30/05/24

A Espada de San Eufrasio


A que é unha das mellores novelas gráficas galegas de todos os tempos acaba de ver a luz na nosa lingua
Dáse o caso, ademais, de que se trata do idioma en que os autores aspiraban a publicar o cómic dende un principio
Lamentablemente, por avatares que dan conta da situación do sistema editorial do país, naquel momento resultara imposible
Celebremos, daquela, que por fin dispoñamos desta obra mestra na nosa fala, sete anos despois de saír do prelo o primeiro volume
Como compensación, esta é unha edición mellorada, nun tomo de 244 páxinas coa coloración e co rotulado corrixidos onde resultou factible




O punto de partida desta saga está ambientado na segunda metade do século XV, nos anos previos á Gran Guerra Irmandiña
Protagoniza o relato unha familia de campesiños que se ven obrigados a actuar como foraxidos tras serlles arrebatado o seu fogar
Narra, por tanto, unha entretida historia de acción e de aventuras enmarcada nun tempo de loita contra unhas graves inxustizas sociais
Coa maior revolta da época como contexto, a obra requiriu un traballo de documentación exhaustivo para reproducir fielmente os escenarios




O ilustrador, o barallés Miguel Fernández, xa fixera gala dese mesmo rigor histórico en traballos anteriores
É o caso de Os días do cometa, do que falamos no seu momento nesta páxina, que está enmarcado nos anos 80
Ou O fillo da furia, obra encadrada a comezos do século pasado, que conta as andanzas do bandoleiro Mamede Casanova
A edición integral de A espada de San Eufrasio, publicada por Diábolo, é ao fin realidade grazas ao apoio da Deputación luguesa
Precisamente o sábado vindeiro o autor presentará esta nova versión na nosa lingua no Banda á Feira, o maior festival de cómics de Vigo


25 anos en Lugo

Parece que foi o outro día cando fixen vinte anos en Lugo , e resulta que xa pasaron outros cinco Hoxe mesmo, cúmprese un cuarto de século d...