28/05/14

Máis cervexas amargas: Mikkeller e Evil Twin



Tras degustar as IPA monovarietais de Mikkeller, chegou a quenda doutras máis complexas
20 conxuga todas as variedades de lúpulo americanas empregadas previamente en solitario
O resultado é unha cervexa que reúne os sabores de cada unhas delas nun todo equilibrado
Menos amargo do que me soubo a Stateside, outra IPA do druída danés de grata lembranza


Outra aposta de Mikkeller é esta American Dream, unha pílsner lupulizada digna de mención
Trátase dunha bebida de baixa gradación, máis acorde co que nos teñen afeitos nestes lares
De feito, foi pensada para o seu consumo durante o verán, o que non quita de probala antes


A Mikkel Borg Bjergsø, o creador de Mikkeller, saíulle un serio competidor que ben coñece
Refírome a Jeppe Jarnit-Bjergsø, o seu propio irmán xemelgo e tamén un mago dos lúpulos
Seguindo os pasos de Mikkel, fundou en 2010 a súa propia cervexería, chamada Evil Twin
Dela saíron beberaxes coma a Falco, unha IPA americana e liviá, como o seu nome indica
Ou a Yang, unha Imperial IPA tamén de corpo lixeiro aínda que xa con dez graos de alcol


Para rematar, unha vez máis con produto nacional, loemos a cervexeira ourensá Keltius
As Indian Pale Ale que lles probei ata o de agora agradáronme bastante, como para repetir
A Keltius Miño é unha gran cervexa, ao meu ver a mellor das galegas despois da Kamek
Tamén puiden degustar unha edición limitada elaborada con distintos lúpulos australianos
Era a Humulus Lupulus, presentada nunha botella de 75 centilitros, con 8º e moito corpo


Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...