Coma tantas, miña filla lembrará este 2020 como o ano en que botou un mes e medio sen saír da casa
Pero como á súa idade é tan sumamente adaptable, non terá malos recordos da experiencia, senón todo o contrario
Ata mediados de marzo, todo fora sobre rodas, coma calquera outro ano, e puido disfrazarse polo Entroido, algo que lle encanta
Esta foto de mediados de marzo corresponde ao último paseo que puidemos dar polo centro de Lugo antes do confinamento
Durante o tempo que botou confinada na casa, a nena aproveitou para practicar a fotografía cunha cámara que lle regalaran polo Nadal
O resultado foi unha serie de estampas, de carácter máis ou menos experimental, froito de botar case todo o día a sacar fotos coa máquina
A segunda metade da primavera foi unha época de exploración dos espazos naturais de Lugo
Fomos adaptando os paseos á distancia da casa que nos ían permitindo as distintas etapas do desconfinamento
Así, percorremos as áreas recreativas do Carme, da Chanca, do Rato, do Miño ou do Mera, todas situadas no cinto verde da cidade
Entre deberes en liña e paseos polos parques tamén puidemos retomar o contacto cos achegados
Foi o caso dunha visita a Sarria ou do xantar que compartimos en Begonte na casa duns familiares que tiñan unha batería no salón
Xa nas vacacións estivais puidemos por fin saír da provincia de Lugo e volver ver as avoas ou as tías
Sen saír do país en todo o verán, aproveitamos para coñecer mellor algunhas vilas, como Vilanova, Vilagarcía ou Noia
Tamén visitamos, como todos os anos, o parque acuático de Cerceda, onde Selma puido nadar xa na piscina dos maiores
E non renunciamos a acudir a concertos de xeito seguro, coma o da Gramola Gominola en Lugo ou o de Pablo Díaz na Coruña
Á aforas desta cidade foi precisamente onde puidemos celebrar o meu aniversario en familia
E apenas un mes despois celebramos o da nosa filla, que tivo a sorte de estar acompañada das súas mellores amigas lucenses
Ao longo do ano, a rapariga tivo a ben posar comigo en diversas ocasións para as fotos de Defende a Galega
Xa no outono, seguimos a explorar as beiras dos ríos e asistimos a máis espectáculos
De música, de maxia, de teatro ou de circo, boa parte deles vímolos durante o San Froilán
Posterirormente realizamos a única viaxe internacional en todo o ano
Visitamos a provincia española de Segovia, onde Selma puido estar cos seus tíos de Madrid
Tamén tivemos ocasión de coller boletos, moi bos, nun dos máis fermosos campos da feira dos arredores de Lugo
E, como novidade, a rapaza comezou os estudos de danza no conservatorio, polos que sente un verdadeiro entusiasmo
Polo demais, Selma segue a medrar, posto que deu un bo estirón, en todos os sentidos
De feito, penso que o confinamento por unha parte lle veu ben para se facer máis forte e independente
No seu nome e no noso propio, desexámosvos un moi feliz ano novo en que por fin a pandemia pase a ser historia