05/07/26

A Feira da Artesanía de Outeiro de Rei

 


No calendario estival temos unha cita marcada en vermello, á que case nunca faltamos
Refírome á Feira da Artesanía de Outeiro de Rei, unha romaría á que lle profesamos fervorosa devoción
Ao longo do quilómetro e medio en que se estende o evento, que conta cun cento de expositores, podemos atopar de todo
Por suposto, nos postos do mercado podemos admirar os traballos dos mellores artesáns chegados dende todo o país, pero hai moito máis




Para comezar, na exposición non podía faltar a artesanía local máis coñecida, a olería de Bonxe
Tamén había un espazo para as obras dos outros grandes cacharreiros lucenses, os oleiros de Gundivós




Non menos obrigada é a presenza de artesáns coma os cesteiros ou os ferreiros, coma estes de Verín




Os mostradores dos artesáns están instalados ao longo de varios tramos entre o centro e Santa Isabel
Esta disposición consegue que a feira se faga aínda máis variada, ao tempo que aproveita e exhibe os distintos espazos da vila




Sobre estas liñas, podemos contemplar as obras seleccionadas polos luthiers para a ocasión
Un dos treitos do mercado, o máis próximo á casa natal de Manuel María, adoita estar destinado á artesanía alimentaria





Na feira pódese atopar todo canto se pode imaxinar feito coas mans
Ademais de útiles, ferramentas ou alimentación, tamén hai moda e incluso obras de arte





Baixo estas liñas, vemos un mestre torneiro de Arzúa en plena laboura




A música tradicional ao vivo non faltou en ningunha das numerosas carpas
Tampouco na parte da feira cuberta por un dosel de frondosas, na carballeira de Santa Isabel




A auga fresca do río Miño convidaban a miña filla a darse un baño neste día de fogaxe




Desta xoia que é Santa Isabel dentro da reserva da biosfera Terras do Miño xa temos falado aquí
Tamén do outro evento que se celebra nesta mesma área recreativa na primeira quincena de xullo, o Convivio da Cultura Galega





Os paseos en caiac ou mostras de motos e de coches clásicos completaron a oferta da feira
E todo isto só nunha tarde de verán que pasamos sobre todo á sombra dos carballos na compaña de boas amizades

24/06/26

O San Xoán da Piringalla



A da Piringalla é a fogueira máis grande das terras lucenses e unha das meirandes de todo o país
Supón a máxima expresión da celebración do San Xoán por parte da veciñanza deste populoso barrio do norte de Lugo
A cacharela ocupa un ferrado, que é unha forma poética de loar o seu tamaño cunha medida tan máxica coma a noite máis longa do ano




Antes de poder contemplar o lume, que se prendeu xusto á medianoite, houbo no ceo uns fogos de artificio
Tampouco podía faltar a verbena cos consabidos ritmos caribeños en español que tanto triunfan dun tempo a esta parte
Á parte da orquestra de Baralla, o momento estelar da noite meiga foi a Festa do Becerro, organizada pola asociación veciñal do barrio



O evento mereceu, este ano si, un rigoroso directo na programación especial por parte dos medios públicos
E casualmente nel facía aparición a artífice da moción de censura que lle outorgou o goberno da cidade á pepeirada
Logo as redes xa se encargaron de facer a súa maxia do San Xoán con IA e con simpatía, con resultados como o arriba exposto



26/05/26

Os cirrios da Muralla de Lugo

 


A chegada dos cirrios marca o inicio da mellor época do ano en Lugo
Viñeron dende o sur de África para aniñar nos buratos da muralla romana
Acoden centos de parellas, que á súa vez teñen milleiros de crías que alimentar




Cunha altura media de dez metros, a muralla ten un perímetro de máis de dous quilómetros
O monumento ofrécelles a estas aves, por tanto, unha superficie vertical inmensa onde poderen criar
Por esta razón, estamos a falar da maior colonia de cirrios de todo o país e unha das máis importantes da Península





Os primeiros exemplares arriban xa en abril, pero é neste mes cando cobren o ceo
Xunto coas andoriñas e os avións, dunha familia distinta, os cirrios integran 'as tres mosquiteiras'




Arriba e abaixo, vemos varias portas da muralla, de distintos períodos, sobrevoadas por cirrios




Un paseo polo adarve da muralla ofreceranos outra perspectiva, cunha vista máis ou menos á altura do voo destas aves
A comezos da década pasada xa publicara aquí un postiño sobre a relación entre Lugo e esta especie, que quixen agora completar
E o ano pasado colgara en varias redes un reel protagonizado por estes paxaros que nos brindan unha compaña que se nos fai breve





Abaixo e arriba, podemos contemplar varios murais xigantes cos cirrios á beira
Uns e outros son reclamos engadidos á experiencia de visitar a única muralla romana que se conserva completa




Ao igual que a muralla romana, a catedral de Lugo tamén é Patrimonio da Humanidade
Curiosamente, a sé lucense tamén é coñecida polas aves que alberga, unha parella de falcóns peregrinos
Ambas especies, por certo, figuran entre as de voo máis veloz de todo o mundo, a rapina en picado e o cirrio en horizontal




Árbores como teixos ou nogueiras e edificios racionalistas son algúns dos elementos visibles de xeito permamente en Lugo
A chegada dos cirrios supón todo un acontecemento do que todos os anos se fan eco os medios, como neste vídeo editado por un servidor




Para entender mellor este fenómeno, cómpre ter en conta a particularidade de Lugo tocante á natureza que o rodea
Estamos a falar nada menos que da única cidade en toda a Península que se encontra dentro dunha Reserva da Biosfera
Trátase de Terras do Miño, só superada en extensión no ámbito peninsular pola Reserva da Biosfera Transfronteiriza Meseta Ibérica




A través das hortas do barrio do Carme, da valgada da Cheda e da Calzada Romana chégase ao Miño
Un corredor verde comunica así directamente a Muralla de Lugo co río, onde se atopan outros bens culturais
Son a ponte romana ou o Antigo Hospital Lazareto, no barrio de San Lázaro, que tamén lles ofrece acubillo aos cirrios
As aves permanecerán aquí ata agosto, alegrándonos a vista cos seus voos acrobáticos e o oído co rechouchío que lles dá nome

A Feira da Artesanía de Outeiro de Rei

  No calendario estival temos unha cita marcada en vermello, á que case nunca faltamos Refírome á Feira da Artesanía de Outeiro de Rei , unh...