08/09/17

Selva e ruínas tailandesas


Durante varios días percorremos Tailandia dende Bangkok ata o extremo norte
Avanzamos en zigzag, na procura das máis impresionantes ruínas e selvas tropicais
A primeira parada foi en Ayutthaya, a anterior capital, fundada no s. XIV e destruída no XVIII




Alí visitamos o mosteiro Wat Yai Chai Mongkhon, co seu buda reclinado
Tanto a figura coma a pagoda son cubertos con teas de cor laranxa ou dourada




No parque nacional de Khao Yai adentrámonos na foresta
Percorremos a pé varios quilómetros ata chegar onda esta estampa
Tratábase da fervenza Haew Narok, no río Tha Dan, duns 150 metros de altura




Aquí puidemos ollar moitas outras proezas da xungla
Xusto por riba nosa vimos arañas coma centolas ou mesmo cálaos
E polo chan húmido cuberto de follaxe, a vida abríase paso en forma de fungos




Cruzamos o río de volta e xantamos no albergue do parque
De camiño, vimos algún que outro cervo e macacos ao pé da estrada




Tras facer noite en Korat, visitamos as ruínas do parque histórico de Phimai
Aquí encóntranse os principais templos de estilo camboiano que se conservan no país
Baixo estas liñas, vemos a maxestosa figura dunha árbore da chuvia centenaria no sitio arqueolóxico




Ao contrario có coetáneo Angkor Wat, este complexo khmer non naceu hinduísta
Nas pagodas alberga figuras de monxes budistas e do propio Buda protexido por unha naga 




A súa torre en forma de espiga dános idea do aspecto orixinal das ruínas
Dentro do templo vimos a imaxe de Buda considerada como a máis fermosa do país




En ruta, tamén paramos a ver este outro templo moderno, de estilo algo kitsch
É o Wat Pha Sorn Kaew, un mosteiro cun gran buda que se ve a quilómetros de distancia




Todo é grande e desmesurado neste conxunto rematado hai escasos anos




En contraste, ao día seguinte visitamos o parque histórico de Sukhothai, do s. XIII
Alberga as ruínas da capital deste reino xurdido tras unha revolta contra o imperio khmer




Unhas das novidades artísticas deste primeiro estado tailandés foi o buda andante
Rumbo ao norte, fixemos unha parada para degustar ananases na propia plantación




Os tamarindos e as froitas do dragón son outros dos ricos froitos que ofrece o país 




Antes de facerlles unha visita ás tribos das montañas, tamén paramos no lago Phayao
Sobre estas liñas, podemos ver unhas tecas no camiño ás chozas dunha aldea dos Akha
Alí, estes labregos, gandeiros e artesáns obsequiáronnos coa súa música e cos seus cantos





Tamén visitamos un poboado dos Kayan, famosos polos seus pescozos de xirafa
En realidade, os colares de bronce o que fan é empuxar cara abaixo os ombros das mulleres




Unha vez chegados ao extemo norte do país, fomos máis alá
Así, navegamos por augas internacionais sucando o río Mekong




É o chamado Triángulo de Ouro, onde se poden ollar tamén as beiras birmana e laosiana
Historicamente a zona é coñecida pola produción de opio, así que visitamos o museo correspondente




Sobre estas liñas, vemos as chuvias monzónicas a regaren os arrozais
Tivemos ocasión ademais de dar unha paseo pola selva montados nun elefante




No seu campamento os paquidermos fixéronnos unha demostración das súas habilidades
Pintaron cadros coa trompa, levantaron troncos coa testa e meteron goles coas patas nunha portería




Por último, fomos río abaixo a través do bosque tropical a bordo dunha balsa de bambú




E ata aquí chegaron as nosas aventuras pola Tailandia máis rural, antiga e salvaxe
Tras uns días intensos e inesquecibles de viaxe coñeceriamos as cidades do norte do país


Ningún comentario:

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...