30/12/13

O ano da toddler



Existe un vocablo en inglés que define moi ben esa idade que comprende entre un e tres aniños
Trátase de toddler, que describe xusto a intensa etapa que viviu a nosa filla durante todo o 2013
De orixe incerta, a palabra refírese aos meniños que xa non collen no berce e corrican sen parar
Tal como se pode apreciar neste vídeo que editei con gravacións realizadas ao longo deste ano



Efectivamente, Selma pasou a durmir xa na súa propia cama, deixando atrás o leito de naipelo
Goza cada vez dunha maior independencia indo a pé e precisa menos o carriño para se mover
Fixo tamén grandes progresos á hora de expresarse oralmente, sobre todo nos últimos meses
Doutra banda, coñeceu novos amigos na gardería á que está a asistir, a escola infantil Maghoi
A foto está collida de Google Maps, onde se ollan -por fóra- as óptimas instalacións do centro


Alí puido recoller os froitos da horta ou ver caer as follas no xardín durante o pasado outono
Por outras banda, fíxose socia da Asociación Antonio Gandoy, a antiga Preescolar na Casa
Nas clases, impartidas no colexio A Ponte de Lugo, aprende e xoga xunto con outros cativos
E aos pais, que tamén acudimos, ensínannos a seguir aprendéndolles aos nenos no fogar
Así de completo e de frutífero foi este último ano, e agardo que o vindeiro o sexa aínda máis


29/11/13

Let's Go Pocoyo!



Unha serie de animación pode supor unha forma amena de familiarizarse co inglés
É o caso de Let's go Pocoyo, unha produción pensada para os máis cativos da casa
Trátase dun spin-off creado a partir da popular serie de debuxos animados Pocoyo
-Cuxo protagonista vemos no fotograma superior caracterizado como Miles Davis-
Con guión de Ken Skarborough e de Raye Lankford, o narrador é Stephen Hughes
A dicción deste soa tan perfecta, que fai que a lingua de Shakespeare torne prístina
Poñamos como exemplo do bo facer destes profesionais este capítulo sobre piratas


Cuns sete minutos de duración, todos os episodios da serie rematan cunha canción
E sempre cun estilo musical que teña relación coa temática que se trata na historia
No caso do seguinte vídeo, relativo á xardinería, escolleron un son tipo flowerpower



Neste outro vídeo, un episodio sobre as cores, a canción do final é de música disco
Á parte das seccións fixas, outras van variando e aparecen de cando en vez na serie
É o caso de The Martian Brothers Show, un circo de pequenos músicos alieníxenas


A dos marcianos é unha das seccións coas que máis se emociona a nosa filla, Selma
Tamén lle encanta Fred Says, espazo no que se xoga a facer o que di un polbo algo tolo



Pero, sen dúbida, o seu personaxe favorito da serie é un parrulo que se chama Pato
Tanto, que é co seu nome co que denomina estes entrañables debuxos animados




30/10/13

Os días do cometa



Unha novela gráfica negra e rural ambientada na Galicia dos anos 80
Publicada este ano por Demo Editorial, trata un submundo marxinal
O cómic afonda na retroalimentación entre narcotráfico e corrupción
Entre prostitución, violencia, carencia de escrúpulos e mais barbarie
Disecciona con bisturí a degradación da relación entre vellos amigos
Un deles comercia co ladrillo e coa droga e outro é o seu can de presa
Un terceiro semella un borrachón apoucado que só saca peito co alcol


A historia comeza cunha escena que evoca a dos xogadores de cartas
A faciana do cuarto personaxe que xoga na timba tarda en desvelarse
Este último parece o único que se mantén á marxe, non sen reproches



 A obra debe o seu nome ao paso do cometa Halley en febreiro de 1986
Ao longo das súas páxinas figuran varias citas alusivas a ese fenómeno
Todas cargadas de malos presaxios que advirten sobre o que está por vir



A estética retro, oitenteira, propia daquelas datas, revive nestas viñetas
Son multitude os detalles que nolo recordan, comezando polos coches
É o caso dos catro latas da benemérita e dos dous cabalos da telefónica
Por non falar do supercinco turbo ou do 124 dos propios protagonistas
Logo están os carteis, as comecartos de panca ou o finado de Mariñas
Ademais dun contexto económico marcado pola reconversión agraria
Como ben se indica a través das tractoradas contra as políticas da UE




O guionista e o debuxante de Os días do cometa xa traballaran xuntos
Fora con O fillo da furia, publicado en 2010 tamén pola editora Demo
-Sobre as desventuras dun bandoleiro de Ortegal de inicios do s. XX-
Agora ambos os dous preparan un novo proxecto, que dará que falar
Vai sobre un home que non acaba de triunfar no mundo das touradas
Ha saír do prelo simultaneamente en varios idiomas a finais deste ano



15/09/13

Do Taj Mahal a Varanasi



 O último estado que visitamos na India foi o superpoboado Uttar Pradesh
Cuns 200 millóns de habitantes, é o territorio indio no que vive máis xente
Comezamos por Fatehpur Sikri, unha cidade Patrimonio da Humanidade
Construída no tempo dos mogois, semella hoxe en día conxelada no tempo
Xa en Agra, fomos ata o Taj Mahal, o monumento máis coñecido do país
Trátase dun mausoleo levantado no s. XVII polo emperador Shah Jahan
-A finalidade da obra era gardar os restos da súa esposa Mumtaz Mahal-
A porta para acceder aos xardíns xa dá idea da monumentalidade por vir




