29/04/10

Ninguén é perfecto

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Seica me confundiron, e en directo, cunha compañeira
Déronlle paso a unha moza de longa cabeleira dourada
Pero no seu lugar apareceu alguén moreno e con barba
Ocorreu hai 15 días no magazine “Bos días” da Galega
Digo “en directo” pola parte que lle toca ao presentador
Pola miña non, posto que xa estaba gravada de antemán
De aí que non houbese pé ao lóxico diálogo aclaratorio
“Cousas do directo”, din ao final do vídeo, con rentintín
Polo menos desculpáronse, qué remedio, tras o equívoco
O episodio foi logo, como non, comentado no Facebook
Non sen, claro está, a súa comprensible guasa pertinente
Qué lle imos facer, ninguén é perfecto, só me queda dicir

22/04/10

Braga



Seguimos por terras transminianas, que dan moito xogo
Desta vez por Braga, esa cidade bimilenaria tan próxima
-Foi capital do Galliciense Regnum durante dous séculos-
Alí a chuva tamén é arte, como se pode apreciar na foto
Pero o que máis nos chamou a atención foi outro detalle
Que ademais ten que ver co fío aberto sobre os emblemas
-Aínda que este sexa moitísimo máis actual có vimarense-
E é que alí había máis bandeiras galegas que en ningures
Que -casualidades da Historia?- tamén son branquiazuis



En todo o casco histórico podería haber un milleiro delas
É dicir, tantas como podía haber en Valença de españolas
Pero claro, isto non foi tan soado polas terras cisminianas
O motivo non era outro que a atracción de clientes patrios
De acordo, pero o reclamo non deixa de ser significativo


A súa escolla foi da asociación de comerciantes de Braga
A mesma que apoia a proxección de Pradolongo estes días
-O primeiro filme en galego nas salas comerciais portuguesas-

13/04/10

Guimarães


Pois esta é a mítica fortaleza que fomos visitar cara ao sur
É o castelo de Guimarães, levantado hai máis de mil anos
Foi nos seus inicios bastión da independencia de Portugal
No s. XII o infante Afonso derrotou aquí as tropas galegas
É por iso polo que considera o berce da nación portuguesa



Afonso Henriques, o rei Afonso I, nacera entre estes muros
O seu pai, Henrique de Borgoña, participara nunha cruzada
-Loitara en Terra Santa na campaña iniciada no ano 1101-
Nela, os cabaleiros eran identificados con cruces de cores
Así o relata o abade, e tamén cruzado, Ekkehard de Aura
Cada reino desa Alianza Atlántica distinguíase cunha cruz
E todo sinala que esta fora a empregada polo conde galego


O emblema era unha cruz azul latina sobre o fondo branco
Hoxe é considerado o primeiro distintivo que tivo Portugal
-O resultado da súa evolución permanece no escudo nacional-
Esta bandeira ondeaba por todo o casco vello de Guimarães
Víase tanto en vivendas particulares coma nos edificios civís
Por estas rúas recoñecidas como Patrimonio da Humanidade




Tamén no recinto histórico, érguese un “cruceiro do triunfo”
Refírome ao que se instalou no s. XIV tras a Batalla do Salado
Trátase dun cruceiro con templete feito a modo de memorial



Outra marabilla que atesoura esta cidade é todo un pazo ducal
Hoxe patrimonio nacional, pertenceu aos duques de Bragança


No interior ten fastuosos salóns con tapices que cantan xestas
Teitos de madeira que máis semellan cascos voltos de barcos



Armas propias duns tempos de relixións non menos belicosas
O tellado en pico dunha capela que evoca unha épica marítima

05/04/10

Ribadavia


Ribadavia era unha vila que había tempo que queriamos visitar
A xudería e mais a Festa da Istoria prometían un lugar distinto
E, efectivamente, atopamos un recinto amurallado con encanto
O que máis nos chamou a atención foron os numerosos patíns


Abundaban, coma en ningures, as escaleiras laterais nas casas
Entre estas, por sorte, proliferaban as rehabilitacións integrais
E algunhas vivendas, coma a da foto, víanse máis que coquetas


Ribadavia conta ademais coa súa propia fortaleza no alto da vila
Trátase do castelo dos Sarmiento, que fora erguido no século XI
Precisamente fixeramos esta parada de camiño a un castelo mítico
Pero deste outro, que deu pé a un imperio, xa falaremos outro día


Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...