Esta é unha representación do deus grego Dionisos
Coñecido na mitoloxía romana como Baco
É a que luzo con orgullo na camiseta do meu equipo de fútbol-sala
-Por ser o nome da cervexería luguesa que nos patrocina-
Porque o culto dionisíaco non quita a actividade deportiva
Recoñezo que nunca me apaixonou o fútbol
-Ver un partido pola tele é algo que me aburre soberanamente-
Pero practicalo en primeira persoa preséntase como algo ben distinto
Non é o mesmo ser un mero espectador que tomar parte de xeito activo
Non se trata só de facer exercicio para estar en forma
-Xa se sabe: "Mens sana in corpore sano"-
Hai un forte compoñente de entretemento na práctica deste deporte
De aí a diferencia que existe entre velo e xogalo na cancha
Co incentivo engadido de participarmos nunha competición
Trátase dunha liga de equipos afeccionados a nivel de Lugo
O meu equipo está formado, sobre todo, por compañeiros de traballo
E competimos co nome de "Cervexería Baco"
Un nome, por outra parte, moi relacionado co pasado da cidade
Quero dicir, tanto castrexo, polo da cervexa, como romano, polo do viño
Incluso se podería definir con estas dúas palabras o noso pasado
O cerne da cultura romanocastrexa da que provimos
-E que se prolongou durante máis de cinco séculos-
O viño e a cervexa que deron de beber aos nosos ancestros
E, ao mesmo tempo, que nos conformaron como sociedade
Que nos axudaron a socializarnos dende sempre
Non é casual, logo, que luza con dignidade esta camiseta
Por todo o que simboliza
Ademais, claro está, do espírito epicúreo e hedonista que encarna
Ningún comentario:
Publicar un comentario