28/11/24

Providence

 

Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore
Trátase de Providence, onde homenaxea a H.P. Lovecraft xunto co ilustrador Jacen Burrows
O cómic conxuga por tanto dous dos meus autores predilectos en prosa e mais en banda deseñada




Providence narra as aventuras de Robert Black, un reporteiro estadounidense, en 1919
O xornalista deixa o seu posto como redactor no New York Herald para percorrer Nova Inglaterra
Na procura da cara oculta de Norteamérica, vaise topando con toda unha galería de personaxes lovecraftianas




O argumento ten o seu punto de humor negro, moi negro
Entre as historias narradas intercálanse extractos do diario de Robert Black
Así, o lector pode coñecer o que cre que viu e, ao mesmo tempo, saber con que se topou realmente
Un libro milenario escrito por un árabe tolo, que logo había ser coñecido como o Necronomicon, tamén ten o seu protagonismo




Un dos personaxes principais a partir da metade da novela é o propio H. P. Lovecraft
Ao igual ca outro xigante anterior do terror americano, Poe, reside na cidade que lle dá nome á obra
Black establece unha relación de amizade con el que o leva a prestarlle os apuntamentos sobre a súa viaxe
Neles améntase, por exemplo, a Randall Carver, trasunto do protagonista do ciclo de aventuras oníricas de Randolph Carter
O periodista funciona, deste xeito, coma un resorte que activa no escritor a inspiración precisa seguindo o plan dunha sociedade secreta







Alan Moore leva máis de corenta anos figurando entre os principais autores de cómic no ámbito mundial
Nos 80 escribira o guión de obras mestras da novena arte como son V for Vendetta, Swamp Thing ou Watchmen
Na seguinte década concluiría a novela gráfica From Hell, e xa neste século, The League of Extraordinary Gentlemen
Antes de Providence, publicara varias miniseries encadradas no universo Lovecraft, como son The Courtyard e Neonomicon




Lamentablemente, as novelas gráficas de Alan Moore aínda non foron traducidas á lingua de Rosalía
Pero si están dispoñibles no noso idioma as obras de Lovecraft, na biblioteca homónima editada por Urco
Para quen desexe adentrarse nos mundos do literato de Providence, recoméndolle Nas montañas da loucura
Esta novela, pertencente ao ciclo de Cthulhu, está ambientada nunhas hipotéticas galerías subterráneas da Antártida
Tocante ás máis temperás obras do ciclo do soño, as miñas favoritas, están reunidas en varios volumes pola editorial galega
Para acompañar a primeira lectura, propoño a Sinfonía no. 2 de Phlip Glass, e Simple Things de Zero 7 para as aventuras oníricas

28/10/24

O parque de Marcos Cela

 

Encontrámonos na mellor época do ano para visitar un dos lugares máis senlleiros de Lugo
Os xardíns de Marcos Cela vístense de outonía, co chan alfombrado de ourizos e de castañas
Tamén de abelás e de noces, de choupíns, de boletos e doutros cogomelos vistosos de peor fama




Visitar pola mañá cedo este espazo nas costas do sur da urbe supón todo un espectáculo
Coma nunha toma digna de Terrence Malick, os feixes de luz non deixan de se filtrar entre a follaxe




Son as raiolas do sol nacente a se precipitaren grávidas cara ao río
O parque está encravado nas costas entre a avenida de Magoi e a estrada N-VI
Á súa vez, a vía separa este espazo verde do paseo do Miño á altura das termas romanas




O parque, rico en carballos e castiñeiros centenarios, conecta o de Rosalía coas carballeiras da Estrada da Granxa, ao pé do campus
É, por tanto, un pulmón verde de importancia estratéxica que se salvou do urbanismo salvaxe que asolou a zona grazas ao seu desnivel




Unha senda atravesa os xardíns dun extremo a outro, dende Acea de Olga ata A Volta da Viña




Neste último extremo do parque hai un miradoiro cunhas fantásticas vistas do río e da ponte romana
Tamén hai unha pérgola aínda por aproveitar, coas arañeiras propias deste tempo tecidas nos ángulos baleiros




