23/06/11

Humor vasco



O sentido do humor vasco non lle ten nada que envexar ao británico
Boa proba son programas como Vaya semanita, que emite a ETB
Neste primeiro vídeo mostran a súa versión de O Señor dos Aneis
E tamén fan hilarantes parodias de espazos como Cuarto Milenio


As tendencias sociolóxicas tampouco escapan á súa vis cómica
Outro personaxe obxecto de escarnio é o emo que nos retratan



Como ocorre con El Jonan de Baraka, un entrañable polígoneiro


A El Jonan ollabámolo neste vídeo nunha incursión á veciña Basauri
Nesta vila ao sur de Bilbao é onde se ambientaba Qué vida más triste
Trátase dunha serie de humor que se comezou a realizar para a rede
Tralo éxito das primeiras temporadas, deu o salto á pequena pantalla


A serie narraba as desventuras de Borja Pérez e o seu amigo, El Josebas
-Quen, con frecuencia, lle axuda a saír das irrisorias leas nas que se mete-
Dando así unha mostra máis da brillantez do humor feito no País Vasco

13/06/11

Aguamorta



Este faro encabeza a última entrada do novo blog Aguamorta
Trátase da Illa Pancha, cuxo fermoso interior visitara hai anos
-Encóntrase no estremo occidental da boca da ría de Ribadeo-
O resto das propostas desta nova bitácora son tamén sinxelas
-Como retallos dun patchwork confeccionado segundo cadra-
Pero gozan dun interese auténtico, concentrado en minidoses
Tanto che fala do urbanismo, como da literatura ou a natureza
Ou da antropoloxía, con especial atención ás criaturas míticas
Un destes seres é a balura, unha especie de meigas chairegas
O autor dos textos responde á enigmática identidade de Alzire
Nome á súa vez sacado dunha obra teatral do mesmo Voltaire
Por último, unha especial mención para as ilustracións, orixinais


02/06/11

Adeus ao meu vello Vectra



Esta coido que digna fotografía foi a derradeira que lle fixen
-E mira que o retratei ben poucas veces en todo este tempo-
Foi aló polo pasado mes de novembro, á beira do río Ladra
Semellaba aínda louzán, pero os anos non pasaran en balde
Non só quedara obsoleto, senón que xa requería renovarse
E iso foi o que ocorreu, corrido o tempo e mudado o marco
-Estáballe de vir, posto que xa cumprira a maioría de idade-
Pero o certo é que aí queda o remorso amargo do sacrificio
Xa digo, foron moitos anos de servizo á causa, e sempre fiel
Atravesando o país dunha estrema á outra todas as semanas
Infatigable, realizou un gran labor a prol dos nosos proxectos
Sempre estaba aí para colaborar cando o precisabas, sempre
Pero chegou o momento no que rematou o seu período vital
A ampliación prevista do noso pequeno clan ten algo que ver
Facíanos falta algo máis amplo, cómodo e, ante todo, seguro
E non quedou máis remedio que licenciar o noso vello Vectra
-Cuxo motor ruxía feroz coma un león ou o reactor dun avión-
Para ocupar o seu posto, buscamos un substituto silencioso
Non atopamos candidato mellor preparado e eficiente ca este
-E ten en común parte do nome: 9.3 Vector TX Edition 2010-
Trátase dun vehículo que aínda ten que demostrar a súa valía
Mais, a priori, ten a nosa confianza para levarnos a bo porto


Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...