05/12/11

Sombras famentas



Esta fin de semana presentouse na feira Culturgal o libro Sombras famentas
Editado por Urco, foi escrito polo meu querido amigo Jacobo Sánchez-Feijóo
O volume contén unha novela, á que se refire o título, ademais doutros relatos
-A frase E outros contos para ler de noite completa, de feito, o nome da obra-



Sobre estas liñas, vemos a Jacobo na feira asinando exemplares do seu libro
Segundo conta, xa chegou á súa segunda reimpresión tras unhas boas vendas
Neste senso, teño a honra de estar vinculado a este proxecto dende hai meses
-Exercín de lingüísta e de corrector, aínda que nos créditos figuro como editor-


Para rematar, deixo aquí un fragmento do relato principal, Sombras famentas
Dá unha pista sobre o seu afán de revisión do vampirismo, lonxe dos tópicos:

Sheridan Le Fanu, Polidori, Bram Stoker e outros deron as primeiras voces nerviosas de alarma. Os vampiros xa non eran cadáveres viventes que devoraban gando, nin sequera portadores de pragas duros de exterminar. As últimas novas constatadas dicían que eran elegantes, que se confundían coa sociedade adiñeirada, que viaxaban ata a mesmísima cidade de Londres -o corazón da modernidade, a tecnoloxía e o progreso!-, que podían soportar a luz do día e que sabían empregar as nosas máquinas modernas mentres se valían dos seus vellos aliados os lobos, as ratas, as sombras, os morcegos, a néboa e o espanto. Superaran moitas cousas que os debilitaban e aguzaran o seu enxeño. Eran máis cultos, máis intelixentes, máis refinados e perversos. Máis perigosos. Carrachas cun óptimo grao de sofisticación. Abandonaran o seu pulso contra o mundo para utilizalo ao seu favor e conveniencia. Axexaran o xeito humano de actuar e desa forma descubriron que a astucia consistía en mesturarse e confundirse, non en enfrontarse. Só así combaterían con vantaxe.”


06/11/11

A vida con Selma



Os días pasaron voando e Selma xa cumpriu os dous mesiños
Era o tempo que tiña para estar a gusto con ela mañás e tardes
Agora terei que reincorporme ao traballo e acompañala menos
E non será nada doado, posto que a nena ben que se fai querer
Nesta escena cotiá ollámola boquexar no salón do noso fogar



A rapaciña saíunos viaxeira e xa percorreu boa parte do país
Na foto vémola no canguro coa súa nai nun parque da Coruña
E nestas outras vai de paseo pola ronda da Muralla, por Lugo
Sen esquecer que xa pasou polo Salnés, Santiago ou Ourense



E nesta imaxe atopamos outra estampa costumista, a do baño
Nela apréciase o parecido físico que a raíña moura ten con nós
Eu son o meniño que posa xusto debaixo, nunha foto de 1977
E a nena que se encontra xusto debaixo é Marta un ano antes
-En efecto, Selma ten a faciana máis longa, coma a da súa nai-



E así é a vida con Selma, que ata o de agora discorreu plácida
Neste senso, teño que agradecer a inestimable axuda dos avós
Xa que fixeron posible que puidesemos saír as fins de semana
Como na festa do Samaín, que pasamos rodeados de amigos



Para rematar, quero deixarche un detalle pola atención prestada
Trátase dun retrato de familia improvisado no piso da miña irmá


20/10/11

Un feixe de láminas


Estas láminas foron compañeiras de viaxe durante uns cantos aniños
Fixéraas a medio camiño entre a adolescencia e a etapa universitaria
Botaron varios cursos pegadas ás paredes do meu cuarto ou do piso
Tanto cando vivía en Santiago como despois, xa traballando en Lugo



Realizadas en Cambados, axudáronme a facerme sentir como na casa
Pero, pouco a pouco, funas substituíndo por cadros que fora pintando
Así que cando nos mudamos ao noso actual fogar, pasaron a un caixón
E o seu lugar foi entón ocupado por unha serie cada vez maior de óleos



En canto os materiais empregados, predominan lapis, tinta e mais pastel
-Cunhas técnicas que podería depurar se dispuxese de tempo dabondo-
É dicir, o que tiña a man na que lembro como longa época de estudante
E recordo que cando ía ao instituto todos os días terminaba unha lámina


Logo, comezaría a ter menos tempo e a coñecer ben as xornadas sen fin
Polo que esa afección miña quedou relegada e finalmente ficou no pasado
Hoxe gardo as láminas con nostalxia, se ben poucas veces lles boto un ollo
E como estas, un bo feixe delas que fora xuntando durante aquel período


28/09/11

Os zombis do Freakmacine



O Freakmacine é un festival de curtas que se vén celebrando na Coruña
Comezou hai tres anos nunha casa okupa, e este ano colaborou o CGAI
Partindo da ciencia-ficción, foise ampliando cara a xéneros coma o gore
O curioso do asunto foi que souben disto prestándolles atención ás fotos
Resultou que en todas as que vía nos medios había familiares ou amigos
Vanessa, a moza do meu curmán político Samuel, é a que posa deitada
Iso na foto de arriba, publicada na Voz, e abaixo está o propio Samuel
-Grande amante do xénero, como demostra ano tras ano por Noiteboa-



