07/11/08

Un don por aproveitar


O galego é un idioma único no mundo
Ten unha particularidade da que nunca se fala en ningures
É, á vez, o máis parecido a dúas das linguas máis faladas
Trátase do idioma máis semellante ao castelán que existe
Parécese máis có catalán e a un castelán resúltalle máis intelixible
E tamén, como non, é o que máis se semella ao portugués
Isto permítelle a un galego entender ben a 600 millóns de persoas
Calquera paisano cun pouco de oído pode comprendelas a todas
Mesmo á que lle fale co acento máis pechado do Brasil
Isto é posible porque tódolos galegos entenden a lingua galega
Hoxe por hoxe segue a ser así, xa sexa pola familia ou pola escola
Poder entender a unha de cada dez persoas no mundo supón algo
Supón un potencial inmenso para un pequeno país como é o noso
Potencial que se multiplicaría co dominio da lingua franca, o inglés
Teriamos así a chave para comunicarnos con medio mundo
Con todo Occidente, ao coñecer ben os tres idiomas máis falados
Posuímos un potencial don de linguas colectivo aínda por explotar
Pero unha cousa é a comprensión e outra a comunicación plena
Tódolos galegos poderán comprender os 600 millóns, de acordo
Pero outra cuestión é que á súa vez poidan explicarse con fluidez
Neste senso, a balanza inclinouse cara ao castelán no último século
Acelerando así un proceso que partía da independencia portuguesa
Hai cen anos, nove de cada dez galegos falaban só a lingua do país
Pero diversos factores minguaron a porcentaxe de galegofalantes
Como a alfabetización universal ou a chegada dos 'mass media'
-Ou mesmo o cambio da liturxia tralo concilio Vaticano II-
Fenómenos que cadraron xustamente cos 40 anos de franquismo
A isto hai que engadir unha transición que conservou os vellos tics
Como resultado, a proporción hoxe é de 60/40 a prol do galego
Isto supón outra particularidade da que tampouco se fala nunca
O galego é o único territorio español sen maioría castelanfalante
Si, en Cataluña a proporción segue a ser inversa a prol do castelán
Vivimos na única autonomía na que o castelán non é maioritario
No único territorio ibérico sen maioría lusófona ou castelanfalante
Podemos comunicarnos con máis xente ca ninguén na Península
Pero ao mesmo tempo tamén somos quen de manter o noso
O cerne da nosa cultura e veículo de expresión da nosa idiosincrasia
Así e todo, a perda de falantes levou tamén a unha merma importante
Sobre todo naquelas urbes cunha menor contía de galegofalantes
E principalmente entre as xeracións máis novas desas cidades
Refírome á capacidade de expresión na lingua propia do país
Son milleiros os mozos galegos que non a falan de xeito fluído
Isto é debido a que só tiveron contacto coa fala nos centros de ensino
De cortarlles ese fráxil fío, xa nada os uniría á lingua de todo un pobo
Ao idioma da totalidade dos seus ascendentes na maioría dos casos
Non seriamos dignos merecedores da nosa rica herdanza cultural
Senón monicreques nas mans de demagogos irresponsables
E deixariamos de aproveitar plenamente as nosas potencialidades
Perderíanse así oportunidades únicas, históricas, postas en bandexa
Quen sabe se nunha viaxe sen retorno dun tren que nos foi brindado
O saber nunca ocupou lugar, senón que foi a raíz de tódolos avances
E ser políglota só por nacer aquí supón un don nada desprezable
Isto non debería escapárselle a ningún pai que queira os seus fillos

1 comentario:

Dr Smurf dixo...

E por moito que trate de negalo, cada galego non foi, non é e non será outra cousa que iso mesmo: galego.

En caso contrario, estariámonos a referir ao argumento dunha obra de terror ou de ciencia-ficción.

O parque de Marcos Cela

  Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co...