31/01/13

Conexións



O colectivo artístico do Salnés "Habelas" está a expoñer obras dos seus 29 membros
A mostra pode ollarse na sala Rivas Briones, na rúa Alcalde Rey Daviña de Vilagarcía
Supón, de feito, a presentación en sociedade de toda unha xeración de novos talentos
Trátase de mozos, a maioría da contorna, interesados na expresión a través das artes
Decidiron agruparse no verán de 2012, e a súa asociación xa deu os primeiros froitos
Entre esta pléiade de artistas de seis disciplinas distintas figuran varios amigos meus
É o caso de Suso Gómez, un escultor cambadés de inspiración próxima ao ciberpunk
Melómano, cinéfilo e mais dotado dunha gran sensibilidade, encántalle a ciencia-ficción
Na foto está á dereita, xunto con varias pezas súas e Isi, outro colega da cuadrilla



Sobre estas liñas campa un soberbio exemplar de billafante, un ser creado por Suso
Con corpo de granito e cabeza de surtidor, deulle vida coas súas mans de demiúrgo
Como ás pedrarañas e outras criaturas que pululan pola súa mente e polo seu taller
-De onde saíron pezas tan ousadas como esta representación do mesmísimo Cthulu-
Algunhas delas poden verse neste blog do propio autor, quen xusto neste día fai anos
Vaian por diante os meus parabéns, tanto polo aniversario como polo labor feito



A colectiva tivo un éxito de público xa na súa inauguración, a pasada fin de semana
A maior parte dos integrantes de “Habelas” recorren á pintura como vía de expresión
Unha das pintoras que toman parte na mostra é Nesti, tamén do círculo dun servidor
Expón o colorido retrato de varios membros dunha mesma familia nun contexto tribal



Quen admira a obra realizada por Nesti é Beni, outro apreciado compañeiro de fatigas
E amiga tamén de todos os mencionados é a autora destas excelentes instantáneas
Refírome á fotógrafa Anabel Carrión, que conta cunha bitácora chamada Turistrazos
-E mais outro blog, cos textos redactados en alemán, que se denomina Atlantikgrün-
A exposición, Conexións, poderá visitarse na vila arousá ata o vindeiro 24 de febreiro


28/12/12

Un ano inesquecible



O ano que agora conclúe foi, a título persoal, realmente inesquecible
En primeiro lugar porque puiden exercer a paternidade o ano enteiro
Ver miña filla dar os seus primeiros pasos foi unha experiencia única
Tiven o gusto tamén de ollala comer dun xeito cada vez máis variado
Ou o pracer de vela divertirse por vez primeira sentada nun bambán
Por non falar do orgullo de escoitala dicir as súas primeiras palabras
Ou do gozo de observala facer todas as carantoñas das que é capaz
Por todo isto, foi un ano máis ca especial, cheo dunha nova vitalidade
Co aninovo, Selma cumprirá dezaseis meses de progresos continuos
Neste vídeo caseiro, quixen dar conta dalgúns deles, reunindo retallos
Trtátase dalgunhas das escenas domésticas que nos ficaron gravadas
Agardo que o ano vindeiro lle sexa, cando menos, igualmente frutuoso
Do mesmo xeito que vos desexo o mellor aos lectores desta bitácora



29/11/12

Algunhas cervexas amargas



Nos últimos meses desenvolvín un gusto especial polas cervexas amargas
Canto maior é o seu amargor, tanto mellor, ao contrario que co sabor ácido
En particular, collinlles agrado ás "IPA", as Indian Pale Ale, con moito lúpulo
Son beberaxes de alta fermentación, co fin de pospoñer a súa caducidade
Esta de Samuel Smith está dispoñible na "cervexoteca" Malte, na Coruña
Mentres que esta outra, da danesa Mikkeller, consumina en Baden Baden
-Unha cadea de cervexerías con establecementos repartidos por Madrid-



Pero hai máis cervexas de regusto amargo no mercado á parte das IPA
Unha pola que teño unha gran predilección é a Hobgoblin, de Wychwood
-Levala ao padal supón unha experiencia calidoscópica, rica en matices-
A última proposta que traio é a ale XX Bitter, da fábrica belga De Ranke
Con gran fruición, degusteina o pasado Samaín xunto a esta orixinal tapa


01/10/12

Cinco anos de blog



O que empezara como un pasatempo experimental chegou xa ao lustro de antigüidade
Esta xaneliña persoal cara ao mundo inaugurábase aquel primeiro de outubro de 2007
Nun principio con pequenos retallos diarios sobre afeccións, como a revista Retranca


Tamén había lugar para as excursións cos amigos, en particular nos arredores de Lugo
Aquí temos dous entrañables colegas dun servidor amosándonos a maxia da fotografía



