05/06/21

Media vida en Lugo

 


Hai hoxe 21 anos e 11 meses comezaba a traballar na delegación da CRTVG en Lugo
Aquel 5 de xullo de 1999 tiña xusto 21 anos e 11 meses, polo que xa levo media vida nesta cidade
Aos tres anos de chegar foi cando coñecín a miña parella, que tampouco era luguesa, pero logo veu vivir comigo
Dende entón, percorremos xuntos boa parte destas terras, dende a Ribeira Sacra ata a Mariña, pasando pola serra do Courel




Entre visitas turísticas a recunchos que, case inevitablemente, xa coñecía do traballo, foron pasando os anos
Son moitas e moi boas lembranzas, algunhas das cales figuran plasmadas neste bloguiño que me deu por crear en 2007




Hai case unha década experimentamos o maior e o mellor dos cambios que se puido dar no noso fogar
Naceu a nosa filla, que se considera lucense de pro e que dende sempre o reinvindicou cos seus 'tapaseos'





Eses paseos con tapas e petiscos pola cidade amurallada tamén foron reflectidos neste sitio web
Que foi, e segue a ser, o lugar onde compartimos a parte máis pública dos nosos álbums familiares




Como todo o mundo sabe, a contorna de Lugo ofrece paisaxes de extraordinaria beleza e riqueza natural
É o caso da área recreativa e da praia fluvial de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, ou da insua da Aula da Natureza do Veral




Ademais de visitarmos enclaves de gran valor natural ou cultural, aquí tamén tivemos festa, moita festa
Dende o San Froilán ao Arde Lucus, pasando polo Samaín, o Nadal ou os Maios, que vimos de celebrar inda non hai moito




Como todo fillo de veciño, salvo no meu caso en horario laboral, permanecemos confinados ao comezo da pandemia
Foi ese un recordo que, para ben ou para mal, tamén ficou documentado para sempre tanto na nosa memoria coma nas fotos
Agardamos poder deixar atrás máscara e demais axiña e volver á nosa vida normal canto antes, que xa lle chega de fatiga pandémica
Respecto ao futuro, remítome ao expresado cando fixen 20 anos en Lugo e sinalei que hei procurar gozar ao máximo o que reste de estadía


Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...