardos certeiros será daquela a súa reacción
Ate o punto de silenciar canto discrepe co seu punto de vista
Todo en aras dun respecto entendido de xeito unidireccional
Isto mesmo foi o que aconteceu ante os nosos ollos atónitos
Un artigo do xornal Galicia Hoxe foi censurado por disentir
Unha vez publicado resultou abortado na súa edición dixital
Pero quedou o papel á vista, que é o que ten a prensa escrita
-E por confinada que fique nas catacumbas das hemerotecas-
Logo da destrución da mensaxe, ocupáronse do mensaxeiro
Quen falaba, certo, por boca dunhas amplas minorías laicas
O articulista da contraportada do periódico xa non o é máis
Falo de Fran P. Lorenzo, que coa Igrexa topou, o desalmado
Parece que alguén moveu os fíos oportunos para conseguilo
E todo por dar ideas audaces para os disfraces deste Samaín
Copipego o texto esvaído, xa que segue a circular pola rede
Chámase Como nenos píos con disfrace de mártir, e di así:
"Despois de séculos de dominación, a Igrexa Católica aínda non se decatou de que o sincretismo relixioso que practica a galega xente non é un estrago calculado da súa doutrina apostólica e romana senón unha creación propia e singular deste pobo, unha máis. Santiago de Compostela é, nese sentido, un fecundo resultado da batalla histórica entre a ortodoxia vaticana e o paganismo local. Tamén o Camiño. Por iso todas as tentativas de reducir a espiritualidade dese roteiro á expresión unívoca dunha suprema fe en Deus son unha manobra avesa, calculada, para capitalizar un símbolo cultural e humano de Europa, patrimonio de todos así recoñecido. Neste sentido a visita do papa Bieito XVI a Compostela deixa fóra desta celebración aos milleiros de cidadáns que non profesan a relixión católica nin lle teñen lei a un dos patriarcas eclesiásticos que máis ten feito por estigmatizar e arredar do seo da Igrexa aos que non asumen a súa fundamentalista visión da fe e as súas teses retrógradas e lesivas, alérxicas ao tempo no que vivimos.
O desembarco papal non iría máis alá da descortesía política coas minorías que non o aturan a súa presenza se non fora porque esas minorías –máis ou menos masivas, pero sempre despreciadas por Núñez Feijóo– contribúen cos seus cartiños a sufragaren a inminente diatriba papal, disfrazada de mensaxe de amor.
O pasado domingo, nos diferentes oficios celebrados nas parroquias galegas, os cregos xa lle esixiron á freguesía o correspondente imposto revolucionario. A golpe de cepillo, como adoitan facer. Poida que a vontade das ovellas fora substraída polos seus pastores pero ese, sinceramente, non é problema dos que non pertencemos á secta; menos aínda daqueles que nin sequera aspiramos a mudar o eivado rumbo moral da institución. Se os practicantes queren poñer dez euros ou vinte do seu peto para avalaren a operación de márqueting da Xunta de Galicia e coroar un Xacobeo só grande en cifra de turistas, pois adiante. Pero non é admisíbel que ese saqueo millonario das arcas públicas se produza sin consulta previa, amparándose no suposto beneficio que lle reportará á cidade de Santiago a invasión das hordas católicas .
Haberá máis efectos colaterais no decorrer desta visita fetichista e pirotécnica do Papa. A suspensión do espazo civil, a clausura da libre circulación e o desenvolvemento dun estado de sitio efectivo, entre eles. Controis policiais, restrición do tráfico e rexistros domiciliares, incluídos, que afectarán singularmente a todas e todos aqueles cuxa vontade e albedrío van ser vulnerados en aras dun rédito político que, con iso contan os organizadores do sarao, beneficiará a todos os persoeiros que teñan acceso á fotografía oficial.
O alleamento da Igrexa Católica é un feito e velaquí temos un Goberno que subvenciona as proclamas delirantes e as bombas de racimo dialécticas da Conferencia Episcopal Española. Os bispos, os que concelebrarán a eucaristía express do Obradoiro, pedíanlle onte os cativos que na noite de Halloween –o Samaín céltico, a véspera de Todos os Santos– vistan precisamente de idem, de santos, e non de meigas, nin de zombies, nin de caveiras, para “estimular” a vida cristiá e loitar contra o profano desta celebración tan pouco pedagóxica. Propoño outros estilismos ben máis edificantes e píos: unha Santa Águeda cos peitos cortados encima dunha bandexa, unha virxe romana violada, un San Lourenzo con queimaduras de terceiro grao, ou un San Sebastián, cuberto de plasma e de saetas. Se é certo que o sangue dos mártires é semente da vida cristiá, non sei a que agardan eses pequenos para se sumaren á festa."


 Algo semellante está a ocorrer co último número de Retranca
O dono da súa imprenta négase a imprimilo por velo inmoral
Todo pola visión satírica que se dá da visita papal a Santiago
Esta é a portada renegada da revista, que sigo relixiosamente


21/10/10

A vida vivida por Toño



Veño de ler a última novela de Antonio Lorenzo Gómez Charlín
-Na foto, de Iñaki Abella, ao carón dunha estatua de Cabanillas-
É autobiográfica e leva por título La vida soñada de las sirenas
Versa sobre a vida dun atleta antes e logo de deixar o deporte
Mentres residía en Cambados e unha vez se foi para Tenerife
-De como vivía na vila das sereas e emigrou á illa de Calipso-
Narrada en terceira persoa, conta con sinceridade a súa historia
Así que recomendo a súa lectura, por canto ten de descarnada
Está públicada pola editorial Lulu Enterprises en Hammersmith
Toño é irmán de Jesús, amigo de toda a vida, e téñolle aprezo
É un gran conversador, sincero, culto e repleto de humanidade
Pertence á mesma xeración dos nenos do vídeo de TVE en Friol
E, coma eles, recibiu o mesmo tipo de educación: colonizadora
Nado no 1970, usa o galego dende sempre, pero non na escrita
Así, perdeuse un escritor valioso para a literatura galega actual
Porque alguén se preocupou de que infravalorase o seu legado
A lingua de toda a súa familia, do seu irmán, miña e súa propia
A ferramenta coa que labraría calquera libro que se propuxese
Pero da que prescinde porque non o instruíron de abondo nela
É triste pero é así, e este só un exemplo de moitos outros casos
Aínda que un exemplo que doe polo que ten de próximo e caro

13/10/10

Colonización



No 1979 un equipo da TVE gravou esta reportaxe en Friol
Trátase dun documento revelador, cun gran valor histórico
Dado que supón un retrato cercano daquela sociedade rural
En concreto, sobre o tipo de ensino que se impartía daquela
O vídeo analizaba as consecuencias da fin dos grupos rurais
-Que é como eran coñecidas as anteriores escolas unitarias-
Pero, visto hoxe, vai máis alá, por aspectos que nos desvela
Particularmente, sobre a política lingüística que se aplicaba
Durante a Transición, a formación impartíase só en castelán
Sen ter en conta que os rapaces puidesen ser galegofalantes
Considerábase, ademais, que o bilingüismo era un problema
Unha caste de defecto de fábrica que dificultaba a educación
Así que eran os cativos os que debían amoldarse ao sistema
Os que tiñan que apartar a súa lingua para poderen aprender
Deste xeito, a escolarización universal supuxo outro proceso
O da colonización lingüística a través do ensino obrigatorio
Un fenómeno perverso que se desenvolveu ate a actualidade
-E que, malia todo esforzo, semella non ter xa marcha atrás-
Hai trinta anos, o galego era o idioma materno dos raparigos
Da gran maioría, tanto en Friol como en todo o resto do país
E resulta que hoxe en día a situación se nos amosa á inversa
Aos fillos daqueles alumnos tamén lles custa expresarse ben
Pero agora é o idioma dos seus avós o que non adoitan falar
O grao de colonización foi tal que mesmo os pais consenten
Un último apuntamento: falo dos nenos criados nas cidades
Porque, o que é no rural, xa apenas pode falar rapaz ningún
Sinxelamente porque xa case non quedan nenos que poidan
O vídeo, de Vivir cada día, figura no blog do propio colexio

06/10/10

1600 anos do reino



Esta semana celébrase en Pontevedra un congreso inédito
Conmemorará os 1600 anos da fundación do reino galego
Esencialmente, trátase dunha convención de historiadores
Pero non podo deixar de pasar por alto o que isto implica
E é poñer en valor un período cuxa importancia se negou
Sabemos que foi o primeiro reino altomedieval de Europa
O pioneiro na emisión de moeda logo do Imperio Romano
Que gozou dunha gran riqueza literaria e cultural na época
Aínda así, segue a parecernos algo distante e mesmo alleo
Como se non tivese nada que ver coa nosa realidade actual
Pois nada máis lonxe, xa que somos herdeiros daquel reino
O carácter administrativo das parroquias non é nada baladí
A división do territorio en tres mil parroquias vén do s. VI
E hoxe resulta algo que nos distingue e que fai único o país
Ou que dicir do carácter comunal de tantos e tantos montes
Estes terreos en man común tamén son herdanza dos suevos
Como a toponimia ou a antroponimia, presentes hoxe en día
Sen ir máis lonxe, o meu apelido é suevo, como tantos outros
E suevas son palabras tan nosas como agarimo ou brétema
É máis, esas xentes foron as que realmente latinizaron o país
Eles viñeron enviados por Roma para administrar a Gallaecia
-Que era un territorio distante, abrupto e difícil de gobernar-
Por iso o galego é unha lingua baseada nun latín culto escrito
-Os outros idiomas romances parten dun latín vulgar e oral-
Estímase que o xerme do reino se produciu aló polo ano 410
E que o seu carácter independente se prolongaría ate o 585
Malia todo, cada vez máis indicios sinalan unha continuidade
En primeiro lugar como reino anexionado á Coroa Visigoda
E máis tarde como o país rexido por reis coa corte en León
Despois virían as escisións, por parte de León e de Portugal
-A antiga Gallaecia Asturicense e a Gallaecia Braccarense-
A partir do século XIII, a dependencia da Coroa de Castela
A arbitraria mutilación, no s. XV, da gran comarca do Bierzo
E por último, a integración na Coroa de España ate o s. XIX
-No 1833, o reino sería disolto pola rexente María Cristina-
En total, foron máis de 1400 anos de historia do reino galego
O que fai del o reino máis lonxevo que houbo en toda Europa
Así e todo, malia a súa relevancia hoxe apenas é tido en conta
Por iso resultaba necesario un congreso adicado á súa análise


O logo elixido fai referencia á bandeira do Galliciense Regnum
É o dragón verde que compartía emblema cun león encarnado
Este ser mitolóxico era utilizado como estandarte tardorromano
-A cola do verme indicáballes aos arqueiros o sentido do vento-
A forma escollida baséase na do dragón do escudo de Coímbra
Que, por certo, foi unha cidade lusa conquistada polos galegos
En dúas ocasións, primeiro no s. V e, posteriormente, no s. IX
O león pasaría a ser o brasón real e máis tarde o escudo leonés
-É, de feito, a imaxe máis antiga de toda a heráldica en Europa-
Pero o dragón permaneceu no imaxinario como símbolo galaico
Ao igual que ocorrería coa serea dos Mariño ou co Santo Graal


Barbie, Cine e Moda

  Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda...