23/04/09

Jean-Baptiste Monge


A propósito da xente miúda, dei cun portal fabuloso
Contén obras dun ilustrador de Nantes -en Francia, non en Sanxenxo-
O artista en cuestión ten por nome Jean-Baptiste Monge
E o portal, dunha editorial bretoa, chámase Au Bord Des Continents


Merece a pena mergullarse entre as láminas amosadas
Nesta galería un pode atopar todo un submundo de trasniños
Cada un coa súa propia casiña con cadansúa mascota pequecha



No portal tamén se ofrecen deseños para lucir nas camisetas
Como é o caso da estampa da Taberna do Vello Korrigan
-Quen semella ter o seu tesouro gardado nunha casca de noz-
Tódolos trasnos das ilustracións resultan realmente simpáticos
Aínda que, para rexoubeiro, o que dorme nunha lata de xoubas

20/04/09

Aparellos antibotellón


Reprimir, en lugar de educar, os adolescentes
Iso é o que buscan algúns aparellos de última xeración
Entre eles está este fluorescente que emite unha luz rosa
Non tería nada de particular de non ser por un detalle
E é que fai que as cabezas de acné se volvan fosforescentes
Como consecuencia, os rapaces e as rapazas foxen despavoridos
Souben del a través da galardoada bitácora Capítulo 0


Este é outro aparello arrepiante para a xente nova
Chámanlle o mosquito, e ten a mesma finalidade
-Espantar os mozos que estean a estorbar nun lugar-
Emite un zumbido inaudible para os maiores de 30 anos
Baséase en que, coa idade, todos perdemos audición
En particular deixamos de oír os sons máis agudos
-É natural que se desgasten os 'peliños' da cóclea-
O efecto conxunto dos dous aparellos resultaría moi eficaz
Iso si, sempre que se estea de acordo con estas prácticas
O cal non resulta estraño cando se dorme onda un botellón

13/04/09

De ponte á devesa



Seguimos con visitas, nesta ocasión á ancha Castela
A familia madrileña de Marta levounos a ver a serra de Gredos
Dende unha devesa toledana divisábase o pico Almanzor nevado
Estábase moi ben, facendo a dixestión entre enciñeiras floridas
Tamén estivemos con Eledhwen e Tury, xogando toda unha tarde


Tivemos tempo, ademais, para ollar de preto varios castelos
En Toledo vimos o de Maqueda, e á volta o de Medina del Campo
-Estupenda praza para as feiras, a desta histórica vila-
Xa no limítrofe Bierzo, fixemos unha parada obrigatoria
Por nada nos perderiamos un café no Prada a Tope, en Cacabelos

02/04/09

O pazo de Tor



O último día libre que tivemos visitamos o pazo de Tor
-Non, non ten nada que ver co deus escandinavo do martelo-
Trátase dun soberbio pazo monfortino do século XVIII
A súa última dona, viúva, doárallo á Deputación de Lugo
Polo que actualmente forma parte da rede provincial de museos
Todo nel, todo detalle, está conxelado no tempo, noutro tempo
Cando fora construído, ao pé mesmo levantárase un labirinto
-Feito con laxes, para que nel xogasen os máis pequenos-
O seu autor seica viñera de traballar nos xardíns de Versalles
E hoxe, son as ovellas e mailas pitas as que buscan a saída



No interior do pazo non che deixaban sacar fotografías
Así e todo, aquí temos un "roubado" da "señora taza"
É o inodoro do impresionante cuarto principal do pazo


A cama tiña un dosel de palisandro que databa do século XVI
E había un raro confidente dividido en catro asentos
-Por non mencionar todos e cada un dos mobles, todos únicos-
Só engadir que a bañeira estaba feita dunha soa peza de mármore
O mellor será que cada quen descubra o pazo por si mesmo
Pódense facer visitas guiadas ás doce e media, de martes a domingo

Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...