30/03/22

Así xogabamos

 


Vimos de visitar, no Museo Interactivo da Historia de Lugo, a exposición denominada "Así xogabamos"
A mostra supón un percorrido pola historia dos bonecos e dos xoguetes dende a posguerra ata a actualidade
Nela pódense contemplar auténticas pezas de coleccionista recollidas pola asociación cultural manchega Tekubi Toy
Co colectivo colabora a Área de Cultura do Concello de Lugo, organizadora desta galería de lembranzas de varias xeracións 




Partindo duns trens de latón, esta entenrecedora viaxe no tempo lévanos a coñecer as bonecas de mediados do século XX
Os seus son nomes que nos poden soar a deputadas conservadoras, como Cayetana ou Cuca, sen esquecer a Mariquita Pérez




Unha casiña das primeiras Sylvanian Families ocupa un lugar central na mostra
Xusto detrás, encóntrase o típico xogo de té pensado para enredar na compaña de bonequiñas




Aquí vemos a Marta entusiasmada ao ver unha boneca coa que xogara de rapaza
Era a Nancy Selene, que estaba acompañada do seu inseparable partenaire, Lucas
Xunto a eles alzábase unha nora das Barriguitas coa que tamén enredara de pequena




Cando menos a mesma ilusión fíxome a min toparme cun exemplar do Castelo dos Pitufos
Idéntico a aquel que me regalaron meus pais cando eu tiña seis anos, este databa tamén de 1983
Moito teño xogado con el, desfacéndoo e refacéndoo veces e máis veces, transformándoo ao meu antollo




Xunto a esa gran creación de Exín, da que tamén tivera o super cine, había unha granxa dos Playmobil
E ao outro lado lucían as figuras dos Masters of Universe, con He-Man ou Skeletor e mais as súas monturas




Entre tanques e madelmans, tristemente tan de actualidade, chegamos aos videoxogos
Cun Mazinger Z ou cun Gizmo ao seu carón, nun expositor puidemos explorar a historia das videoconsolas
Entre elas, algunhas ás que tanto xogamos tan ben acompañados, coma a Sega Dreamcast ou as Nintendo 64 e GameCube




Como non podía ser doutro xeito, na mostra tamén hai un oco para os xogos de rol e de mesa, coma o Risk




Entre os moitos bonecos vintage exhibidos, chaman a atención un dos Defensors
Máis oitenteiros non podían ser, coma noventeira era esa colorida fantasía kitsch do castelo de Barbie 





Sobre estas liñas, vemos uns Coman Boys de finais dos 70 e mais unha vila de Chabel, de mediados dos 80
En todo momento soaban sintonías de series que botaban cando eramos nenos, e sabiámolas todas de memoria
A da mostra, que se poderá visitar ata finais de maio, era sen dúbida unha banda sonora que xogaba coa nosa nostalxia



O parque de Efteling

  Hoxe énos un día moi especial e estamos de festa, pois fainos anos a pequena da casa Nas pasadas vacacións obsequiámola cunha experiencia ...