30/11/08

Neve, neve e máis neve


Levo varios días inmerso nun mundo branco e frío
Camiñando con dificultade coas botas enchoupadas na neve
Xogándome o tipo sobre rodas por pistas de patinaxe
Non por gusto nin por amor á arte, senón por traballo
De feito, non asocio as nevadas aos momentos de lecer
Certo é que o manto de folerpas soe deixar belas postais
Pero non adoito ter ocasión de pararme con calma a ollalas
Normalmente, o apuro manda, e é raro que poida facelo
Así e todo, ás veces quédame algún que outro flash gravado
Sobre todo cando vén o sol despois da tempestade branca
Ou, xa fóra do traballo, cando cadra que neva ben en Lugo
Daquela, sobre todo pola noite, 'cámbiache o conto'
E se coincide que hai lúa chea, pois aínda mellor que mellor
A paisaxe vólvese espectral, ao reflectir o resplandor, o luar
E faise o silencio, ese silencio que todo o envolve
Certamente, eses momentos de paz non hai cartos que os paguen
Outra cousa ben distinta é ir buscar a neve en pleno temporal
Pretender subir a un porto de montaña xusto coa alerta laranxa
Tratar de ir para pasar o día como quen vai á praia polo verán
Resúltame incomprensible, como querer subir á noria tronando
-E de paso obstruíndo o labor dos servizos de emerxencias-
Deixo aquí a crónica dun colapso, detallada por estes señores
-Algún deles, por certo, con aspecto de personaxe dickensiano-

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

27/11/08

...E o anterior de Stereolab



Xa vin algún vídeo do concerto de Stereolab en Pontevedra
De moi escasa calidade, así que non os vou reproducir
Lin na Voz que o son era "de guateque, sucio, añejo"
Referirase a que empregan un teclado moog, dos anos 60?
Certo é que empezaron facendo un pop-rock ao estilo "noise"
Disto hai 15 anos, cando aínda non atoparan un estilo propio
Pero logo foron logrando unha produción cada vez máis pulcra
Pola banda pasaron produtores como Jim O'Rourke -un monstro-
Tamén Tortoise ou Mouse on Mars, sen esquecer o propio Gane
Quixen colgar aquí algunhas das portadas dos seus álbumes
A primeira é a do "Cobra...", do que tocaron algo nestes lares
"The First of the Microbe Hunters" foi o seguinte disco
Ámbolos dous teñen unha aura de ciencia-ficción barroca
-O que os fai idóneos para acompañar lecturas nesa liña-
Coidaron a calidade do seu traballo musical dende sempre
Ao igual que o deseño da presentación dos seus discos
Pero non así os videoclips para promocionar os seus temas
Por moi bos que fosen, e poño por exemplo o de "Ping Pong"
E iso os poucos temas que contaron cun vídeo promocional
Que outros, como "Lo Boob Oscillator", nin tan sequera iso



24/11/08

O último de Stereolab


Se había un grupo que quería ver en vivo, ese era Sterolab
A banda, británica, ten un son máis ca característico
É como xuntar o teclista dos Doors con Astrud Gilberto
E daquela axitalos cunha batidora a ritmo de chançon française
Poderíanse facer mil afirmacións polo estilo de Stereolab
O seu son resulta caleidoscópico, de continuo cambiante
Foron etiquetados de "post-rock", e mesmo de "lounge"
Facer estas afirmacións paréceme fabricar realidades de peto
Para min son un dos grupos máis importantes dos anos 90
-Quero dicir dos nados daquela, porque hoxen seguen a selo-
"Dots and loops", do 97, é un dos seus mellores álbumes
Coma "Cobra and Phases Group Play Voltage in The Milky Night"
-Un disco completo de pe a pa, insuperable, publicado no 99-
Son xeniais compositores e excelentes instrumentistas
A batura corre a cargo do guitarrista Tim Gane
Mentres que Laetitia Sadier pon a voz cantante
-As letras das cancións alternan entre o francés e o inglés-
O caso é que publicaron hai pouco un novo álbum
Chámase "Chemical Chords", e están a promocionalo cunha xira
E dentro do tour deron un concerto en Pontevedra
Iso foi o venres pasado, e non souben del ate o día seguinte
Deume a impresión de que todo o mundo sabía del menos eu
É dicir, todos menos o único coa firme determinación de ir velos
A causa encóntrase nun cúmulo de despropósitos de todo tipo
Aínda que a razón última se cadra sexa a falta de promoción
Pola conta que me ten, procurarei estar atento para outra
A cuestión é: para cando terei outra ocasión de velos?
Co eco desta pregunta, deixo un bo exemplo de videoarte
Trátase de "Neon Beanbag", o tema que abre o último disco

