26/11/10

Kusturica



Mañá veñen a Lugo Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra
Como bos fans, hai tempo que collemos as entradas para o concerto
Será unha ocasión única para pasalo ben escoitando música en vivo
A banda ten unha decena de integrantes, nados en países balcánicos
De todos eles, o de maior sona é o realizador serbobosnio Kusturica
Dirixiu filmes como o aclamado Underground ou Tempo de Xitanos


Pero o que máis me entusiasma de todos é Gato Negro, Gato Branco
-Trátase dunha comedia negra con localizacións á beira do Danubio-
Con cancións tan potentes na súa banda sonora como o é Duj Sandal



O álbum que lle deu máis renome á formación foi Unza Unza Time
-Precisamente, contén algúns dos temas que ambientan esa película-
En resumo, que temos diversión garantida para os nosos pés e oídos
E todo grazas a que non viñeron tocar os de Placebo no San Froilán



18/11/10

Unha nova biblioteca



A miña vila natal conta dende este outono cunha nova biblioteca
Albérgaa un edificio emblemático da cambadesa rúa do Castriño
É dicir, a escasos cincuenta metros da nosa casa e dos meus pais
Durante trece anos, pasei todos os días por diante desta vivenda
-Dende preescolar ate o derradeiro curso de estudos no instituto-
Trátase, polo tanto, dun vello edificio que se me fai moi familiar
Polo que non puiden evitar emocionarme cando crucei a cancela


A Casa dos Fraga conta cun xardín de dous mil metros cadrados
 Nel, un soutelo dálles sombra aos que se acheguen con bo tempo



No seu interior, hai recunchos que convidan á lectura demorada
Pero tamén hai espazos pensados para o entretemento dos nenos




Subindo ao primeiro andar, accédese a distintas salas e galerías
Aquí hai espazos para o recollemento e o estudo, e moitos libros
Aínda que, polo de agora, non tantos como a min me gustaría ver
En todo caso, quen me dese que no meu tempo houbese algo así
Coa de tardes enteiras que pasei na antiga bliblioteca pública... !



10/11/10

Pratos quentes para días fríos


prato cordeiro

Agora que xa nos chegou o San Martiño toca xantar quente
Así que imos deixar aquí unha serie de propostas culinarias
En primeiro lugar, unha deliciosa pata de cordeiro ao forno
Ben condimentada, con herbas coma o romeu, e mais o allo
Coa súa gornición de patacas, cenorias, pementos ou cebola
Esta outra posibilidade permite aproveitar os froitos á sazón
As castañas ou os cogomelos, posto que están no seu tempo
Acompañan un galo de corral douradiño tras un lento asado

prato ghalo

A última propisición non é menos indecente: bolos recheos
É un prato completo, máis propio dos fríos países nórdicos
Trátase de milfollas recheas de salmón con queixos e noces
Unha bomba calórica que non deixará indiferente a ninguén

salmón 1



04/11/10

A por cogomelos



Hai uns días fomos ao Corgo, ao leste de Lugo, a por cogomelos
É unha zona ateigada de fermosos prados rodeados de arboredas
Ou sexa, o ideal para estes casos nos que toca relax a conciencia
Entre soutos, piñeirais e carballeiras atopamos moreas de fungos
Iso si, só unha ínfima parte correspondían a especies comestibles


Foi o caso das Macrolepiota Procera que vimos á beira dun prado
-Mágoa que, como logo comprobamos, xa eran exemplares vellos-
Connosco viñan Carmen e Fron, que levaron un manual xeitosiño
O cal convén para identificar as especies á menor dúbida que haxa



Si eran comestibles os Boletus Edulis que localizamos nun bosque
-Aínda non se pasaran e estaban no momento óptimo de recollida-
Polo demais, tamén demos cunha chea de cogomelos dos tóxicos
Como as velenosas do xénero Amanita, a Phalloides e a Muscaria
Desta última había en abundancia, cos seus rechamantes chapeus
Aínda que non se poidan comer, ben supoñen un gozo para a vista



Barbie, Cine e Moda

  Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda...