Hai escasos días, durante a Semana Santa, aproveitamos para viaxar ata Valencia
Polo seu gran patrimonio cultural, entre outros reclamos turísticos, a visita pagou a pena
Tiñamos o Mercado Central diante mesmo do hotel, así que foi o primeiro lugar onde entramos
Puidemos así admirar esta obra mestra do modernismo valenciano con preto de 7.000 metros cadrados
O recinto histórico de Valencia é concéntrico, redondo coma unha paella
Se o Mercat Central está xusto no medio, o de Colom encóntrase na asa dereita
Esta é outra xoia modernista que posúe esta cidade, cos postos de ocio na superficie
Da mesma época data a Estació del Nord, que curiosamente está situada ao sur do centro
Moi preto encóntrase a Casa do Concello, na praza maior da urbe
Alí desfilamos polo salón de plenos ou polo chamado Salón dos Espellos
Tamén coñecemos as Corts Valencianes ou o Palau de la Generealitat Valenciana
Este estaba ao carón da catedral, entre a Plaça de la Mare de Déu e a Plaça de la Reina, en obras
Un dos edificios que máis chaman a atención do centro de Valencia é a Llotja de la Seda
Esta gran lonxa de estilo gótico tardío está recoñecida, de feito, como Patrimonio da Humanidade
Nela hai dúas salas que dan conta do poder dos mercadores deste reino en tempos da Coroa de Aragón
Unha é a Cámara Daurada del Consolat del Mar, e a outra é a Sala de Contractació, de espléndidas columnas
Outro lugar de interese que visitamos foi o Museu Nacional de Ceràmica i de les Arts Sumptuàries
Está localizado no Palau del Marqués de Dosaigües, cunha fachada tardobarroca que convida a acceder ao interior
Dentro, puidemos ver diversas pezas de louza correspondents a distintas épocas
Tamén admiramos unha cociña típica do país valenciano, con numerosos elementos cerámicos
Tamén vimos pezas antigas de cerámica no Centre Arqueològic de l'Almoina
Neste museo había dende aras e ánforas romanas ata cuncas da época medieval musulmá
O centro arqueolóxico estaba preto da Porta de Serráns, unha das portas baixomedievais da cidade
Tamén pasamos, durante varias xornadas, a través da porta das Torres de Quart, no extremo occidental do centro
Por aquí vaise ao Xardín das Hespérides, o xardín botánico da Universidade de Valencia, cunha praciña redonda na súa entrada
Esta recorda a Plaça Redona, unha fermosa praza circular decimonónica, peonil, que tiñamos ao carón do hotel onde nos hospedabamos
Con catro hectáreas e media de superficie, o xardín alberga unahas 4.500 especies vexetais de todo o mundo
Sobre estas liñas, vemos o interior do umbráculo modernista, unha das estruturas máis notables deste conxunto
No xardín botánico tanto medran xigantes coma o olmo do Cáucaso como pequenas plantas carnívoras criadas en invernadoiros históricos
As amplas zonas verdes conforman un dos puntos fortes de Valencia
Debido a unha riada fatal nos anos 50, o curso do río Turia fora desviado ás aforas
Como resultado, a cidade ten agora un xardín urbano duns dez quilómetros, o maior de Europa
E ata aquí chega o percorrido pola Ciutat Vella de Valencia, ateigada de turistas de todo o orbe
O seu punto neurálxico é o vibrante cruzamento entre a praza maior e as rúas de María Cristina e Sant Vicent
Na próxima entrega daremos conta do paso pola Cidade das Artes e das Ciencias e polo Bioparc, que merecen un capítulo á parte