As augas torrenciais do Miño en plena enchente encabezan esta nova entrada sobre as paisaxes lucenses
Como as seguintes que se poden ollar aquí, trátase dunha foto feita durante as coberturas do traballo dos últimos meses
É tamén o a caso deste amencer xeado na Terra Chá, unha estampa de hai case un ano captada en Cospeito, entre Castro e Abadín
Chairegas son tamén as brétemas dun fotograma dun vídeo que gravara daquela dende o coche do choio
Non así estoutra imaxe que capta a negrura do ceo antes dunha treboada na vía rápida que conduce de Sarria a Lugo
Ou, baixo estas liñas, os carros aparcados á beira do parque lugués de Rosalía durante as últimas nevadas que houbo na cidade
As grandes masas de auga figuraron, unha vez máis, entre os meus temas predilectos á hora de ser fotografados
Xa fóra da xornada laboral, tiven a sorte de poder percorrer acotío os cursos fluviais que rodean a urbe onde resido, como é o caso do Miño
Hai case un ano, amosei unha colección de estampas coas árbores espidas a se reflectiren nas augas mansas
Ademais do Miño, o Fervedoira, o Rato ou o Mera foron outros ríos que visitei e que retratei sempre que puiden
Podemos ollar aquí varias vistas xeadas do punto onde conflúen as augas do Fervedoira e mais do Rato
Contra a primavera, un ano máis puidemos observar o espertar da natureza a través das flores máis temperás
Ao pouco do cambio de estación, tivemos que acudir a un incendio forestal na confluencia da Fonsagrada, Baleira e Ribeira de Piquín
Polo demais, a primavera na maior parte das comarcas lucenses implica unha explosion da cor verde
É o pigmento das follas tanto das árbores frondosas como da herba dos prados que rodean
estes amplos territorios do país
Mediada a estación, abundaban as flores dos mexacáns
E contra o final, as coloridas campaíñas dos estalotes
Baixo estas liñas, os ceos que podiamos ollar nese tempo
O día do solsticio de verán rematou co sol poñéndose así ao fondo da rúa Miño
Daquela, aproveitando os días longos, percorrera as beiras do río Mera ata O Veral
No treito de Orbazai, onde atravesa o monte, podíanse ver queirugas floridas coma estas
E outras moitas marabillas da natureza no seu momento de apoxeo
Xa á volta das vacacións estivais, cadroume un día oír e ver unha carricanta
E coa prolongación do verán ata mediados de outubro, puiden captar máis espellos no Miño
Velaí temos unha fermosa casa tradicional da Terra Chá, na vila de Castro de Rei
Sobre estas liñas, vemos estampas de Lugo que datan daquelas semanas
Chairegos son tamén estes louzáns choupíns que saíron nun prado de Xermade
Unha vez empezou a chover, logo apenas parou, como nos pasou nesta vivenda premiada en Riotorto
Así e todo, houbo pausas con días de sol que souberon a delicia outonal, en que daba gusto saír pasear pola cidade
Do mencer ao solpor, os días fóronse acurtando aceleradamente
É tempo de recollemento, onde tamén caben as saídas polo adarve ou polo centro
E é época tamén de contrastes entre amenceres neboentos e solpores que dá gloria ver
Tanto na montaña coma na Chaira ou na urbe, a luz crepuscular non defrauda baixo ningunha das súas formas