21/05/13

Máis cervexas amargas



Cada vez son máis as pequenas cervexerías galegas creadas dun tempo a esta parte
Con maior ou menor fortuna, foron sacando ao mercado beberaxes de dispar calidade
No caso de Adegas Menduíña, do Morrazo, elaboran unha excelente Indian Pale Ale
-Chámase "Kamek", coma o que se considera que era o nome prerromano de Cangas-
Fana en colaboración coa cervexeira catalá L'Anjub, que soubo apostar pola artesanía
Co nexo en común da produción artesanal galega, véñense de celebrar unhas xornadas
Nelas participaron varios locais especializados da principal zona de copas da Coruña
Entre eles, algúns aos que son asiduo, como é o caso do Malte ou de A Cova Céltica
Supuxeron a primeira fin de semana da cervexa artesá galega que se celebra na cidade
Xunto con Menduiña, Saramagal e Dama Alaricana foron outros fabricantes presentes



Este foi o cartel das xornadas, cun vaso de cervexa no lugar do cáliz no escudo galego
Sen dúbida, un xeito hábil de reproducir o espírito deste escaparate das nosas cervexas
De carácter moi semellante á Kamek é esta outra beberaxe dun marcado sabor amargo
Co nome de "Leyenda", é a cervexa extra special bitter do fabricante cántabro DouGall's


Outra Indian Pale Ale exquisita é a Punk, que elabora a cervexeira escocesa BrewDog
En canto a esta última que vou mencionar, ten un sabor calidoscópico, rico en matices
É a Belgoo Luppoo, da cervexeira belga La Binchoise, que ten certo regusto a hidromel


25/04/13

A.




O artista catalán Luis Berroy está a expoñer as súas pinturas no auditorio da Arousa
"A." é o nome que leva esta mostra de acrílicos sobre lenzo e de cadros electrónicos



Mediante o emprego de diversas técnicas, pinta sobre láminas para seren impresas
O resultado é dunha calidade excelente, como se pode apreciar nas seguintes fotos



Aquí achego detalles das pinturas electrónicas expostas, coa súa riqueza de texturas





Llito é un vello coñecido neste blog: hai cinco anos xa falaramos dos seus progresos
Agora que está asentado na Arousa, estaremos máis atentos á súa evolución artística



26/03/13

A Galinha Pintadinha



Poucas cousas entreteñen máis un neno que as súas cancións favoritas
E iso é o que lle ocorre á miña filla coas versións de A Galinha Pintadinha
O grupo actualizou con éxito os clásicos populares brasileiros para cativos
O primeiro que a enganchou foi Meu Pintinho Amarelinho, todo un temazo
O hit narra os quefaceres e as inquedanzas dun pitiño realmente rebuldeiro
Selma non cansa de oíla unha e outra vez e de pedila de novo cando acaba


A seguinte canción que lle chamou a atención vai sobre un coelliño larpeiro
-Que por unha cenoria se volve mañoso e fica barrigudo ao comela enteira-



O último exitazo entre as primeiras cancións que escoita é a da formiguiña
Con ela aprende o nome de distintas partes do corpo, como é o caso do pé

21/02/13

Father Ted



Non é só unha das mellores comedias de curas que vin nunca
Father Ted é unha das mellores series de humor xamais feitas
Está ambientada en Irlanda, na pequena illa ficticia de Craggy
-Cuxo mapa podemos ollar neste sketch totalmente delirante-



O protagonista, Ted, foi enviado alí ante a sospeita de desfalco
Un detalle nada alleo ao humor da serie, baseado na vergonza




O párroco reside na casa rectoral con outros dous sacerdotes
Un deles, xa retirado e de volta de todo, é o borrachón de Jack
Na miña opinión, é o mellor personaxe, con momentos xeniais







O outro é o novizo Dougal, un personaxe fato mais entrañable
Ao estilo de Epi e Brais, Ted e Dougal comparten o dormitorio
Mención especial para o seu edredón, con debuxos de He-Man





Este videoclip constitúe un dos momentos culminantes da serie
Ilustra a canción feita polos cregos para participar nun certame



Father Ted é ademais rica en personaxes únicos, inesquecibles
É o caso, por exemplo, do irrepetible divo televisivo Eoin McLove



Por non falar do irresistible Pat Mustard, o prolífico leiteiro da illa
Entre outras, conquista a ama de chaves da rectoral, Mrs Doyle



Father Ted tivo en total tres temporadas, realizadas nos anos 90
O actor que encarna o padre Ted é o malogrado Dermot Morgan
-Dáse a circunstancia de que morreu xusto á fin das gravacións-
Mentres que Ardal O'Hanlon e Frank Kelly fan de Dougal e Jack
Un dos autores de Father Ted, Lineham, dirixiu outra mítica serie
Refírome a The IT Crowd, inspirada tamén nun traballo absurdo
Mención ademais para a cabeceira da sitcom, gravada nas Aran
Déixoa aquí neste vídeo co arranque dun dos primeiros capítulos
A candea de cera que se ve é unha pista de por onde van os tiros




31/01/13

Conexións



O colectivo artístico do Salnés "Habelas" está a expoñer obras dos seus 29 membros
A mostra pode ollarse na sala Rivas Briones, na rúa Alcalde Rey Daviña de Vilagarcía
Supón, de feito, a presentación en sociedade de toda unha xeración de novos talentos
Trátase de mozos, a maioría da contorna, interesados na expresión a través das artes
Decidiron agruparse no verán de 2012, e a súa asociación xa deu os primeiros froitos
Entre esta pléiade de artistas de seis disciplinas distintas figuran varios amigos meus
É o caso de Suso Gómez, un escultor cambadés de inspiración próxima ao ciberpunk
Melómano, cinéfilo e mais dotado dunha gran sensibilidade, encántalle a ciencia-ficción
Na foto está á dereita, xunto con varias pezas súas e Isi, outro colega da cuadrilla



Sobre estas liñas campa un soberbio exemplar de billafante, un ser creado por Suso
Con corpo de granito e cabeza de surtidor, deulle vida coas súas mans de demiúrgo
Como ás pedrarañas e outras criaturas que pululan pola súa mente e polo seu taller
-De onde saíron pezas tan ousadas como esta representación do mesmísimo Cthulu-
Algunhas delas poden verse neste blog do propio autor, quen xusto neste día fai anos
Vaian por diante os meus parabéns, tanto polo aniversario como polo labor feito



A colectiva tivo un éxito de público xa na súa inauguración, a pasada fin de semana
A maior parte dos integrantes de “Habelas” recorren á pintura como vía de expresión
Unha das pintoras que toman parte na mostra é Nesti, tamén do círculo dun servidor
Expón o colorido retrato de varios membros dunha mesma familia nun contexto tribal



Quen admira a obra realizada por Nesti é Beni, outro apreciado compañeiro de fatigas
E amiga tamén de todos os mencionados é a autora destas excelentes instantáneas
Refírome á fotógrafa Anabel Carrión, que conta cunha bitácora chamada Turistrazos
-E mais outro blog, cos textos redactados en alemán, que se denomina Atlantikgrün-
A exposición, Conexións, poderá visitarse na vila arousá ata o vindeiro 24 de febreiro


28/12/12

Un ano inesquecible



O ano que agora conclúe foi, a título persoal, realmente inesquecible
En primeiro lugar porque puiden exercer a paternidade o ano enteiro
Ver miña filla dar os seus primeiros pasos foi unha experiencia única
Tiven o gusto tamén de ollala comer dun xeito cada vez máis variado
Ou o pracer de vela divertirse por vez primeira sentada nun bambán
Por non falar do orgullo de escoitala dicir as súas primeiras palabras
Ou do gozo de observala facer todas as carantoñas das que é capaz
Por todo isto, foi un ano máis ca especial, cheo dunha nova vitalidade
Co aninovo, Selma cumprirá dezaseis meses de progresos continuos
Neste vídeo caseiro, quixen dar conta dalgúns deles, reunindo retallos
Trtátase dalgunhas das escenas domésticas que nos ficaron gravadas
Agardo que o ano vindeiro lle sexa, cando menos, igualmente frutuoso
Do mesmo xeito que vos desexo o mellor aos lectores desta bitácora



29/11/12

Algunhas cervexas amargas



Nos últimos meses desenvolvín un gusto especial polas cervexas amargas
Canto maior é o seu amargor, tanto mellor, ao contrario que co sabor ácido
En particular, collinlles agrado ás "IPA", as Indian Pale Ale, con moito lúpulo
Son beberaxes de alta fermentación, co fin de pospoñer a súa caducidade
Esta de Samuel Smith está dispoñible na "cervexoteca" Malte, na Coruña
Mentres que esta outra, da danesa Mikkeller, consumina en Baden Baden
-Unha cadea de cervexerías con establecementos repartidos por Madrid-



Pero hai máis cervexas de regusto amargo no mercado á parte das IPA
Unha pola que teño unha gran predilección é a Hobgoblin, de Wychwood
-Levala ao padal supón unha experiencia calidoscópica, rica en matices-
A última proposta que traio é a ale XX Bitter, da fábrica belga De Ranke
Con gran fruición, degusteina o pasado Samaín xunto a esta orixinal tapa


O conxunto arqueolóxico de Adai

  O de Adai, a 8 km ao noroeste de Lugo , é o maior conxunto megalítico e rupestre da comarca lucense e un dos máis completos do país Nel in...