21/11/08

O Equipo B




Cal foi a miña sorpresa cando vin este cartel en diante da casa
Os de Caixa Galicia recorrendo ao Equipo A como reclamo
E ademais para traspasar nada menos que un plan de pensións
E pensei con pavor que realmente si me estaba facendo maior
-Como dirían nas súas bitácoras os colegas Carmen e Karlief-
Que lonxe quedan xa aqueles anos de nocilla vs tulicrem!
Trala primeira impresión, de impacto, axiña entras nos detalles
Primeiro ves que fan un discorrido xogo de palabras co dos plans
-A coletilla de Smith de toda a vida rebaixada a isto-
Logo ves que o enxeño vai máis alá e enredan co da letra do equipo
-Que atrevemento, que ousadía, que sacrilexio...-
Supoño que tamén con aquilo de que non os busques -os aforros?-
Que, para o caso, se lles parece, xa te atoparán eles a ti
O mellor aínda está por vir, cando te paras a fixarte nos caretos
O de Smith ten un pase, que algo se lle parece co puro e tal e cal
Pero o de M.A., o de M.A... Iso xa non ten perdón
Estes señores iconoclastas, como se atreven a blasfemar así!
A pervertir deste xeito a sagrada imaxe de San Míster T!
Onde diantre deron con ese 'dobre' que só se parece no ton da pel?
-E eu incluso diría que nin niso, que o M.A. era algo máis negro-
Fatal, en fin, moi mal, que non se pode xogar así coa mitomanía
Aínda por riba, na foto parece que te estean a ameazar
Traspásanos a pasta ou... mandámosche este Equipiño B a cobrala

19/11/08

Os dicionarios na rede


Un dicionario na rede é unha ferramenta moi útil
Habitualmente eu emprego dous: un deles é o da R.A.G.
Trátase dun glosario con contradicións coa actual normativa
O cal non deixa de ser bastante contraproducente
-En fin, como tantas e tantas cousas neste país-
O outro é o dicionario on line de Edicións Ir Indo
E falar deste instrumento xa son palabras maiores
Está totalmente actualizado, o cal xa é bastante
Se a entrada é un verbo, ofréceche a conxugación completa
Ademais, inclúe a orixe etimolóxica de tódolos termos
E por se fose pouco, dáche a tradución a varios idiomas
De forma automática, traduce ao castelán, portugués e inglés
E mesmo conta cun repertorio coas dúbidas máis recorrentes
A min gústame escribir, non só falar, con propiedade
E ademais prefiro respectar a normativa vixente da lingua
Que para algo é a denominada 'normativa da concordia'
-Outra cousa é canto dure esta normativa, a unha por década-
Así que este dicionario supón unha valiosa axuda a tal efecto
Por certo, esta é xa a segunda vez que promociono Ir Indo
-Despois dun libro de relatos que lin hai menos dun mes-
Quero logo aclarar que non recibo comisión ningunha
-Xa me gustaría a min ter unha EGU no meu pisiño-
Corre o rumor de que esta editorial podería pechar en breve
Disque é por falta de vendas, o cal non me sorprende nada
Sería unha mágoa, pero tal e como están as cousas...

14/11/08

Yoni Mediogramo


A nivel de oferta cultural esta foi unha semana fantástica
A xulgar polos espectáculos ofertados, isto xa non parece Lugo
En tres días puidemos ir a un concerto e mais a un monólogo
Ás actuacións de Mike Stern e do actor coruñés Juanillo Esteban
A quen todos coñeceredes por poñerlle a voz ó porco do Xabarín Club
E que nos ofreceu outra sesión do seu personaxe Yoni Mediogramo
Foi no pub Kursal, no que xa non collía un alfinete entre o público
Con esta xa son tres as veces que fomos gozar das súas peripecias
Das numerosas desventuras do antiheroe politoxicómico de Labañou
Coma nas anteriores ocasións, non fixemos máis que partirnos á risa
Xa digo, unha semana 'mirabilis' con música da boa e humor irreverente

13/11/08

Outro concerto de Mike Stern



Levo xa dez anos consecutivos acudindo a esta cita musical
Refírome ao Festival de Jazz de Lugo, que se está a celebrar
Esta semana é para min a de maior oferta cultural na cidade
En todo o resto do ano non hai evento que a iguale
Nin sequera no mesmísimo San Froilán, con tanto concerto
Ao longo destes anos, recordo os gratos momentos que pasei
Se cadra o mellor concerto fose o da Christian McBride Band
Coa súa soberbia versión do "Red Clay" de Freddie Hubbard
Tamén os das bandas de Ron Carter ou de Carolyn Breuer
Ou o de John Scofield, dentro da súa xira do ano pasado
O último concerto ao que asistín foi o de Mike Stern
Guitarrista de cuxo directo xa gozara hai agora tres anos
A este último espectáculo corresponden estas instantáneas
Como se pode intuír, o Círculo das Artes estaba repleto
Stern actuou co baixista Chris Minh Doky, que estivo bárbaro
Tamén o acompañou o trompetista Randy Brecker
Eran, dende logo, o prato forte desta semana jazzística

Futuroscope

Tres sílabas ten xa o número de anos que nos fai hoxe mesmo a rapaza Neste verán aínda inconcluso decidimos levala de viaxe a un lugar moi e...