Con hoxe son xa 28 as sextas feiras en que os traballadores da CRTVG vestimos de loito
Son os chamados venres negros, cos que levamos seis meses reivindicando o cumprimento da lei
Trátase dunha mobilización histórica, á que os profesionais da delegación de Lugo en absoluto fomos alleos
O que demandamos son uns medios de comunicación enteiramente públicos e independentes
Isto implica a renovación da dirección, que non se produciu, e a creación dun Consello de Informativos
O incumprimento da Lei 9/2011 propicia a manipulación e comporta a redución do ente á mínima expresión
De feito, o propio director xeral asegurou que a produción propia se ía acabar limitando aos servizos informativos
Dende un primeiro momento, os meus compañeiros e eu sumámonos a unhas protestas sobradamente xustificadas
Saímos dando a cara para expresar a nosa disconformidade cunha situación irregular que xa se prolongou demasiado tempo
De xeito paralelo, participamos nos paros organizados pola representación sindical, cuxo fin coincide en parte con estas reivindicacións
Dende a pasada primavera, tanto no traballo coma durante as vacacións, secundamos as mobilizacións
Cada venres cubrímonos con roupa negra e fotografámonos unidos por unha causa que é nosa e mais de todos
É a causa da plataforma Defende a Galega, que esixe uns medios públicos independentes, obxectivos e de calidade
E, por suposto, expresamos a máis enérxica repulsa ás represalias sufridas por algúns dos compañeiros máis comprometidos
Agardamos que algún día se fagan efectivas estas demandas e por fin poidamos traballar nuns medios realmente de todos os galegos