24/02/08

A dela


Esta é a ollada que dá a benvida á bitacora de Adela
-A dela-
Quen é membro por dereito da miña difusa tribo urbana coruñesa
Descubrín esta xoia nun recuncho da Taberna de Toxo
E inmediatamente quedei prendado da súa calidade
Do seu, ó meu ver, valor literario
Cos seus máis e os seus menos, claro está
Pero en todo caso podo afirmar que é do mellor que teño visto
Teño a vantaxe de poder coñecer algúns personaxes dos que fala
-Só uns poucos, pero de abondo-
Ás veces pode resultar impactante
Mesmo poida que en ocasións ferinte
Pero ten a estraña virtude de non deixarte indiferente
De facerte partícipe dunha visión ou duns sentimentos
E iso, polo pouco que sei, seica é o importante

22/02/08

O toxo


Florece neste tempo, a flor do toxo
Esa que tingue de amarelo a paisaxe tipicamente galega
E é tamén o alcume dunha compañeira do meu smial
Chamada "Kalruth Flor de Toxo"
Isto vén a conto da súa bitácora
Denominada á súa vez "A taberna de Toxo"
Gústame como está presentada a idea
Ti es un cliente que acodes á taberna a tomar un grolo
E de paso a entreterte un intre
Ultimamente comenta bastante unha teima súa
-Pero non por insistente menos encomiable-
A de facerse mergulladora de pro
É dicir, co equipo completo e esas cousas
-O traxe de pneopreno, a botella de osíxeno, etc.-
A min tamén me gustaría ver os corais de cores
Pero teño que recoñecer que non sería quen de intentalo
Xa para empezar, de facer os cursos pertinentes
En segundo lugar, de adquirir todo o equipo
E por último, de somerxerme a máis de dez metros
-Por non dicir corenta!-
Demasiada fondura ominosa...

19/02/08

O smial

Este é "Gandalf o Gris chegando a Hobbiton"
Nunha ilustración realizada por Michael Kaluta
Como se pode apreciar no cadro, ó fondo á esquerda hai un 'smial'
É dicir, unha vivenda tipicamente hobbit
A casiña está feita baixo un montículo de terra
Ademais, as portas e mailas ventás son buratos redondos
Seguindo esta analoxía, entre nós tamén hai 'smials'
Trátase das agrupacións locais da Sociedade Tolkien
Dunha das cales dígnome formar parte
Fálovos do Smial de Arthlond, con sede na Coruña
Este smial xurdíu hai agora cinco anos
Naceu como resultado da escisión dun gran smial a nivel galego
Este outro formárase no ano 2000 e chamábase Hithlum
Ou sexa, a 'Terra da Néboa' da Primeira Idade da Terra Media
Nas xuntanzas mensuais debatemos distintos asuntos
Mesmo facemos lecturas de escolmas da vasta obra tolkieniana
E sempre aspiramos a celebrar outra 'Mereth' máis
Que é unha festa rachada de varios días
-Como á que puiden asistir no 2002 nas illas Cíes-
Do que se trata é de poñer en valor o legado de Tolkien
E ó mesmo tempo, como non, de pasalo ben entre colegas

14/02/08

O mago



En "Der Golem" faise referencia a un mago que se 'visualiza'
Hoxe en día, cando alguén imaxina un mago, soe ser este
Nese nexo lingüístico entre a palabra e o pensamento
-Ese tipo de sistemas non deixan de parecerme auténtica maxia-
E este mago non é outro que o tolkieniano Gandalf
Tamén coñecido como Mithrandil, 'Peregrino Gris' en sindarin
E que en realidade é un dos Istari, un grupo de Maiar, Ainur menores
Ou sexa, trátase dun dos cinco magos creados por Iluvatar
De todos, era o máis sabio e humilde
E o único que cumpríu co seu cometido de axudar a derrotar a Sauron
O seu cabalo chamábase Sombragrís ('Shadowfax')
A súa espada non era outra que a élfica Glamdring
-Forxada polo elfo Turgon na Primeira Idade-
E o Anel do Poder que portaba era Narya, o Anel do Lume
O debuxo 'a lapis' foi realizado por Soni Alcorn-Hender
Non está nada mal, aínda que semella un retrato de Ian McKellen
-O actor que encarnou o mago nos filmes de "O Señor dos Aneis"-
O retrato a cor é de Tom Cross
Artista que xa coñecía, curiosamente, por un marcapáxinas
O caso é que a misión de Gandalf foi intervir no devir cando foi preciso
É dicir, a través do sobrenatural, 'inclinar a balanza'
E reestablecer o 'equilibrio natural das cousas'
A súa reaparición é un dos elementos máis fantásticos da obra
Que xa de por si representa unha caste de 'biblia' da literatura fantástica

