29/01/11

O embarazo de Marta



Isto revela como empeza todo, para todos e cada un de nós
Cunhas poucas semanas de vida somos así, coma un feixón
Este que se ve na ecografía é o fillo que temos en proxecto
Se todo nos vai ben, nacerá contra o final do verán vindeiro
Polo camiño agárdannos ducias de probas e algún sacrificio
Pero queremos pensar que as penas van ser recompensadas
-Do contrario, non nos tirariamos a esta piscina por encher-
Por suposto, é unha decisión meditada, espero que correcta
O tempo xa nolo dirá, en todo caso, aínda que son optimista
Tamén teño claro que o último que quero é que Marta sufra
-Non máis ca no sentido bíblico, e se se pode evitar, mellor-
Trataremos de que todo vaia ben e dea a luz un meniño san
De entrada confórmome con iso, e o demais xa virá despois
Todo sexa por traer vida ao mundo e a este avellentado país
Aínda que, segundo se mire, non é xusto ter que nacer aquí
Pois sobran, sen ir moi lonxe, sociedades máis civilizadas
Aquelas nas que non se botan en falta educación e respecto
Malia todo, alégrome de dar esta noticia: Marta, en estado
 

20/01/11

O Bichero



 O debuxante Luís Davila publica unha viñeta diaria na edición do Morrazo do Faro de Vigo
O nome da sección é O Bichero, o mesmo do blog no que arquiva este "humor de colleita"
Nela retrata a retranca propia do campo e das vilas, entre a terra e o mar, das Rías Baixas
Aínda que dándolle un xiro tendente a parodiar a actualidade informativa ou cultural do día



A visión humorística que dá o autor buenense do seu mundo natal non está exenta de tenrura
Davila xoga coa hipérbole ate levala ao extremo do absurdo e irreal pero repleto de simpatía



Non falta a crítica mordaz nas viñetas do Bichero, como corresponde á idiosincrasia local
A sátira tanto pode estar dirixida contra as novas leis como contra os prexuízos urbanitas



Tampouco faltan os eloxios ao alcol, a vía de evasión da realidade por antonomasia na zona
Como nas comarcas dos arredores, o viño e os furanchos conforman toda unha cultura local



 
O mesmo ocorre coa gastronomía, entre a ría, a leira e o monte, fonte de inspiración do autor
O Bichero é tamén o nome do último libro de Davila, que reúne as mellores viñetas da sección
O primeiro chamábase Jalisia Kanibal, que recollía a obra publicada na gran revista Retranca


13/01/11

A torre de Castroverde



Isto é o que queda do antigo castelo baixomedieval de Castroverde
Trátase da torre da homenaxe da fortaleza, que data do século XIV
O edificio pasou polas mans das principais familias nobres galegas
-Erguido polos Aguiar, foi logo propiedade dos Ulloa e dos Castro-



A única entrada á torre era unha porta á que se accedía por un patín
Chama a atención que sobre ela se pode ver un gravado ben curioso
É nada menos que un relevo que amosa un gaiteiro á antiga usanza
-O músico viste sobre a cabeza un chapeu de época, de aba ancha-
Preguntámonos se o instrumentista tería daquela un carácter militar
-Tal como veu acontecendo dende sempre cos gaiteiros escoceses-



07/01/11

Postais dunha nova década



Estiven en Galicia e lembreime de ti from Esferobite-DSK on Vimeo.


Xa iniciamos unha nova andaina, a década dos "10" do século XXI
Para darlle un toque futurista ao momento, decidín colgar este vídeo
Fora feito hai cinco anos polos artistas Juan Lesta e Belén Montero
Cunha banda sonora "chascarrastrónica" composta por un tal Autoy
"Estiven en Galicia e lembreime de ti" reúne varias estampas típicas
Aínda que vistas dende unha óptica instalada xa en plena era dixital
Cambados, Lugo ou A Coruña son algunhas das súas localizacións
Polo que representan postais curiosas dos lugares que adoito visitar

Barbie, Cine e Moda

  Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda...