Boa parte das andainas das últimas semanas dediqueinas a coñecer mellor o Fervedoira
Deste río do cinto verde de Lugo unicamente percorrera ata o de agora o tramo final, onde entronca co Rato
Así que estiven a explorar os treitos transitables pola beira deste curso fluvial, que son poucos pero realmente espectaculares
O Fervedoira enlaza co Rato na Chanca, xusto antes do gran viaduto decimonónico que comparte nome co barrio
Deste lugar só podo ter boas lembranzas de cando comecei a acudir na compaña da miña filla durante o desconfinamento
Alí ela xogou coas súas amigas, á sombra dos salgueiros que poboan a beira do río neste remanso de paz, lonxe do tráfico e do ruído
Pero había outro paseo que tiña pendente, máis arriba da ponte de Galegos que cruzara ducias de veces
Estoutro tramo logo se acaba, pero paga a pena descubrilo e percorrelo ata o final, onde a vexetación e os humidais impiden seguir adiante
Hai máis vida alén deste final abrupto do paseo fluvial, ben pola estrada, pouco aconsellable, ben polo monte
Unha vez coñecidas todas as opcións, recomendo unha terceira vía, que fai un rodeo polo leste, preto do HULA
Dende aquí unha pista conduce ata o barrio ao que lle dá nome o gravador lucense Manuel Castro Gil
Ao seu carón hai unha ponte, e cando se cruza accédese a esta marabilla natural, un tramo encaixonado con desniveis continuos
Varios centos de metros río arriba, camiño de Muxa e da Campiña, as beiras acaban volvéndose intransitables
Así e todo, compensa a visita, dada a espectularidade deste tramo e a exuberancia da súa vexetación, co seu bosque de ribeira
Unha vez atravesada a rolda Leste, que conduce a Castelo e ao Carqueixo, o río discorre amodo por un treito chan
Estamos en Astrar, preto xa das fontes do Fervedoira, que o avezado explorador descubrirá na contorna dos lagos de Teixeiro
En total, son unha decena de quilómetros de curso fluvial, que se poden percorrer a pé de xeito intermitente dende o centro da cidade