Este verán tivemos a enorme fortuna de poder visitar a República Checa
Comezamos pola capital do país, cuxo centro é un polo de atracción turística de primeira orde
Polas rúas que van dende a Praza da Cidade Vella á ponte de San Carlos flúen ríos de xentes chegadas de todo o mundo
Na outra beira do Moravia encóntrase un dos barrios máis visitados de Praga
Chégase tras cumprir coa tradición de tocar os relevos en bronce da estatua de San Xoán Nepomuceno
Cruzada a ponte, pódese facer unha paradiña para desgustar unha cervexa local nalgunha das moitas terrazas da praza de Malá Strana
Costa arriba, no alto dun outeiro agárdanos o Castelo de Praga, o maior do mundo
E dentro da catedral de San Vito poderemos admirar, por exemplo, as vidreiras deseñadas por Mucha
Pero se hai algo que non deixa a ninguén indiferente neste conxunto único, iso é, sen dúbida ningunha, o Canellón de Ouro
Trátase dunha vía estreita cunha ringleira de casiñas unidas pola parte superior traseira
Recibe o seu nome dos ourives, ou poida que dos alquimistas ou dos gardas reais, que residían no lugar
Quen tamén botou un tempo nunha destas pequenas vivendas foi Franz Kafka, coma noutros moitos sitios da cidade que o viu nacer
Polo corredor posterior, onde se exhiben armas e armaduras medievais, hai unha serie de seteiras xiratorias de madeira
Dende elas pódense ollar as vistas que ofrece a fortificación, coma esta da Torre Branca ou Daliborka, antiga prisión do castelo
Máis arriba aínda encóntrase o mosteiro de Strahov, cuxa conxunto fomos admirar
E baixando pola ladeira norte dirixímonos ao barrio de Nový Svět, onde percorremos unhas rúas cun grande encanto
Non lonxe, cara ao sur, encóntrase o outeiro de Petřín
Na cima hai unha torre de finais do século XIX semellante á de Eiffel
Mais, a diferenza da parisiense, é de planta octogonal e ten cinco veces menos altura
Outro reclamo turístico situado tamén no alto deste monte é un pequeno castelo cun labirinto de espellos
Para chegar ao cumio, subimos nun funicular, e para baixar optamos por facer o percorrido a pé
As vistas da cidade son extraordinarias, polo que xantamos nunha das terrazas que se encontran case arriba de todo
De volta ao centro, pola Ponte da Lexión pódese acceder á illa de Střelecký
Nela hai parques con xogos para os máis novos, que ademais coñecerán os exemplares de coipús que alí residen
Ao norte do Staré Město, a Cidade Vella, encóntrase o Josefov
Falamos do famoso barrio xudeu de Praga, onde visitamos o Cemiterio Vello
Tamén fomos a varias sinagogas, entre elas a Pinkas, convertida nun museo do Holocausto
Na sinagoga Maisel atopamos referencias ao personaxe máis recoñecible do folclore xudeu do país, o Golem
Tamén demos noutros sitios de Praga con este ser mítico que Gustav Meyrink levou á literatura na novela homómina
E onde conta a lenda que foi recollido o barro ao que lle insuflaron vida, á beira do río, xantamos nun barco goulash e knedlíky
De volta ao centro da Cidade Vella, ao carón da Torre da Pólvora encóntrase a Casa Municipal
Trátase dun complexo arquitectónico considerado a obra máis representativa do modernismo checo
Entre as súas instalacións destaca a sala Smetana, que lle serve de sede á Orquestra Sinfónica de Praga
E entre os moitos artistas que participaron na decoración dos seus distintos elementos tamén figura Alphons Mucha
Unha das noites que pasamos na capital checa dedicámola a asistir a unha función do seu popular teatro negro
De entre as compañías que se dedican a este tipo de representación escénica característica de Praga escollemos WOW
Moi ben o pasamos, e Selma nunca ha esquecer os balóns ou as arañas xigantes que lle pasaron por riba durante o espectáculo
Pola noite, a Praza da Cidade Vella adquire unha beleza se cabe aínda maior
A iluminación de edificios coma a Casa do Concello ou a igrexa de San Nicolás así o favorece
Pero se hai unha fachada que consegue atraer todas as olladas, esa non é outra que a da Nosa Señora ante Týn
No medio da viaxe aproveitamos para realizar unha excursión a Karlovy Vary
Trátase da vila termal de maior renome en todo o país, que se encontra a un par de horiñas de Praga
O lugar conta cun longo paseo fluvial con pavillóns da época austrohúngara onde se pode beber auga medicinal a distintas temperaturas
Algunhas das estampas que se poden ollar aquí semellan fotogramas dignos dun filme de Wes Anderson
E se nas rúas da capital o doce máis consumido é o trdelník, de orixe eslovaca, neste lugar sono as chamadas 'obleas de balneario'
De volta en Praga, volvemos pasear polas rúas da Cidade Vella
Tamén pola concorrida praza de Venceslau, que sobe ata o Museo Nacional
Cumprida a tradición da ponte de San Carlos, contamos con poder regresar algún día
Como excusa, quédannos pendentes as visitas ás vilas de Český Krumlov ou de České Budějovice