29/12/16

Selma en 2016



Un ano máis, teño a sa intención de repasar os últimos doce meses da miña filla por vez derradeira
Desta volta comezamos polo final, coas visitas de Papá Noel e do Apalpador, antes de facer flashback
Pasouno de vicio no poboado natalicio de María Pita, ao igual ca co San Xoán Pequeniño meses atrás
E agora retrocedamos ata o Entroido, do que gardará gratos recordos cos seus compañeiros de clase




Tamén terá boas lembranzas dos seus amigos, dos fillos dos nosos amigos e dos nosos propios amigos
Moi ben o pasou con eles, cos familiares e mais connosco, e moito se divertiu facendo o que máis lle gusta




Asistimos a infinidade de concertos e visitamos non poucos lugares ao longo destes últimos meses
Percorremos a xeografía galega e subimos ao alto de varios castelos, coma o de Narla ou o de Vimianzo




Tamén visitamos o acuario do Grove e fomos ás actividades onda a coruñesa Casa das Ciencias




Un ano máis, camiñamos polos bosques dos arredores de Lugo na procura de cogomelos
E tivemos a sorte de podermos celebrar festas en familia, tanto en Cambados como na Coruña
Todo sen deixar de aprender na escola, nas clases de teatro, de música e de danza ou na propia casa




05/11/16

O pazo de Fefiñáns



O de Fefiñáns, en Cambados, é un dos pazos máis senlleiros do país
De estilo entre posrenacentista e barroco, a súa silueta resulta inconfundible
Non menos característicos son o arco que conserva ou a súa planta en forma de L
Por non falar dos balcóns redondos das esquinas, chamado 'do pelegrín' o máis miúdo
Tamén se recoñece pola praza homónima, a segunda máis grande da nación tralo Obradoiro
Para máis indicios, unha soberbia araucaria dobra en altura os dous andares da á norte do edificio
E, por desgraza, tamén se distingue porque aínda a día de hoxe circulan vehículos por diante mesmo




Comezou a construír o pazo no s. XVI un conselleiro do rei Filipe II das familias Sarmiento e Valladares
No século seguinte sufriría engadidos encargados polo seu descendente, o primeiro vizconde de Fefiñáns
Por casamento pasaría a mans dos marqueses de Figueroa, dos que proveñen os seus actuais propietarios




O pazo de Fefiñáns foi declarado Ben de Interese Cultural hai catro anos
Meses despois, abriuse ao público para acoller percorridos guiados polo seu interior






Deste xeito, unha parte do edificio é vivenda e outra un museo de visita obrigada
Entre as valiosas xoias expostas cómpre salientar uns tapices orientais feitos de papel pintado
Tamén se pode ollar un retrato do catedrático Miguel Gil Casares, obra do pintor lugués Xesús Corredoyra





Ademais de obras de arte, tamén se amosan obxectos cotiáns doutro tempo
É o caso do xogo Par terre e par mer, ilustrado polo visionario francés Léon Saussine
Rematado o percorrido polo pazo, saímos pola traseira para coñecermos as viñas e as hortas
Dende alí vense a mal chamada "torre da homenaxe" e mailo instituto Ramón Cabanillas, onde estudei






Pasamos por riba do único arco que se conserva hoxe en día dos catro orixinais
Antigamente, había un a cada lado da praza, que daquela pertencía aos señores do pazo
Ao cruzar á outra beira, pódense ver os xardíns e unha terraza aberta para a explotación hostaleira




No extremo da propiedade encóntrase a área coñecida como O Bosque
Nel souberon conservar exemplares centenarios de distintas especies árboreas
Entre eles cómpre salientar este gran freixo, cuxa idade estimada supera os 300 anos





Atravesamos un túnel construído por debaixo do pazo, que conectaba a horta coa zona da adega
Actualmente, conduce o visitante dereitiño a unha tenda, onde se poden adquirir viños e licores da casa





Xa fóra, ollamos de preto unha das esculturas coñecidas popularmente como Os Balboas
Trátase de dous guerreiros de granito, armados cunha maza, que flanquean a igrexa de San Bieito
O templo, coma o resto da praza, está repleto de sereas e forma parte do mesmo conxunto monumental


06/10/16

O acuario do Grove



Na punta Moreiras, en fronte ao porto de Meloxo, encóntrase o acuario do Grove
A vila que estes días celebra a LIII Festa do Marisco ofrece aquí outra proposta de lecer
Nos seus preto de 30 tanques conviven un milleiro de exemplares dun cento de especies distintas
Os primeiros depósitos están destinados aos ecosistemas das costas galegas, con peixes coma o abadexo




No acuario grovense tamén se amosan exemplares propios das augas cálidas doutro mares
É o caso do peixe pallaso, do peixe globo manchado ou do peixe doncela azul de cola amarela




Nunha das salas do acuario pódense observar as petacas das crías dos cans de mar
A contraluz vense os melgachiños a colearen no interior destas vaíñas de aparencia alieníxena




Na mesma sala hai un tanque onde se permite tocar as estrelas de mar
Isto e darlles de comer aos rodaballos son as experiencias preferidas dos rapaces





Pero o lugar máis concorrido deste acuario é o tanque central
Nel conviven preto dunha vintena de especies propias das costas galegas
Entre elas hai varias chernas de gran tamaño, ademais de catro clases de quenllas




Nalgúns depósitos amósanse exemplares de diversos moluscos
O visitante poderá toparse con varios náutilos ou cunha pequena xiba




Sobre estas liñas podemos ver un escacho e mais un lavanco, da familia das maragotas
E ata aquí chegou este paseo por un acuario novo aínda que xa remodelado en varias ocasións
Unha das vantaxes de visitalo é, sen dúbida, poder gozar da enorme beleza da súa contorna natural



Barbie, Cine e Moda

  Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda...