23/12/20

Selma en 2020


Coma tantas, miña filla lembrará este 2020 como o ano en que botou un mes e medio sen saír da casa
Pero como á súa idade é tan sumamente adaptable, non terá malos recordos da experiencia, senón todo o contrario
Ata mediados de marzo, todo fora sobre rodas, coma calquera outro ano, e puido disfrazarse polo Entroido, algo que lle encanta




Esta foto de mediados de marzo corresponde ao último paseo que puidemos dar polo centro de Lugo antes do confinamento




Durante o tempo que botou confinada na casa, a nena aproveitou para practicar a fotografía cunha cámara que lle regalaran polo Nadal
O resultado foi unha serie de estampas, de carácter máis ou menos experimental, froito de botar case todo o día a sacar fotos coa máquina




A segunda metade da primavera foi unha época de exploración dos espazos naturais de Lugo
Fomos adaptando os paseos á distancia da casa que nos ían permitindo as distintas etapas do desconfinamento
Así, percorremos as áreas recreativas do Carme, da Chanca, do Rato, do Miño ou do Mera, todas situadas no cinto verde da cidade 




Entre deberes en liña e paseos polos parques tamén puidemos retomar o contacto cos achegados
Foi o caso dunha visita a Sarria ou do xantar que compartimos en Begonte na casa duns familiares que tiñan unha batería no salón




Xa nas vacacións estivais puidemos por fin saír da provincia de Lugo e volver ver as avoas ou as tías
Sen saír do país en todo o verán, aproveitamos para coñecer mellor algunhas vilas, como Vilanova, Vilagarcía ou Noia




Tamén visitamos, como todos os anos, o parque acuático de Cerceda, onde Selma puido nadar xa na piscina dos maiores
E non renunciamos a acudir a concertos de xeito seguro, coma o da Gramola Gominola en Lugo ou o de Pablo Díaz na Coruña




Á aforas desta cidade foi precisamente onde puidemos celebrar o meu aniversario en familia
E apenas un mes despois celebramos o da nosa filla, que tivo a sorte de estar acompañada das súas mellores amigas lucenses




Ao longo do ano, a rapariga tivo a ben posar comigo en diversas ocasións para as fotos de Defende a Galega




Xa no outono, seguimos a explorar as beiras dos ríos e asistimos a máis espectáculos
De música, de maxia, de teatro ou de circo, boa parte deles vímolos durante o San Froilán




Posterirormente realizamos a única viaxe internacional en todo o ano
Visitamos a provincia española de Segovia, onde Selma puido estar cos seus tíos de Madrid




Tamén tivemos ocasión de coller boletos, moi bos, nun dos máis fermosos campos da feira dos arredores de Lugo
E, como novidade, a rapaza comezou os estudos de danza no conservatorio, polos que sente un verdadeiro entusiasmo




Polo demais, Selma segue a medrar, posto que deu un bo estirón, en todos os sentidos
De feito, penso que o confinamento por unha parte lle veu ben para se facer máis forte e independente
No seu nome e no noso propio, desexámosvos un moi feliz ano novo en que por fin a pandemia pase a ser historia

01/11/20

Segovia

 
 Quince días antes de que se decretase de novo o estado de alarma visitamos Segovia
Foi, de de feito, a única saída fóra do país que realizamos neste ano marcado pola pandemia
Comezamos a escapada por La Granja de San Ildefonso, onde visitamos os xardíns e o palacio real



O palacio, que acolle unha boa colección de tapices, data de comezos do s. XVIII
Mandouno construír o primeiro Borbón español, ao igual cás 150 hectáreas de xardíns
Este detalle, xunto coa época, explica o aire versallesco deste conxunto único na Península


Cadrounos, ademais, un momento ideal para contemplar os xardíns
As follas das árbores amosaban as diversas tonalidades do outono, sobre todo as faias
E dos castiñeiros de indias non deixaban de caer enormes castañas, polo que había avisos da súa toxicidade



La Granja, que xa visitaramos, é un lugar especial para nós, posto que aquí foi onde naceu meu sogro
Tamén o é para o irmán de Marta e mais a súa dona, que baixo estas liñas posan coa súa sobriña no alto da vila



Nós non quixemos ser menos, así que fixemos unha foto de familia no mesmo lugar
Foi en fronte a un fermoso exemplar de cedro libanés, situado á beira dunha soberbia faia
Son só algunhas das magníficas árbores que rodean o palacio, xunto con sequoias ou pinsapos


 

  Pola noite, La Granja é un lugar tranquilo que incluso gaña na beleza do sinxelo

 
Tras botar varios días en La Granja dirixímonos a Segovia, situada a pouco máis de 10 quilómetros
Alí atravesamos o seu acueduto romano, que é Patrimonio da Humanidade, xunto aos famosos asadores de leitóns
 

Tamén pasamos pola praza maior, onde se pode ollar un teatro centenario


 

 No lado oposto da mesma praza encóntrase a catedral segoviana, de estilo gótico tardío
De aquí parte a xudería da cidade, onde se conservan os esgrafiados típicos daquelas casas doutrora



 Fixemos a úlima parada no extremo da cidade vella onde se encontra o Alcázar de Segovia
Tamén patrimonio mundial, fora erixido como unha fortaleza hispano-musulmá antes da conquista cristiá
Residencia de reis casteláns como Afonso VIII, a inconfundible fasquía deste castelo data dos tempos de Filipe II

 

 

O icónico alcázar alberga dende unha colección de armaduras ata un museo de artillería
Chegados a este punto, demos por concluida a nosa única viaxe internacional neste 2020

Barbie, Cine e Moda

  Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda...