25/08/11

Saíndo de contas



Tras corenta semanas de embarazo, hoxe Marta sae de contas
Así que a partir deste día entraremos xa no tempo de desconto
A fotografía superior vén corresponder á metade da xestación
Xa tiña unha barriguiña considerable, que foi a máis cos meses
-Tal como se pode apreciar na foto de abaixo, do último mes-


Salvo as náuseas do primeiro trimestre, non foi nada complicado
-E mesmo ese problemiña se puido solucionar, só cunhas pastillas-
 Pero agora vénnos a parte máis intrigante deste conto que vivimos
O desenlace con final incerto desta historia que realmente empeza
Preguntámonos como será a filla que está por vir, 'como respirará'
E en primeiro lugar cando nos tocará acudir ao hospital a dar a luz
Logo xa nos ocuparemos de pórlle nome e de, por suposto, criala


23/08/11

O castro de Viladonga



 O de Viladonga, en Castro de Rei, é un dos castros mellor conservados do país
Crese que xa estaba habitado un século antes da conquista romana da Gallaecia
Ocupa unhas catro hectáreas, á parte dos antecastros que rodean o asentamento
E a súa gran croa acada unha altura de catorce metros onde o foxo é máis fondo



As escavacións neste poboado prerromano e galaicorromano comezaron en 1971
-E, aínda que en distintas etapas, non cesaron ata a actualidade, de xeito frutífero-
Corenta anos despois, é un dos xacementos arqueolóxicos galegos máis coñecidos
Ademais de todo un referente, xunto con Baroña e Santa Tegra, da cultura castrexa


Á popularidade deste castro chairego contribuíu en gran medida o seu museo anexo
-Que abre as súas portas todo o ano, mediodía incluído, agás cinco días polo nadal-
Nas instalacións, de recomendable visita, explícase de xeito ameno como vivían aquí
Así que alí fomos, na compaña duns amigos de Cambados, e cuns 35 graos á sombra
Pero o pracer de camiñar devagar entre os restos das pallozas fixo que pagase a pena


14/08/11

As curtas de Lucas




Antes de se converter nun mago do cine, George Lucas realizou unha serie de curtas
Foi durante a súa época estudantil, cando exploraba as vías de expresión audiovisual
É o caso desta breve Look at Life, montada a partir de fotografías e de diferentes sons
Unha das súas primeiras filmacións é Freiheit, inspirada no drama do Muro de Berlín



Lucas tamén estudou na USC, só que no seu caso na University of Southern California
Alí foi onde se formou como cineasta e onde sentou as bases para a súa posterior obra
Nesta etapa, era fervente seguidor do realismo do cinema puro, sen guións nin actores
Un claro exemplo desta paixón vémolo na curtametraxe denominada, sen máis, 6-18-67



A ausencia de concesións serviulle para partir de cero á hora de crear o seu propio estilo
Algo que xa se comezaba a albiscar con 1:42.08, curtametraxe xa cunha calidade notoria
De feito, mesmo se recoñecen planos que posteriormente había empregar nos seus filmes



Tamén no ano 67, Lucas comezou a vincularse co cinema experimental de ciencia-ficción
Foi daquela cando dirixiu o xermolo da que sería a súa primeira longametraxe, THX 1138
Refírome a Electronic Labyrinth THX 1138 4EB, que lle valeu un recoñecemento crucial
Puido asistir como becario á rodaxe dunha película de Coppola e acceder así a Hollywood
Logo virían American Graffiti e a saga Star Wars, pero esa é unha historia ben coñecida



Barbie, Cine e Moda

  Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda...