25/01/20

O Museo Provincial de Lugo


Un dos lugares da cidade de Lugo de visita obrigada é o Museo Provincial
Xunto coa muralla romana e a catedral, ambos bens mundiais, supón un dos principais reclamos
A súa sede encóntrase nun antigo convento franciscano, do cal se conserva o refectorio ou un claustro do século XV




O museo fora creado na II República co fin de reunir e preservar o patrimonio cultural lucense
Ao quedar pequena a súa localización orixinal, no pazo de San Marcos, foi preciso trasladalo a este convento
No seu claustro exhíbense numerosas aras romanas con inscricións en latín, coas correspondentes transcricións ao romance





A máis famosa destas esculturas dos tempos dos césares é a estela funeraria de Crecente, do século I
Tamén da época de dominación romana datan estes mosaicos descubertos en sucesivas excavacións no centro da urbe




E incluso anteriores á chegada das tropas imperiais son os tesouros galaicos que se amosan no museo
A peza máis valiosa é o coñecido torque de Burela, de case dous quilos de ouro macizo, que fora achado na vila mariñá
Exponse, custodiado coma ningunha outra obra, na planta superior do edificio principal do museo, ao que se accede pola praza da Soidade




A cociña do antigo convento franciscano é outra das salas máis visitadas do museo
Precisamente o fundador da orde, San Francisco, é o que preside o acceso á primeira planta
A talla, de  madeira policromada, fora esculpida hai case cen anos polo artista cambadés Francisco Asorey




Do mesmo escultor é outra figura, tamén tallada en madeira, que se encontra á beira mesmo, denominada 'Ofrenda a San Ramón'





O museo ten tamén unha boa pinacoteca, con obras de pintoras como Maruja Mallo ou Xulia Minguillón
Conta en total cunha trintena de salas, entre elas unha dedicada á cerámica de Sargadelos e outra á arte africana
Foi ampliado nos 90 para acoller exposicións temporais, mais a día de hoxe non lle viña mal unha reforma á parte máis vella
Coma no resto da rede museística provincial, a entrada é de balde, aínda que cómpre ter en conta que os festivos non abre ás tardes
O pazo de Tor, en Monforte, ou o castelo de Narla, en Friol, dos que xa temos falado neste blog, completan a oferta dos museos provinciais


29/12/19

Selma en 2019


Deste ano que agora remata a nosa filla gardará unha morea de lembranzas
Caéronlle uns cantos dentes de leite e pegou un bo estironciño, non só no aspecto físico
Desenvolveu máis aínda a súa empatía e seguiu medrando como persoa cun bo feixe de vivencias
Neste 2019 esta pequena fada subiunos por vez primeira a un escenario para participar nunha obra teatral
Tamén continuou adquirindo coñecementos sobre linguaxe musical e danza tradicional, ademais de baile moderno





No Arde Lucus, Selma volveuse armar coma unha guerreira galaica
E, caracterizada coma unha pequena exploradora, fixemos xuntos rutas a pé




Este ano aprendeu a nadar mellor, tras rematar un curso enteiro de natación
Tamén fixemos unhas cantas viaxes con ela, sobre todo durante as pontes da primavera
Levámola ata Cantabria, onde probou deliciosas anchoas e pintou coma as mulleres das cavernas
E puidemos ir de visita a Salamanca, onde gozou das estupendas vistas das torres e mais da Serra de Francia




Xa en pleno verán, pasamos parte das vacacións cos seus avós ou cos seus tíos e primos





O prato forte do estío chegou cando fomos de viaxe a Copenhague
Alí viu a Sereíña, a Torre Redonda ou o Parque Tívoli, onde quedou marabillada





Antes de empezar o cole, tivo un reencontro cos seus compañeiros
Celebraba o seu oitavo aniversario, nesta ocasión cunha festa de temática científica





As ciencias reveláronse como unha das súas principais paixóns
Así que este curso iniciou unha actividade extraescolar para poder realizar experimentos
Tamén no colexio, unha mala caída xogoulle unha mala pasada e sufriu unha pequena fractura que axiña curou
O peor foi que lle coincidiu co San Froilán, polo que pasou as festas con escaiola e estribeira, privándose dalgunhas das atraccións




Unha vez superado este pequeno mal trago, celebramos con ledicia un Samaín terrorífico




Xa no último mes, acudimos un ano máis ao Culturgal, en Pontevedra, onde nos topamos cos Bolechas
Alí, no medio de tantas propostas culturais, pintáronlle á nena unha sereíña disque ao estilo da Maruxaina de San Cibrao




En Lugo sacáronnos unha foto de familia, co gallo do aniversario da muralla como ben mundial
E, como cada ano por estas datas, a nosa filla puido visitar o poboado de Nadal da praza de María Pita
Mentres compartimos a ilusión de Selma pola chegada do Apalpador, desexámosvos un aínda mellor ano 2020


09/11/19

Brueghel


 Este ano conmemórase o 450 aniversario da morte de Brueghel o Vello
Para homenaxear o mestre flamengo, organizáronse unha serie de exposicións
Entre elas, destaca a que está a ter lugar nos Museos Reais de Belas Artes de Bruxelas
Alí foi onde finou o xenio e é onde se atopa a segunda maior colección das súas obras no mundo
Está, por exemplo, a 'Paisaxe nevada con patinadores e trampa para paxaros', que se encontra sobre estas liñas
Esta revolucionaria pintura, en que se reflexiona sobre a fraxilidade da existencia humana, é a máis copiada de cantas realizou




A obra que se conserva de Pieter Brueghel o Vello é moi escasa
De feito, só se contabilizan 45 pinturas repartidas por todo o planeta
A 'Paisaxe coa caída de Ícaro' é outra das que se poden ollar neste museo
Ou a non menos coñecida 'Caída dos anxos rebeldes', aquí amosada en detalle
Como se pode apreciar, a táboa incorpora e transmuta criaturas propias do Novo Mundo




O 'Combate entre o Entroido e a Coresma' é outra das obras presentes nesta mostra
Como tamén se pode contemplar o 'Censo en Belén', onde o pintor recrea de novo a neve en Flandres
Tamén hai unha copia de 'O viño do San Martiño', a pintura de maior tamaño de todas cantas se atribúen a Brueghel




Na exposición tamén se poden ollar unha serie de cadros cuxa autoría corresponde a Pieter Brueghel o Novo
Un deles é esta 'Volta da romaría', como tamén está presente o 'Baile de voda labrega', ambos de temática costumista




A exposición, que levaba anos preparándose, ten por nome 'Bruegel: Unseen Masterpieces'
Nela faise uso da tecnoloxía 3D para explicar, ademais de reinterpretar, a obra do xenio flamengo
Nesta ligazón pódese acceder a unha visión en detalle de cada unha das principais pinturas que nos legou


O San Xoán da Piringalla

A da Piringalla é a fogueira máis grande das terras lucenses e unha das meirandes de todo o país Supón a máxima expresión da celebración do...