Agora que chegou a primavera, neste caixón de xastre queremos dedicarlle unhas liñas á bichería
Xa nos temos ocupado da entomoloxía en anteriores ocasións, como cando abordamos a grilotoupa
Desta volta, imos achegarnos á lepisma ou peixiño prateado, unha especie realmente extraordinaria
Trátase, literalmente, dun hexápodo de andar pola casa, pero non por iso resulta menos fascinante
Para empezar, cómpre ter en conta a súa antigüidade, posto que estamos a falar dun supervivente
Estímase que a especie ten uns 400 millóns de anos, máis cós dinosauros e tanto coma os tiburóns
Ao contrario ca outros insectos máis evolucionados e sen ás, este fósil vivente nunca chegou a voar
Cómpre destacar tamén a súa lonxevidade, xa que pode vivir ata oito anos, o dobre cá abella raíña
Nese tempo, pode mudar unhas oito veces o seu exoesqueleto, prateado a partir da terceira muda
Os seus hábitos alimentarios e mailo seu particular xeito de se reproducir non causan menor pasmo
A lepisma saccharina recibe este nome científico pola súa especial predilección polos carbohidratos
É, de feito, un dos dous únicos animais cun enzima propio, a celulasa, capaz de degradar a celulosa
De aí que poida converterse nunha praga se chega a criar nunha biblioteca e non se toman medidas
Así o ilustra nesta viñeta o ilustrador catalano-aragonés Zoel Forniés, bo coñecedor da problemática
En canto á vida sexual deste singular insecto, non podería parecer menos alieníxena aos nosos ollos
O macho pendura dun fío un espermatóforo cara ao que guía a femia mediante manobras de cortexo
Unha vez collido o saco cos apéndices sensoriais do abdome, elas introdúceno na súa abertura xenital
Outra característica que distingue a lepisma é a súa fotofobia, polo que adoita actuar con nocturnidade
Como hai xente para todo, iso non impide que haxa quen se decida a adoptar o bicho como mascota
Pero o máis habitual é optar por lidar con estes primitivos amigos, que non son fáciles de exterminar