Fomos dende a capital do país ata Toronto e achegámonos ata o Niágara
Otava, chamada así pola tribo nativa, encóntrase á beira do río homónimo
Nela teñen a súa sede as cortes do Canadá, o Senado e mailo Parlamento
Sobre estas liñas, a torre do neogótico Parlamento do Canadá
Abaixo, o Châteou Laurier, un hotel de comezos do século XX
A cidade conta polo verán con bastante animación nocturna
Unha parada obrigada é nos postos das típicas colas de castor
Son unha especie de torradas longas e finas, que están boísimas
A Rideau Canal, con 45 esclusas, atravesa a capital canadense
Con 200 quilómetros de lonxitude, salva un desnivel de 80 metros
É a diferenza de altitude entre o río á altura de Otava e o lago Ontario
Declarada Patrimonio Mundial, serviu de precedente da Canle de Suez
No inverno unha sección convértese na maior pista de patinaxe do mundo
Na outra beira do Otava encóntrase a cidade quebequesa de Gatineau
Cruzar dun lado a outro do río na práctica supón cambiar de país
É outra cultura, con outra lingua, outras leis e outro carácter
Alí ten a súa sede o Museo Canadense da Historia
O edificio caracterízase por non ter esquinas
Fomos tamén ao nacemento do San Lourenzo para coñecermos as Mil Illas
En realidade son preto de 2.000 as insuas que salpican o río nesta rexión
A maioría delas locen casiñas, mansións ou pazos na súa superficie
No paseo en barco mesmo se pode ollar algún que outro castelo
Boa parte das Mil Illas encóntranse xa en augas estadounidenses
O noso seguinte destino estaba xa á beira dun dos Grandes Lagos
Cunha área metropolitana de 6 millóns de habitantes, é a maior cidade do país
Refírome a Toronto, cuxo skyline se asocia a unha torre de medio quilómetro de alto
Ademais da Torre CN, o singular consistorio tamén é toda unha icona
Logo temos aquí outra cidade subterránea importante, polos rigores do inverno
Pese á súa idiosincrasia anglosaxoa, Toronto é unha cidade multicultural
Unha alta porcentaxe da poboación ten unha orixe chinesa, italiana ou portuguesa
Na foto superior vese un festival indio na praza Dundas, no cruzamento con Yonge Street
Con 56 quilómetros de lonxitude, esta avenida está considerada a máis longa de todo o mundo
A rúa Yonge parte das inmediacións da torre CN e do lago Ontario
En fronte a Toronto hai varias illas, con vistas á cidade propias de postal
Mención especial para a Devonian Square, un recuncho cheo de encanto
Aquí encóntrase o Image Center da Universidade Ryerson, a meirande do país
Nun dos días que botamos en Toronto fomos de excursión ao Niágara
Nesta península visitamos as famosas cataratas en forma de ferradura
Tamén vimos as fervenzas da beira estadounidense do río
Estas son bastante máis pequenas cás canadenses
Nas inmediacións das caídas de auga construíron hoteis, casinos e diversas atraccións
É o resultado de que neste mesmo século vendesen terreos públicos pegados ao río
De Niagara Falls dirixímonos cara a Niagara-on-the-Lake
Esta vila encóntrase na desembocadora do río de igual nome
O curso fluvial conduce a auga dende o lago Erie ata o Ontario
Niagara-on-the-Lake conserva un certo aire colonial
A fins do século XVIII fora a capital do Canadá Superior
E xa entrado o s. XIX foi un dos escenarios da Guerra de 1812
Nela os estadounidendes pretendian tomar a Norteamérica británica
Este conflito anglo-americano saldaríase co fracaso dos Estados Unidos
Pero 200 anos despois o certo é que esta terra semella unha expansión ianqui
Algo do que os propios canadenses son conscientes e que non deixa de os preocupar