11/02/08

O gólem


Falabamos del a propósito do castelao
Refírome ó gólem, esa figura de barro que cobra vida
O gólem é unha lenda hebraica relacionada coa Cábala
Hoxe coñecémolo principalmente por medio de dous autores
A novela homónima é obra do austríaco Gustav Meyrink
Mentres que o filme foi feito polo director alemán Paul Wegener
-Por certo que a película (1915) é só un ano posterior ó libro-
Narra o que lle ocorre a Pernath, residente no gueto xudeu de Praga
Entre recordos, ensoñacións ou delirios, o gólem inflúe na súa vida
O ton do texto, de feito, é completamente onírico
E o argumento transita polos labirintos da estrutura do pensamento
O resultado é un estado mental que se mergulla no subconsciente
-Tanto no individual como no colectivo-
O protagonista cruza a liña da cordura de xeito intermitente
Pero cada vez con maior frecuencia
É dicir, o que se di unha historia inmersa no surrealismo
Na que o gólem fai aparición en soños de xeito subxectivo

05/02/08

O castelao



Velaquí un retrato do castelao imaxinario desta entelequia

Do arquitecto desta alegoría do imposible na conciencia

-Que é máis virtual que o inexistente sequera na ficción?-

Eu vexo o espello dunha alma en constante indixestión da realidade

O negativo da faciana dun ser dotado dunha mente contorsionista

De acordo, chamémoslle logo Dr Smurf, a secas

-En homenaxe a eses entes fantasiosos produto do insomnio-

Poñámoslle un marco de espiñas e colguémolo na casa

E insuflémoslle vida a modo de gólem

Deixemos que conte o que nos teña que dicir

Que cale, que outorgue, que asinta ou que negue

O caso é que nos comprenda

E deseguido que nos dea a súa visión en clave de blues

Eu creo que pode dar moito xogo

-Xogo bonito do norte das cellas-

Así é o habitante deste castelo de cartas trucadas
...
A voz con aura de misterio que che susurra o que arestora escoitas

03/02/08

SOS Courel


Como sabedes, a aldea de Astérix resistíu fronte á invasión romana
Está históricamente probado, e non é algo baladí
Dado que con frecuencia o imaxinario colectivo ten moito peso
De feito, tanto ou máis que a propia historia que se cre real
Así que, por simpatía, levo sempre un chaveiro moi especial
Tan vello ou máis ca min, ten gravado o busto de Obélix
Xa o tiña de pequeno, enganchado ós pantalóns de Epi
E agora leva as chaves do coche, do piso ou da oficina
Todo isto vén a conto da grata sorpresa que levei cando vin esta foto
Nada menos que o bo do meu benquerido amigo Tomás...
Metido na pel do mesmísimo Obélix!
A imaxe podería ser tomada nestas datas de Entroido, pero non é o caso
Foi captada a mediados de agosto en Froxán
-Que é unha das máis fermosas e vivas aldeas do Courel-
Xustamente cando Marta e mais eu estabamos de viaxe pola China
O caso é que se trataba da chamada Festa da Revolta
Que se celebrou en defensa dos recursos naturais da serra courelá
Ameazados como se encontran pola vil explotación das louseiras
Unha actividade completamente insustentable
Segundo os expertos, só se aproveita o un por cento da pizarra
-O resto do que extraen acaba destruído para nada-
Mentres que o dano que inflixen na paisaxe resulta irreparable
Por se fose pouco, os dividendos obtidos non se perciben na zona
Non repercuten en beneficio da comunidade nin da economía local
Nin tan sequera inflúen na mellora dos servizos
E tampouco axudan a atallar o brutal despoboamento
Unicamente axudan a engrosa-las contas correntes dos seus propietarios
-Que nin viven alí e ademais pouco lles importa-
Tomás acudíu como membro da rede de acción sociocultural "Arredemo"
Un arquivo recolle esta e outras instantáneas relacionadas
Trátase dos fondos da páxina "Galiza Independente"
En concreto baixo o apartado "SOS Courel"
Alí encontraredes estas e outras loitas por un país mellor e máis xusto
Nas que hai un Obélix que resiste na aldea galega
Contra os desatinos e as barbaridades

01/02/08

Kai

Esta tartaruga chámase Kai
Que en xaponés significa "cuncha", ou tamén "xuntanza"
Resulta que é o réptil co que mellor me levo
-Ou polo menos co que teño máis confianza-
Vive como unha raíña nun ostentoso pazo na Coruña
Rodeada dos seus súbditos, Carmen e Marcos
Ámbolos dous desvívense porque sempre estea a gustiño
Por darlle constantemente tódalas atencións que precisa
A verdade é que se trata do quelónido que eu coñezo que mellor o pasa
Para empezar, nunca "padece" temperaturas inferiores ós 25 graos
Coma os facendados, é amante da caza
De cando en vez, adícase a cazar peixiños pequeniños
Deses que lle ceiban ex proceso nos seus vastos territorios
-Así é como se entretén, coas súas "monterías"-
En fin, que leva unha vida o que se di de película
E que lle profeso unha fonda admiración
-A envexa corróeme as entrañas como potentes xugos gástricos-
Por iso decidín adicarlle un currunchiño aquí nestas páxinas
Aínda que, iso si, feito á súa pitufoide medida
Por certo, imaxinades un pitufo cabalgando 'a lombos' de Kai?
Mellor non, que sería rebaixala demasiado
-En fin, que ida de perola...-

Europa Park

  Hoxe fai anos a nosa filla, que nestas vacacións coñeceu de primeira man un dos mellores lugares do mundo para entreterse e pasalo ben Con...