Nas últimas semanas percorremos boa parte de Tailandia
Comezamos pola capital, Bangkok, unha cidade aberta e cosmopolita
Na primeira toma de contacto chamounos a atención a ubicuidade dun par de cousas
Vimos que había todo tipo de retratos dos reis por todas partes e mais un 7-Eleven cada 50 metros
A calidade das froitas tropicais é do mellor que ofrece o país
Saborosos mangos e ananases comparten espazo cos rambutáns ou cos mangostáns
O durián é unha das froitas orientais máis apreciadas
Cunha textura de aguacate, o seu sabor aseméllase ao do melón
Ao erguer a vista, viamos vías de tren elevadas entre modernos rañaceos
Son as vías do chamado skytrain, un metro aéreo con varias liñas que cruzan a cidade
Entre os parques urbanos destaca o de Lumphini, un dos meirandes de Bangkok
Ten un lago por onde os varanos van nadando por entre as embarcacións de paseo
O parque estaba cheo de ambiente, ateigado de nenos nas áreas infantis
Tamén acudían moitas persoas para asistir ás clases de ximnasia ao aire libre
Os templos budistas conviven cos hinduístas, cristiáns ou musulmáns
O primeiro que visitamos foi o coñecido como o santuario do Gran Buda de Ouro
A figura que alberga disque é, con 5 toneladas, a máis importante do mundo deste metal
Á entrada do templo fixéronnos esta simpática chapa
Semella o típico souvenir para unha parella na súa lúa de mel
Pero sen dúbida o máis venerado santuario que vimos na cidade foi este
Trátase do templo do Buda de Esmeralda, nas dependencias do Palacio Real
Un ano despois da morte do anterior monarca, Rama IX, os tailandeses seguen de loito
En todo este tempo, ata dez millóns deles seica acudiron para mostrar as súas condolencias
Baixo estas liñas, vemos o palacio en que se ambienta a novela Ana e o Rei, de Margaret Landon
Moi preto, encóntrase o templo do Buda Reclinado
O edificio alberga unha imaxe de 46 metros de lonxitude
Ao carón, vimos o primeiro de moitos estanques con carpas
Seica neste santuario se encontra a principal escola de masaxes do país
De alí dirixímonos á casa museo de Jim Thompson, un magnate dos tecidos de seda
Trala Segunda Guerra Mundial, o deseñador e arquitecto estadounidense asentouse en Tailandia
Nos anos 50 creou este complexo que consta de media ducia de edificios tradicionais de madeira de teca
No restaurante, que goza de gran sona, probamos varios pratos propios do país
Tras percorrer o interior da casa principal, fomos de compras
Visitamos o famoso MBK, un interminable mercado cuberto no corazón de Bangkok
Os innumerables comercios ofrecen dende moda e artesanía ata electrónica ou manga
Sobre estas liñas, vemos por dentro un vagón do metro aéreo da capital siamesa
Tamén usamos como medio de transporte as barcas que sucan o Chao Phraya
Na outra beira do río visitamos o máis alto santuario do país, o templo do Amencer
Unha das zonas máis concorridas e turistizadas de Bangkok é a de Khaosan
Nesta rúa e mais nas lindeiras, ao norte do casco vello, sitúase o mercado mochileiro
A maior parte dos transeúntes son occidentais cos pantalóns finos de elefantes estampados
Porén, abundan os postos de xastres en que eses mesmos turistas adquiren traxes feitos á medida
Ningún comentario:
Publicar un comentario