A vista dende a devandita porta ao Taj Mahal representa todo un arquetipo
Co seu reflexo no estanque, é a máis recoñecible deste patrimonio mundial




 Pero existen outros puntos de vista desta icona, se cadra menos populares
É o caso do tiro dende unha das superficies que se atopan nos seus laterais
Ou dos detalles das incrustacións de pedras preciosas na fachada do edificio
Por non falar dos corredores do interior deste mausoleo de planta octogonal





 As imaxes dende os arcos do eco da mesquita lateral tamén resultan curiosas
-Ao non estar orientado cara á Meca, non pode dedicarse ao culto islámico-
Mais non menos a panorámica do río Yamuna dende os minaretes traseiros



Xustamente río arriba encóntrase o Forte de Agra, construído un século antes
O seu promotor fora o emperador Akbar, o mesmo que erixira Fathepur Sikri
 Ao igual ca o Taj Mahal, as súas paredes están feitas de mármore translúcido
 Isto permite que o sol as atravese e fai que muden de aparencia e cor coa luz




 O Yamuna é afluente do río Ganxes, que ten o seu centro espiritual en Varanasi
Coma os peregrinos, acudimos a este lugar venerado por eles como ningún outro
E dende o amencer, camiñamos polas súas vellas rúas, tan cargadas de historia



  

Varanasi é considerada unha das cidades habitadas máis antigas do mundo
-Coma a propia relixión hinduísta, a súa orixe pérdese na noite dos tempos-
Os fieis levan milleiros de anos visitándoa para faceren ablucións no Ganxes
Río que, por certo, había anos que non estaba tan cheo como cando o vimos
Tanto é así, que non puidemos pasear en barca para gozar da vista dos ghats




 Pero si puidemos observar as piras de leña nas que incineran os crentes finados
-Moitos veñen morrer para interromper o samsara ou ciclo das reencarnacións-
Cada unha delas pesa uns trescentos quilos, co fin de que ardan ben os mortos



 O último lugar ao que nos achegamos na viaxe foi Sarnath, preto de Varanasi
No famoso Parque dos Cervos dera Buda o seu primeiro sermón no s.V a.C.
Séculos despois, o emperador Ashoka chantara aquí a súa columna dos leóns
O que se conserva do seu capitel deu orixe ao escudo da República da India
Así que procuramos visitar o museo que o alberga antes de voltar para a casa
Volvemos algo fatigados, mais coa certeza de ter visto algunhas marabillas
E un pouco mellor coñecedores, ademais, dunha das grandes civilizacións  


10/09/13

Os templos do Kama Sutra



Outro estado da India que visitamos, cara ao sur, foi o de Madhya Pradesh
Máis verde, recóndito e rural, o seu nome tradúcese como a terra do centro
Dirixímonos alá viaxando en tren durante un bo traxecto, almorzo incluído




Orchha, a capital do antigo principado dos Bundela, supuxo a primeira parada
Visitamos o raj mahal ou palacio real, un patrimonio nacional erguido no s. XVII
As vistas dende o alto desta fortaleza eran, pese ao día cuberto, espectaculares




Ao longo da vila de Orchha había uns cantos santóns hindús, chamados sadhus
Sen familia nin propiedades, os sadhus poden distinguirse polas raias da fronte
Illado no río, había un cenotafio ao que acudían os peregrinos á alba e ao solpor
-É tradición incinerar os cadáveres en piras xunto a este monumento funerario-



Tras descansar nun hotel de marcado sabor colonial, saímos cara a Khajuraho 
De camiño, o chofer parou á beira da estrada para darlles de comer aos monos



A vila de Khajuraho (léase Ghallurao) era un dos pratos fortes desta viaxe
Alí atópase un famoso complexo coñecido como os templos do Kama Sutra
-Os muros amosan unha morea de escenas eróticas esculpidas en pedra-
Levantados hai arredor de mil anos, hoxe son Patrimonio da Humanidade



Entramos nun templo adicado á deusa Lakshmi, aínda hoxe aberto ao culto
Ademais de escenas propiamente do Kama Sutra, hai outras moitas tántricas
Se nas primeiras participan dúas persoas, as segundas teñen carácter grupal



Son relevos tan detallistas, que mesmo se aprecian as tatuaxes das figuras
É o caso dos escorpións nas ninfómanas, que anunciaban a súa condición



Á marxe da beleza intrínseca dos templos, o lugar estaba certamente coidado
Tivemos tamén ocasión de visitar o templo cun dos shivalingam máis grandes
A representación simbólica dos xenitais divinos enchía todo o espazo interior






Aínda tivemos tempo para coñecer por dentro o templo adicado ao culto Jain
-O xainismo, coetáneo do budismo, oponse tamén ao politeísmo brahmánico-
No seu interior, de espírito austero, había imaxes de varios dos seus profetas
E ata aquí chegou a etapa na que coñecemos o rostro máis relaxado do país


Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...