24/09/14

Varsovia



A zona monumental da capital polaca éche pequecha, pero feitiña, acolledora e colorida
Logo de ser devastada por completo hai agora 70 anos, reconstruírona sen axuda externa
Pasamos pola cidade coincidindo co septuaxésimo aniversario do Alzamento de Varsovia
Así que as rúas se vían engalanadas coa bandeira nacional para conmemorar a rebelión




A praza do Mercado de Varsovia é acorde co tamaño reducido do seu recinto histórico
Aínda así, ao caer a tarde desbórdase de vida, como as terrazas das súas cervexerías
-As cales se amosan profusamente adornadas de plantas e de flores durante o verán-



Se o dragón era o símbolo da anterior capital, Cracovia, o de Varsovia é outro ser mítico
Trátase da serea, cuxa estampa abunda nas prazas e nos edificios de todo o casco vello
A devandita praza está presidida por unha figura de bronce da serea con escudo e espada




A propia serea encarna o espírito de resistencia do pobo polaco fronte aos imperios veciños
Non en van, esta nación permanecera sen estado de seu de finais do s. XVIII a inicios do XX
O país fora repartido entre rusos, prusianos e austríacos, acabando cunha potencia histórica
Nas fotos, vemos a barbacá de Varsovia, construída ao pouco de pasar a ser a nova capital




O que se conserva da zona vella de Varsovia obtivo o recoñecemento de patrimonio mundial
Rexurdindo das súas cinzas, soubo recompoñerse e converterse nunha cidade cosmopolita
Nela respírase cultura e apréciase unha educación que se bota en falta noutras sociedades
Como en xeral no resto do país, a súa é xente aberta, amable, cortés e cunha boa formación
Alí, á noitiña, asistimos a un concerto de jazz que puxo fin á nosa viaxe a través de Polonia


Ningún comentario:

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...