Tras viaxar por media Tailandia, os últimos días pasámolos entre Chiang Rai e Chiang Mai
Foron xornadas de relax, en que gozamos dun merecido descanso entre mercados e templos
Na primeira destas cidades do norte do país ficamos pampos coa tremenda feira que tiñan montada
O mercado semanal de Chiang Rai tiña varios quilómetros de longo
Nel había postos de todo tipo, tanto de moda como de alimentación ou bazares
Alí probamos uns ricos peixes feitos ao instante dunha masa rechea de crema de plátano
(Tamén os hai noutros países asiáticos, coma en Corea ou no Xapón, onde se chaman taiyaki)
Neste feirón oriental tanto podías degustar grilos ou vermes de seda como adquirir unha Arale orixinal
Outro dos grandes atractivos desta cidade é o seu Templo Branco
O Wat Rong Khun é obra do artista tailandés Chalermchai Kositpipat
Tras 20 anos de traballo, prevese que o remate dentro de medio século
No seu interior tanto se pode atopar un Doraemon coma un Harry Potter
Ou un Mestre Yoda, lóxico dada a orientación relixiosa de George Lucas
Tralo paso por Chiang Rai dirixímonos ao noso destino final, a veciña Chiang Mai
Esta cidade, de feito, substituira a outra como capital do reino medieval de Lanna
Un foso e mailos restos dunha muralla rodean aínda o recinto histórico da cidade
Aquí subimos nun funicular para visitar o santuario do monte Doi Suthep
Baixo estas liñas, un dos moitos templos que engalanan o centro da cidade
Chiang Mai é famosa historicamente pola súa artesanía
Nun obradoiro, coñecemos os traballos con casca de ovo
Tamén puidemos ver como pintaban figuras de papel lacado
Outra actividade económica salientable na zona é o cultivo de orquídeas
Dende aquí exportan unha morea de variedades destas flores a todo o mundo
Así que fomos a un invernadoiro e de paso entramos nun xardín de bolboretas tropicais
Tamén vimos uns cantos exemplares de figueiras sagradas
Cando se trata de árbores centenarias, adoitan adornase con fitas de cores
Coma no resto do país, o culto á figura do rei é unha constante tamén presente en Chiang Mai
En canto á educación, semella estar militarizada, cos estudantes a vestiren de uniforme nas escolas
Os mercados nocturnos son do mellor que ofrece o norte de Tailandia
Todas as xornadas hai noites de feira e as ringleiras de postos non dan acabado
As tendas e os restaurantes ambulantes sucédense sen fin rúa tras rúa, praza tras praza
Logo de buscalos por medio país, en Chiang Mai demos cos postos de itim pad
Trátase duns rolos de xeado que se preparan ao instante sobre unha prancha conxelada
Precisamente antes de irme de vacacións realizara un vídeo sobre un local de Foz que os elabora
E deste doce xeito finalizamos unha intensa viaxe a través do país asiático
Xusto o último día coincidiu que Marta e mais eu celebramos quince anos como parella
Ningún comentario:
Publicar un comentario