Cambados e a súa contorna tamén protagonizaron algúns dos posts de maior interese
-É o caso, dende o meu punto de vista, do artigo sobre as sereas espalladas pola vila-



As melloras tecnolóxicas tamén se puideron apreciar no decurso desta miña bitácora
A finais de 2010 cambiei o modelo e puiden entón colgar fotos de maiores dimensións




As viaxes e escapadas ocuparon un lugar salientable neste virtual casteliño ambulante
Xixón, León, Braga e outras cidades galaicas focalizaron os contidos a nivel nacional



Mentres que a nivel internacional, relatamos as nosas incursións a países coma Rusia
Esta foto en concreto, sacada en Vladimir, é para min unha das mellores que publiquei


Esta outra imaxe, das "Rows" de Chester, foi captada durante unha viaxe por Inglaterra
E a de abaixo corresponde a un camiño polas inmediacións de Llanberis, xa por Gales



A ampliación da nosa familia, coa chegada de Selma, ocupou un lugar salientable no blog
Agardo que no futuro poidamos celebrar outros cinco anos creando contidos nesta páxina
Ata daquela, recibe un saúdo e o meu agradecemento por escoitares canto aquí che contei


20/09/12

A noite en Bucarest



En Bucarest demos por rematada a nosa viaxe ás terras romanesas
Alí sorprendeunos a diversa e dinámica vida nocturna que atopamos
De feito, nunca viramos tantas terrazas como as que había no centro
-En tantas rúas contiguas, con tanta xente nun auténtico formigueiro-
Estivemos na cervexería Caru Cu Bere, fundada a fins do século XIX
No seu coidado interior degustamos a súa magnífica cervexa da casa



O persoal completo da cervexería deleitounos cun curioso espectáculo
Saíron todos eles en fila india a bater as palmas ao ritmo dunha polca
A continuación, deron varias voltas e viráronse a ambos os dous lados
Por último, ao acabar a música, volveron cada un aos seus quefaceres



Para cearmos, buscamos outro local de referencia na capital romanesa
Dirixímonos ao Manuc, un restaurante con douscentos anos de historia
-Coma no resto do país, as súas terrazas eran coquetas e acolledoras-
E ata aquí chega o relato das vivencias que tivemos, de grata lembranza
Visitamos unha nación fascinante, repleta de pasado e con moito futuro


12/09/12

Os castelos de Transilvania



Preto de Brasov encóntrase o castelo de Bran, levantado polos saxóns no s. XIV
A súa imaxe utilizouse en varias adaptacións cinematográficas da novela Drácula
Esas son as escaleiras que conducen ao interior dunha fortaleza lendaria mais real



Por dentro, o edificio deléitanos con estancias acolledoras e chemineas feitucas
-Aínda que o mobiliario foi traído posteriormente polos seus actuais propietarios-




En canto ás vistas dende o castelo, na contorna poden ollarse casas tradicionais
Abundan ademais as prazas hoteleiras, posto que se trata dun gran foco turístico 



En Muntenia, aínda que cerca do límite con Transilvania, está o castelo de Peles
Concretamente, atópase en Sinaia, unha vila de montaña encravada nos Cárpatos
Tal elección desta ubicación, por parte do rei Carlos I de Romanía, non fora casual
Esta residencia de verán situábase moi próxima a un principado de fala romanesa
Non en van, o territorio transilvano sería anexionado ao resto do reino anos despois



O patio interior do castelo recórdanos as orixes deste monarca nado en Alemaña
Neste caso, os arredores tamén son de interese, tal como se pode apreciar na foto
-De feito, outro castelo, o de Pelisor, forma parte do mesmo complexo residencial-


10/09/12

Transilvania: Brașov


De novo atravesamos os Cárpatos orientais, desta volta en sentido inverso
Fixémolo por un estreito desfiladeiro que nos conduciu á cidade de Brasov



Polo camiño paramos no lago Encarnado, onde a xente paseaba en barcas
Xa en Brasov, percorremos a longa rúa peonil Republicii, chea de terrazas



Tamén visitamos a Igrexa Negra, un templo baixomedieval de estilo gótico
Chaman así esta igrexa luterana por un incendio que a arrasou no s. XVII
Moi preto estaba a primeira escola na que se impartiron clases en romanés
Asomámonos tamén á Strada Sforii, considerada a rúa máis estreita de Europa




Por último, coñecemos a gran praza maior desta urbe do tamaño de Vigo
-Un imán de vitalidade no que poder pasar as horas de xeito contemplativo-
Alí degustamos a estupenda cervexa da casa no restaurante Cerbul Carpatin


Phantasialand

Hoxe estamos de festa na casa, posto que a rapaza xa nos fai quince anos Por adiantado, obsequiámola cunha visita a un dos parques temáticos...