20/09/17

Minho


Neste verán a piques de rematar tivemos ocasión de visitar a rexión de Minho, no norte de Portugal
Como era a primeira incursión da nosa filla no país 'vizinho', chamámoslle a "viagem dos pequeninos"
A nosa primeira parada foi Vila Nova de Cerveira, onde puidemos refrescarnos nun parque á beira do río
Soubemos deste lugar, O Castelinho, grazas á recomendación dos amigos do blog Antonautas na Iagosfera




O parque simula o percorrido do Miño onde exerce de fronteira natural
Na beira dereita encóntranse as vilas galegas e na esquerda, as portuguesas
Ao igual ca nas fontes do Castelinho, en fronte a Vila Nova de Cerveira sitúase Tomiño




Ademais dunha zona acuática, neste "parque do lazer" había outros xogos
Selma puido divertirse neles antes de dirixirnos á capital da provincia, Braga




En Braga vimos a Casa do Passadiço, do século XVI
Tamén a Arcada da Lapa, o edificio máis emblemático da cidade
E fomos onda o Chafariz dos Castelos, a fermosa fonte do Largo do Paço




Braga foi a primeira capital da Galicia altomedieval, do Galliciense Regnum
Así que pasear polas súas rúas é como percorrer parte da nosa propia historia
Baixo estas liñas, solpor no Arco da Porta Nova, monumento nacional do s. XVIII




Tras pasar a noite en Braga, fomos a Guimarães e visitamos o seu castelo
Para a nosa filla, a suba á torre foi un dos momentos inesquecibles da escapada
Alí soubo que o primeiro rei do país, Afonso Henriques, nacera galego e morrera portugués




Logo dirixímonos a Barcelos, onde nos agardaban grandes galos de cores
Alí gozamos das vistas do río Cávado dende as ruínas do Paço dos Condes 




O recinto do mercado de Barcelos, bastante extenso, estaba así de engalanado
Finalmente, o último día fomos cara a Ponte de Lima, outra coidada vila histórica




Gozamos das vistas do río e tralo xantar cruzamos a ponte
Na outra beira do río visitamos o Museu do Brinquedo Português
Tanto nos gustou ese lugar, que lle habemos adicar un capítulo á parte




En certos aspectos, Ponte de Lima lémbranos a vila galega de Allariz
Tamén ten un museo dos xoguetes e celebra un festival internacional de xardíns




Ata finais do mes vindeiro, os visitantes poderán escoller os xardíns que máis lles gusten
Se por Selma fose, había gañar este galeón convertido na súa imaxinación nun barco pirata


Ningún comentario:

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...