28/01/10

Cadros e fogares


Nos últimos tempos parte da miña pintura emancipouse
Algúns cadros supernumerarios migraron a fogares alleos
Eu, entre orgulloso e tristeiro por perdelos, deilles a venia
Xa son maiores, díxenme, e deixeinos ir facer a súa vida
Esta obra que temos aquí foi a última en marchar da casa
Xa falara dela polo verán, cando aínda se estaba a formar
Aceptárona Jesús e Nesti no seu flamante niño de amor





No caso deste outro cadro, acabou tamén en boas mans
Tiveron a ben albergalo no seu seo Beni e mais Vanessa



Por último, esta outra pintura tivo que viaxar algo menos
Percorreu uns cantos centos de metros, en Lugo mesmo
Acollérona no piso Juanqui e Rocío, para o meu arroubo
E esta é a historia dos cadros que buscaron mellor sino



20/01/10

Fogar


A miña casa é o meu castelo, que din os ingleses
Daquela este é o corredor da miña fortificación
É a vista dende a entrada a este remanso de paz
Efectivamente, o percorrido ten case forma de W
Pero gústame así, tal como é, cos seus recunchos
Conforman o piso un total de 7 espazos separados
As portas con cristal corresponden a cociña e sala
Completan a vivenda un par de baños e os cuartos
-De entre estes, o do medio destinouse a estudio-
O dormitorio principal encóntrase ao final de todo
É un lugar tranquilo, pensado para poder repousar
Como o é todo o castelo, do que estou encantado
A fin de contas, do que se trata é de estar a gusto

14/01/10

A meus avós




Hoxe cúmprense vinte anos da morte do meu avó
Francisco Pérez Prego, cambadés, nacera no 1901
Na foto, de finais dos 70, tiña xa preto de 80 anos
Fora daquela cando quedara cego, como o lembro
Era unha persoa alegre, faladeira e mais cantareira
A dicir verdade, a querenza que me tiña era mutua
-Eu son o neno que o acompaña cara á nosa casa-
E sempre procurei coidar del, ate o día que se foi
Como a el, tamén recordo o resto dos meus avós
Tanto a Manuel Aragunde como a Luísa Cacabelos
Á outra avoa, Carmen Castro, non puiden coñecela
Como tampouco puiden ver vivos os meus bisavós
Malia todo, coñezo os seus nomes, comúns daquela
E mailos seus apelidos, algúns tan propios da zona
É o caso de Vieites, de Mouta, de Búa, de Vilanova
-Si, a forma orixinal, e non a deturpada “Villanueva”-
E mais de Santórum, de Leiro, de Sar ou de Besada
A todos eles, o meu máis fondo respecto e memoria

13/01/10

Invernos nevados


Van xa dous invernos consecutivos de nevadas memorables
O ano pasado daba xa conta da constancia da neve en Lugo
E este 2010 comezou coa mesmiña postal branca de Nadal
Velaí a fotografía que o certifica, na tan familiar rúa Ourense
Amenceu nevado durante cinco longos días de lentos irevires
Camiñar polas esvaradías beirarrúas xeadas non foi nada fácil
E coller o coche, unha tarefa que era mellor deixar para mañá

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

 

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


12/01/10

Jesús & Nesti


Dous dos meus mellores amigos casaron esta fin de semana
Son Jesús e Nesti, que xa levan algúns meses vivindo xuntos
A voda celebrouse polo civil, como non podía ser doutro xeito
Con esta foto conseguimos inmortalizar un instante especial
É o intre no que Jesús comproba como lle deixaron o coche
Só quero contar que lles desexo o mellor nesta nova andaina
E que agardo seguir a gozar da súa compaña por moitos anos

06/01/10

Antenízate!



Co novo ano chegan os bos propósitos, pero algúns non o son tanto
É o caso do apagón analóxico, que pode deixar a moita xente sen tele
Prevese que a emisión convencional desapareza por completo en abril
Pero non se está a ter en conta a gran cantidade de zonas de sombra
-Aqueles lugares aos que non chegará nin o sinal de antes nin a TDT-
Mentres este problema segue sen resolverse, a consigna é antenizarse
Antenízate! é a mensaxe máis coreada en tantos anuncios do momento
Tanto dende o Goberno como dende fabricantes ou mesmo antenistas
Xa hai tempo que en "Muchachada Nui" se fixeron eco desta situación
-Por certo, para a semana, o mércores, estréase a cuarta temporada-
Un vídeo da sección "Mundo Viejuno" retrataba con humor este tema
Nel dobrábanse secuencias dun filme de ciencia-ficción dos anos 50
Esta sección continuou aquel "Retrospecter" de "La Hora Chanante"
Na que puidemos ollar marabillas coma o vídeo do "Scout corrupto"


Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...