Por sorte, puiden coñecer en persoa a figura que lle dá nome a este espazo verde




Marcos Cela fora concelleiro, nacionalista, no primeiro goberno bipartito deste século
Ocupara o cargo de tenente de alcaldesa e fora responsable da área de Medio Ambiente
Falecido hai dúas décadas, a lembranza máis entrañable que atesouro del fora polo Entroido
De complexión forte, ía disfrazado do meu querido Obélix, quen sempre me acompaña no chaveiro

01/09/24

Europa Park

 

Hoxe fai anos a nosa filla, que nestas vacacións coñeceu de primeira man un dos mellores lugares do mundo para entreterse e pasalo ben
Con case un cento de hectáreas, Europa Park é o parque temático máis extenso do continente, e o segundo co maior número de visitantes
Encóntrase en Rust, unha viliña no estado alemán de Baden-Württemberg onde botamos varios días tras percorrer Alsacia e a Selva Negra




O parque consta de diferentes espazos dedicados ás principais nacións e áreas europeas
Nada máis acceder ao recinto, optamos por montar nun tren que nos conduciu ata as Illas Británicas
Alí, Selma fotografouse co osiño Paddington e mais emprendeu comigo o ascenso á torre dun castelo irlandés




Tamén ascendemos ata os Alpes, onde cruzamos unha rúa suíza
Nas súas proximidades, había terrazas á beira dun suposto río francés
E non lonxe, visitamos un restaurante alemán que simulaba a propia Alemaña




Volvendo ás terras hibernas, demos un relaxante paseo nun tractor
E logo do xantar, folgamos en distinas embarcacións que navegaban por un lago alpino




Dende aí achegámonos ata o mar Exeo, onde nos agardaban rúas gregas perfectamente recreadas




E polos dominios de Poseidón chegamos ata Rusia
Aquí agardábanos un dos pratos fortes do parque, o Euro-Mir
A ritmo pegadizo, a montaña rusa xiratoria recrea a famosa estación espacial





Outra montaña rusa do parque, xa en en terras viquingas, estaba consagrada a Odín
Para montar, tiven que cruzar as portas do Valhalla entoando un "Marcho, que teño que marchar"
No barrio escandinavo reproducíase un porto desas latitudes, con salmón noruegués á grella nos postos de comida




Coma en Efteling, aínda que a unha escala máis reducida, tamén hai un bosque dos contos
Os sete cabritiños, Cincenta, Hansel e Gretel ou Rapunzel son algúns dos plasmados no parque alemán
E ao seu carón encóntrase unha das mellores atraccións, dedicada ao filme Arthur e os Minimoys, de Luc Besson




Voletarium é outra das atraccións máis exitosas, xa que permite explorar o mundo case a vista de paxaro
Á parte das atraccións, o parque conta cunha oferta moi variada de espectáculos, con música, baile, maxia ou humor
Un dos lugares onde se pode acudir a unha función é unha réplica do teatro The Globe de Londres, situada na zona británica





Un dos espectáculos, Movie Hits, homenaxea os musicais no cine
Outro, Energ'Ice, relata a vida de Nicola Tesla con patinaxe sobre xeo e drones
Pola súa parte, Misterio, do ilusionista Vincent Vignaud, sorprende o público cos seus trucos




No capítulos das dark rides, resultounos especialmente simpática a de Madame Freudenreich Curiosités
Nela amósanse dinosauros realizando actividades humanas coma a apicultura ou a celebración dun aniversario
Pero na nosa opinión, a mellor atracción do parque encóntrase dentro da zona dos Países Paixos, e non por casualidade
Piratas de Batavia homenaxea o parque neerlandés de Efteling, posto que se inspira claramente no percorrido de Fata Morgana




Coma no parque holandés, tamén hai unha montaña rusa interior, CanCan, co Moulin Rouge
Para rematar a primeira das xornadas, fomos cear a unha especie de Octoberfest na zona do país anfitrión
E unha vez visto canto queriamos ver, despedímonos de Europa Park cunha impresión moi positiva, sobre todo respecto aos espectáculos

Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...