05/12/11

Sombras famentas



Esta fin de semana presentouse na feira Culturgal o libro Sombras famentas
Editado por Urco, foi escrito polo meu querido amigo Jacobo Sánchez-Feijóo
O volume contén unha novela, á que se refire o título, ademais doutros relatos
-A frase E outros contos para ler de noite completa, de feito, o nome da obra-



Sobre estas liñas, vemos a Jacobo na feira asinando exemplares do seu libro
Segundo conta, xa chegou á súa segunda reimpresión tras unhas boas vendas
Neste senso, teño a honra de estar vinculado a este proxecto dende hai meses
-Exercín de lingüísta e de corrector, aínda que nos créditos figuro como editor-


Para rematar, deixo aquí un fragmento do relato principal, Sombras famentas
Dá unha pista sobre o seu afán de revisión do vampirismo, lonxe dos tópicos:

Sheridan Le Fanu, Polidori, Bram Stoker e outros deron as primeiras voces nerviosas de alarma. Os vampiros xa non eran cadáveres viventes que devoraban gando, nin sequera portadores de pragas duros de exterminar. As últimas novas constatadas dicían que eran elegantes, que se confundían coa sociedade adiñeirada, que viaxaban ata a mesmísima cidade de Londres -o corazón da modernidade, a tecnoloxía e o progreso!-, que podían soportar a luz do día e que sabían empregar as nosas máquinas modernas mentres se valían dos seus vellos aliados os lobos, as ratas, as sombras, os morcegos, a néboa e o espanto. Superaran moitas cousas que os debilitaban e aguzaran o seu enxeño. Eran máis cultos, máis intelixentes, máis refinados e perversos. Máis perigosos. Carrachas cun óptimo grao de sofisticación. Abandonaran o seu pulso contra o mundo para utilizalo ao seu favor e conveniencia. Axexaran o xeito humano de actuar e desa forma descubriron que a astucia consistía en mesturarse e confundirse, non en enfrontarse. Só así combaterían con vantaxe.”


Providence

  Veño de gozar da que se cadra sexa a derradeira grande obra escrita por Alan Moore Trátase de Providence , onde homenaxea a H.P. Lovecraft...