De cantos parques periurbanos circunvalan a cidade de Lugo, o do Rato é o que goza de maior popularidade entre os lugueses
Con 4 quilómetros de lonxitude, o percorrido comeza como unha humilde prolongación do paseo da Chanca que vai medrando devagar
Discorre á beira do río homónimo dende a aldea que lle dá nome ao curso fluvial ata a súa desembocadura no pai Miño onda a Tolda de Castela
Varias pontes sobre o Rato cruzan o paseo ao longo do seu trazado
A paisaxe tamén está salpicada de casas labregas, en especial na beira esquerda do río
Actualmente, estase a habilitar un carril bici que discorre ao longo do traxecto
Dado que aínda non está aberto ao público, os cicilistas continúan a compartir senda cos peóns
No medio do paseo hai amplos prados na beira esquerda do río, que é a máis chá
Aquí, o camiñante poderá facer un alto para se recrear na paisaxe ou retratarse enmascarado
A riqueza natural da contorna do Rato é extraordinaria en todos os sentidos
A media tarde cobra especial protagonismo o coro de ras que poboa as augas do río
É só unha das moitas especies animais e vexetais presentes neste parque periurbano único
A da fervenza e mais os miradoiros que se encontran ao seu carón é a parte máis coñecida do paseo
Un regato desemboca no Rato en forma de salto e xusto detrás hai un alto dende o que ollar este espazo natural
Dende o segundo miradoiro as vistas nunca defraudan, como é o caso destas imaxes captadas en primavera anos atrás
De agora si son, como se pode apreciar, estoutras fotos feitas neste inconfundible treito do paseo
Se arriba estou coa miña filla na beira dereita do río, abaixo está Marta á mesma altura mais na outra marxe
Chegados a este punto, acadamos o principal lugar de encontro deste paseo tan concorrido
Refírome ao complexo do Centro de Interpretación das Terras do Miño, dedicado a esta reserva da biosfera
A do restaurante constitúe a estampa máis recoñecible do parque
Identifícase dende calquera punto do meandro que forma o río ao seu redor
Como se pode apreciar, o edificio principal inspírase na arquitectura tradicional do leste lucense
Iso si, engadíndolle certo toque característico de establecementos onde se celebran banquetes de vodas
Sexa como for, o lugar é case parada obrigada para os moitos paseantes sedentos que se achegan ao parque
Entre ameneiros, acivros ou pradairos, encaramos o treito final do paseo
Remata na Tolda tras atravesar dous túneles, un deles baixo a estrada N-VI
O Rato desemboca no Miño nunha ampla zona verde e chá que se abre á beira do río
Nela hai unha parte de bosque autóctono e mais unha lagoa que é lugar de paso para as aves migratorias
Río abaixo, o espazo esténdese ata o Caneiro da Tolda, á sombra dos freixos
E o sol estival baña os que se achegan ata o lugar tanto coma as augas do Miño
O circuíto completo, de ida e volta dende o centro, pode abranguer uns 12 quilómetros