O pistoletazo de saída do festival foi un desfile de zombis pola Coruña
E neste primeiro Zombiewalk participaron tamén varios colegas nosos
Disto decatámonos tamén a través da prensa, ollando fotos coma esta
-Correspondente á edición da Coruña da Voz de Galicia deste sábado-
Aquí posan Jérémy e Adela tan ricamente nos Cantóns antes da marcha
Os mesmos que, xunto con Cristina, saían nun vídeo do noticiario de V
Así que, familiares e amigos coruñeses, só me queda dicirvos o seguinte:
Que orgulloso estou de todos vós e que guapos e fotoxénicos que sodes



12/09/11

Os primeiros días de Selma



Todo comezou aquí, na planta de obstetricia do hospital Lucus Augusti
Un centro hospitalario acabado de nacer tamén, tan só dez meses atrás



As habitacións, ben deseñadas e equipadas, mesmo parecían nórdicas
Nesta foi onde transcorreron os primeiros días dunha Selma cambiante
O rostro ía mudando en cuestión de horas, recompoñéndose tras o parto


Ao tempo que comezaba a perder lanuxe, a fronte estaba a redondearse
Dun día para outro transformábase a súa faciana dun xeito espectacular



Aos catro días do seu nacemento xa lles deron a alta á meniña e a Marta
Daquela retornamos ao noso tranquilo fogar para iniciarmos unha vida nova
Cuns horarios estritos, adaptados ás necesidades dun ser de medio metro
-Alguén que non distingue entre día e noite e só sabe do xantar e da sesta-



Esta é unha das súas posturas favoritas, coa que bota gases e logo dorme
Aquí ollamos un detalle da morenaza que nos está a conquistar o corazón



Outro dos seus momentos predilectos ao longo do día é despois do baño
-Cando a secamos coa toalla e lle damos cremiña hidratante sobre a pel-
Só me queda lembrar ese grande instante no que se fixo algo máis maior
Refírome a cando, xa con oito días, lle caeu o reseco cordón do embigo

02/09/11

O nome da nosa filla



O nome da nosa filla significará, ao mesmo tempo, "paz" e "protección divina"
Será un nome admitido como galego, aínda que de moi diversas procedencias
E compartirao nada menos que coa primeira gañadora do Nobel de Literatura
-Esta muller cuxo retrato aínda hoxe figura nos billetes suecos de vinte coroas-



O seu será tamén o nome da personaxe protagonista dun filme de Lars Von Trier
Unha muller, nai, traballadora e mais invidente, interpretada pola cantante Björk
-Autora, á súa vez, das cancións da homónima banda sonora orixinal da película-



Compartirá nome tamén coa actriz coprotagonista de dous filmes sobre Hellboy
E mais cunha das irmás xemelgas de Marge, da serie de animación dos Simpson
-En concreto, a que ten o pelo en forma de "M", letra presente no nome da nena-



Levará tamén o nome do monstro que vive no lago Seljord, ubicado en Noruega
E chamarase como outro lago máis, este outro situado no estado de Pennsylvania



Tamén se chamará como o concello suízo menos habitado, no cantón dos Grisóns
E incluso se nomeará do mesmo xeito que un cráter localizado no distante Venus



Se a estas alturas aínda non sabes como se vai chamar, voucho poñer máis claro
Responderá ao mesmo nome que a protagonista dun libro escrito por Jutta Bauer
Trátase dunha ovelliña que non cesa no empeño de indagar na busca da felicidade


Benvida ao mundo



Esta criaturiña é a filla que acabamos de ter Marta e mais eu
Naceu onte, pasadas xa as once e media dunha longa noite
A nena pesou xusto o mesmo ca min cando viñen ao mundo
Aparentemente tamén é morena, tranquila e con certo xenio
O parto foi natural, inducido con prostaglandinas e oxitocina
Unha vez posta a epidural, a dor remitiu e a nai logo deu a luz
Daquela comezamos a respirar tranquilos e a darlle a benvida
Axiña abriu os seu grandes ollos e comezou a inspeccionarnos
Nunca esquecerei o seu aroma de neonata, como a palla seca
Ficamos exhaustos, tras vivir unha experiencia única, completa
Así que arestora descansamos como podemos, no día despois
Aínda así, quixera agredecer os apoios de todos estes meses

25/08/11

Saíndo de contas



Tras corenta semanas de embarazo, hoxe Marta sae de contas
Así que a partir deste día entraremos xa no tempo de desconto
A fotografía superior vén corresponder á metade da xestación
Xa tiña unha barriguiña considerable, que foi a máis cos meses
-Tal como se pode apreciar na foto de abaixo, do último mes-


Salvo as náuseas do primeiro trimestre, non foi nada complicado
-E mesmo ese problemiña se puido solucionar, só cunhas pastillas-
 Pero agora vénnos a parte máis intrigante deste conto que vivimos
O desenlace con final incerto desta historia que realmente empeza
Preguntámonos como será a filla que está por vir, 'como respirará'
E en primeiro lugar cando nos tocará acudir ao hospital a dar a luz
Logo xa nos ocuparemos de pórlle nome e de, por suposto, criala


Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...